Muwatallis II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Muwatallis II (rei hitita cara a -1310-1270), fillo e sucesor de Mursilis II.

Títulos e familia[editar | editar a fonte]

Os seus títulos serían "Sol meu", "Gran rei" e "Rei de Hatti". O nome, probabelmente de orixe luvita, quería dicir "conquistador" (ou hitita = O poderoso). O seu nome hurrita foi Sarri-Tesub. A súa muller foi Tenu-Hepa. O seu irmán era Hattusilis (Hattusilis III) que era sacerdote de Sausga e durante o reinado foi gobernador da Terra Alta Hitita e despois foi rei vasalo de Hakpis. Tiña unha irmá, Masanauzzi (Maššanauzzi) que casou co rei Masturi de Seha. Coñécenselle dous fillos: Urhi-Tesub, que despois foi o seu sucesor (Mursilis III); e Ulmi-Tesub ou Kurunta. Un primo seu, Arma-Tarhunta, fillo de Zita (irmán de Suppiluliumas I) foi gobernador da Terra Alta Hitita (antecesor no cargo de Hattusilis).

Fontes[editar | editar a fonte]

As fontes primarias do seu reinado son o tratado con Talmi-Sarruma de Khalap, o tratado con Alaksandu de Wilusa, e unha carta ao rei asirio Adadnirari I, así como outros documentos menores.

Inicio do reinado. Tratados[editar | editar a fonte]

Sucedeu ao seu pai Mursilis II aparentemente sen problemas. Muwatallis renovou o Tratado con Talmi-Sarruma de Khalap feito co seu pai Mursilis II. Talmi-Sarruma foi contemporáneo de Sahurunuwa, rei de Karkemish, fillo de Sarri-Kusuh, co que probabelmente fixo o mesmo, malia que non hai constancia.

Seti I en Siria[editar | editar a fonte]

Ao comezo do reinado de Muwatallis a Siria do sur perdeuse fronte a Seti I (cara a -1318-1304) que se apoderou de Amurru e Kinza (Kadesh) pero non o puido manter e seguramente fixo un tratado recoñecendo a fronteira nunha raia ao sur de Kadesh.

Campañas contra os kaskas[editar | editar a fonte]

Coñécenselle expedicións contra os kaskas en Sadduppa e Dankuwa; algunha expedición contra os kaska foi dirixida polo seu irmán Hattusilis, ao que o seu irmán nomeou gobernador en Pitteyarika, non lonxe de Samuha, pero non lle deu as forzas militares que Hattusilis reclamaba. Aínda así Hattusilis atacou aos kaskas e derrotounos de xeito importante nas proximidades de Hahha, onde deixou unha estela conmemorativa, devolvendo aos hititas as súas terras anteriores; os xefes kaska serían enviados prisioneiros ao seu irmán Muwatallis. Esta vitoria decidiu a Muwatallis a nomealo xefe da garda real (o terceiro cargo do Imperio despois do rei e o herdeiro) e tamén o fixo gran sacerdote do deus das tormentas de Nerik (que era adorado en Hakpis, porque Nerik permanecía despoboada en zona kaska), e nomeouno de feito gobernador da Terra Alta Hitita con Samuha, Pitteyarika, Hakpis, Istahara, Tarahna, Hattina e Hanhana como principais cidades, todas ao bordo dos territorios kaska.

Conflito entre Arma-Tarhunta e Hattusilis[editar | editar a fonte]

O antigo gobernador, Arma-Tarhunta, fillo de Zida (irmán de Suppiluliumas I), quedou relegado a unha posición secundaría, cousa que non lle gustou e comezou a difundir rumores sobre Hattusilis (acusado de dedicarse á bruxería) que ao final chegaron a Muwatallis, que comezou a sospeitar do seu irmán, o cal respondeu acusando a Arma-Tarhunta do mesmo; o rei fíxolles pasar unha proba relixiosa (a Divina Roda) que Hattusilis superou. Arma-Tarhunta foi condenado por bruxería xunto coa súa muller e fillos e as súas terras confiscadas e entregadas a Hattusilis (a única excepción foi que o rei declarou inocente a un dos fillos, Sippa-ziti, por piedade, xa que Arma-Tarhunta era un familiar e xa era vello, e finalmente a confiscación foi só da metade das terras, e o acusado, muller e fillos serían desterrados a Alashiya). Desde entón Hattusilis recibiu as forzas necesarias e venceu repetidamente ao kaska.

Os reinos occidentais[editar | editar a fonte]

Ao oeste Kupanta-Kurunta de Seha foi rei durante máis ou menos todo o seu reinado. Ura-Hattusa foi rei probabelmente de Hapalla. Kupanta-Lamna, fillo de Mashuiluwa de Mira-Kuwaliya, descendente dos reis de Arzawa polo seu pai e dos reis hititas pola nai (a nai era filla de Suppiluliumas I)), sucedeu ao seu pai. Masa sublevouse e atacou Wilusa, cuxo rei, Alaksandu, pediu axuda a Muwatallis II, que lla enviou e os rebeldes serían derrotados; un novo tratado estableceuse con Alaksandu, que se recoñecía vasalo do gran rei. No tratado o rei di que o tería que axudar nas súas campañas a Karkissa, Masa, Lukka, e Warsiyalla. Durante este tratado menciónase a Mitanni como estado independente.

Ahhiyawa e Millawanda permanecían independentes, a segunda gobernada por Atpa. Piyama-radu, un guerreiro posibelmente de Lazba (Lesbos) de onde era o seu avó, e que dirixía un continxente de desarraigados de Arzawa, púxose ao servizo de Ahhiyawa nunha posíbel loita contra os hititas e despois casou coa filla de Atpa. Lesbos era unha dependencia do rei de Seha, o cal permanecía leal aos hititas. Ahhiyawa buscou aliados contra os hititas e, se ben o rei de Mira e Kuwaliya o rexeitou, Wilusa aliouse con el. Muwatallis enviou un exército a Seha desde onde atacou Wilusa. Manapa-Tarhunta de Seha non participou alegando estar moi doente (segundo unha carta quedara impedido e probabelmente morreu pouco despois); talvez durante esta enfermidade, Piyama-radu atacou Lazba onde o seu avó minara a lealdade dos da illa. O Saripu (¿delegado?) de Seha en Lazba, e o Saripu do gran rei hitita na illa serían incitados polo avó a rebelárense e ao final fixérono e pasáronse a Piyama-radu. O final da historia non se coñece, pero en todo caso Piyama-radu, coa axuda de Ahhiyawa e de Millawanda continuou o enfrontamento cos hititas durante bastante tempo. Ao final do reinado aparece como rei de Seha Masturi, probabelmente un fillo de Manapa-Tarhunta II que casou con Maššanauzzi, irmá de Muwatallis II.


O reino de Mitanni[editar | editar a fonte]

Cara ao -1295 Adadnirari I de Asiria, alegando que fora atacado por Shattuara I de Mitanni, atacou o reino e levouse o rei a Asur, e aínda que despois retornoulle o trono, xa só foi un mero vasalo. O seu fillo e sucesor, Wasashatta sublevouse ao cabo dun tempo contra Asiria e pediu a axuda hitita; Muwatallis aceptou o pago feito polo hurrita a cambio da axuda que despois non foi enviado, e Adadnirari ocupou Taite (Taidu) e outras cidades, e finalmente Irridu, o último bastión da resistencia (que foi destruída), e fixo prisioneiros aos familiares do rei, levándose o tesouro real e aos prisioneiros a Asur.

Traslado da capital[editar | editar a fonte]

Muwatallis estableceu a capital do Imperio nunha cidade ao suroeste do país, na Terra Baixa Hitita, chamada Tarhuntasa ou Tarhuntassa. Hattusa foi encargada a Mitannamuwa (que de mozo salvara a vida ao seu irmán Hattusilis) e era cabeza dos escribentes (posto importante da corte, que foi entón ocupado por Burandaya, un dos fillos de Mitannamuwa). O motivo deste traslado, que provocou certa oposición, foi seguramente por un augurio dos deuses.

Guerra de Pishuru (cidade dos kaska)[editar | editar a fonte]

Neste momento nas terras kaskas tiña a hexemonía Pishuru. Ishupitta e Daistipassa, na Terra Alta Hitita, eran aliadas de Pishuru e apoderáronse das terras de Landa, Marista e algunhas cidades fortificadas dos hititas; os hititas non os puideron conter e os kaskas continuaron avanzando ao sur cruzando o río Marasanda e chegando ata a terra de Kanis (Kanesh). As cidades de Kurustama, Gazzuira e outra cuxo nome non se pode ler (pero que comeza por Ha...) uníronse aos kaska e atacaron as cidades hititas das proximidades. Durmitta tamén quedou baixo control kaska e atacou a comarca de Tuhuppiya. Os kaskas non atoparon ningún obstáculo na terra de Ippasanama, e puideron seguir ata atacaren a terra de Suwatara. Só dúas cidades, unha delas Istahara (a outra non se pode ler) escaparon aos ataques kaska.

Creación do reino de Hakpis[editar | editar a fonte]

Nestas circunstancias Muwatallis decidiu crear un reino vasalo ao norte para o seu irmán Hattusilis, co encargo de conter aos kaska. A corte real fíxose cargo de fortificar Anziliya e Tapikka, que pertencían ao novo reino, pero o gran rei rexeitou facer campaña en Durmitta e Kurustama porque xa era responsabilidade de Hattusilis, e retornou a Tarhuntasa deixando ao seu irmán só cos seus propios recursos. As terras do novo reino estaban case todas nos mans do kaska e o mesmo Hattusilis menciónaas como "Terras baleiras" (o reino formábano Ishupitta, Marista, Hisashapa, Katapa, Hanhana, Darahna, Hattena, Durmitta, Pala, Tummanna, Gasiya, Sappa, o río Hulanna, Hakpis e Istahara, as dúas últimas en "servidume", probabelmente administradas pero non parte do reino) . A capital foi Hakpis. A autonomía do rei era amplía como territorio de fronteira en parte por conquistar. O novo rei, cunha eficaz combinación de bastante militar e de diplomacia logrou en dez anos restablecer a orde e repoboar moitas rexións.

A batalla de Wistawanda[editar | editar a fonte]

O punto clave da campaña foi a vitoria militar sobre Pishuru, que conquistara ata Taggasta por unha banda e ata Talmaliya pola outra, conquistara Karahna e Marista e reunira un exercido con 800 carros de combate e numerosa infantería; Pishuru foi derrotado decisivamente en Wistawanda cando o exército kaska se vai desbandar á morte do seu xefe. Muwatallis só enviou 120 carros e non enviou infantería. A reconquista das cidades hititas xa foi sinxela. Hattusilis erixiu unha estela en Wistawanda. Aínda despois Hattusilis puido enviar forzas ao seu irmán pola batalla con Exipto que se librou en Kadesh en Siria.

A batalla de Kadesh[editar | editar a fonte]

Sobre os antecedentes e desenvolvemento da batalla de Qadesh e dada a falta de fontes hititas, é preciso consultar a biografía de Ramsés II e o artigo "Batalla de Qadesh". O rei hitita levaba continxentes de Mitanni (?), Arzawa, Dardany (?), Masa, Pitassa, Arawanna, Karkisa, Lukka, Kizzuwatna, Karkemish, Ugarit, Khalap, Nuhase, Kadesh e un territorio ou cidade chamado polos exipcios Mwš3nt (non identificado) ademais doutros continxentes (de Hakpis seguro e probabelmente de Seha, Mira e Kuwaliya, Hallapa, Wilusa...). A batalla foi un empate malia que Hattusilis de Hakpis atribuíu a vitoria ao seu irmán e Ramsés II atribuína a si mesmo e dixo que o hitita pediu a paz. É posíbel que así fose; ao non obter a vitoria por sorpresa, a alternativa era un tratado. Pero os exipcios tampouco non estaban interesados na continuación da guerra e asinaron o tratado no que as posicións hititas ficaban sen cambios e os exipcios se retiraban. Nas cartas de Amarna un rei de Alashiya quéixase a Akhenaton das expedicións de Lukka, que aparece como aliado hitita na batalla de Kadesh.

Campaña de Siria[editar | editar a fonte]

Muwatallis combateu entón aos pequenos reis locais. Amurru tívose que someter de novo e o rei Bentisina foi derrocado e posto no seu lugar un tal Sapili. O rei aínda conquistou Apa (Damasco?) máis ao sur, e despois retornou a Hatti. O seu irmán Hattusilis quedouse vixiante en Apa onde vai ficar talvez un par de anos, talvez ata cando volveu Ramsés II cun exército dividido en dúas partes: unha dirixida polo seu fillo Amon Hirhepesef que dominou as tribos shosu do Negev e o mar Morto e aos edomitas e se dirixiu a Moab; a outra parte, dirixida por el mesmo, atacou Xerusalén e Xericó e despois entrou tamén en Moab e uniuse ao seu fillo e xuntos marcharon contra Hesbon e finalmente reconquistaron Apa, momento en que Hattusilis tivo que volver se non o fixo antes. Nos seguintes dous anos Ramsés cruzou o río dos Cans (Nahr al-Kakb) e entrou en Amurru; o exército exipcio chegou ata Dapur ao norte, onde Ramsés se fixo erixir unha estatua; Kadesh, ben próxima, quedou dentro dos seus dominios pero ao cabo dun ano Dapur volvía ser hitita e un ano despois tivo que ser atacada outra vez por Ramsés. Aquí o faraón di que gañou a batalla sen problemas e que non se puxo o uniforme ata o cabo de dúas horas de iniciada a batalla; pero esta vitoria tampouco lle serviu de nada, porque poucos anos despois tivo que facer a paz cos hititas e tivo que recoñecer o seu control sobre a rexión.

Hattusilis pediu ao seu irmán a entrega de Bentisina, ex rei de Amurru, cousa que o seu irmán lle concedeu e entregou ao rei deposto unha residencia persoal en Hakpis; esta relación será favorábel para a recuperación da desgraza da dinastía de Bentisina.

Rebelión en Hakpis[editar | editar a fonte]

Hattusilis ao volver ao seu país pasou por Lawazantiya onde fixo ofrendas á súa deusa Sausga e casou con Pudú-Hepa, irmá de Pentib-sarri, gran sacerdote de Lawazantiya, matrimonio que talvez non tivo a aprobación real. Despois volveu ao norte, ao seu reino de Hakpis onde fortificou Hawarkina e Dilmuna, pero estalou unha revolta contra el. Hattusilis, falto da axuda do gran rei, convocou aos seus aliados kaska e esmagou a rebelión. Durmitta, Ziplanda, Hattena, Hakpis, Istahara e outra cidade serían restauradas e repoboadas. Parece ser que Hattusilis administrou ata Hattusa. Sausga foi a deidade tutelar do seu reino.

A sucesión[editar | editar a fonte]

As disputas sucesorias foron importantes. Urhi-Tesup, fillo de segundo rango, sen esperanzas de sucesión, viuse empuxado por circunstancias especiais a unha posición na que parecía o herdeiro aparente. Finalmente foi o sucesor co nome de reino de Mursilis III que nunca utilizou.

Hititas

Segue a:
Mursilis II
Muwatallis II
Precede a:
Mursilis III
-