My Family and Other Animals

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
My Family and Other Animals
Autor Gerald Durrell
País Reino Unido
Lingua inglés
Tema(s) Saga da vida de Gerald Durrell en Corfú
Xénero(s) Novela autobiográfica
Editorial Rupert Hart-Davis
Data de pub. 1956
Seguido por Birds, Beasts, and Relatives (1969)
The Garden of the Gods (1978)


My Family and Other Animals ("A miña familia e outros animais") é unha novela autobiográfica do naturalista Gerald Durrell, publicada en 1956. Conta as súas vivencias na illa grega de Corfú na súa infancia, entre 1935 e 1939. Describe a vida da familia Durrell na illa dun xeito humorístico, ao tempo que fala da fauna da rexión. É a primeira parte da súa triloxía de Corfú, completada con Birds, Beasts, and Relatives (1969) e The Garden of the Gods (1978). O título da obra podería estar inspirado na obra de Louis Bromfield Animals and Other People.

En 1956 Durrell xa publicara numerosos libros sobre as súas expedicións zoolóxicas, pero este libro axiña acadou sona pola esaxeración cómica das personalidades dos membros da familia (especialmente do seu irmán maior Larry) e polo agarimosa e natural relación cos animais da illa. Amais de lanzar a súa carreira como propietario do Jersey Zoological Park e como escritor e personalidade da televisión, a obra contribuíu a aumentar o turismo en Corfú[1].

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

O libro narra de forma autobiográfica cinco anos da infancia de Gerald Durrell (dos 10 aos 15), da súa familiar, as súas mascotas e da vida en xeral durante a súa estancia na illa de Corfú. O libro aparece dividido en tres seccións, marcando as tres vilas onde que a familia tivo como fogar na illa. Amais do propio Gerald (o máis novo), á illa chegan a nai viúva, o irmán maior Larry (que quere ser escritor), Leslie (que adora as armas de fogo) e Margo, xunto co can Roger. Axiña traban amizade co taxista Spiro, que os sobreprotexe e acaba por converterse en amigo da familia. Gerald comeza a recibir clases de Theodore Stephanides, que inicia a Gerald na historia natural. Posteriormente Gerald coñecerá outros titores e amigos da illa, amais de amigos que veñen visitar a Larry.

A comedia humana aparece misturada con descricións da vida animal que Gerald observa nas súas expedicións ao redor das casas familiares, a illa e a costa. Ás veces devolve os animais ao seu hábitat e outras veces lévaos como mascotas, como a tartaruga Aquiles, a pomba Quasimodo, o bufo Ulysses, numerosas arañas, a gaivota Alecko, os cans Widdle e Puke e varios paxaros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Botting, Douglas: Gerald Durrell - the authorised biography. London, 1999. HarperCollins. ISBN 0-00-255660-X (en inglés).