Mutulu Shakur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mutulu Shakur.

Mutulu Shakur, nado o 8 de agosto de 1950, en Baltimore, Maryland, baixo o nome de Jeral Wayne Williams, é un activista político, produtor musical e músico estadounidense. Actualmente cumpre condena polo asalto a unha prisión e a un camión de seguridade en New York. Tamén é coñecido como Dr. Mutulu Shakur.

Actividade política[editar | editar a fonte]

Amigo íntimo de Geronimo Pratt, Mutulu Shakur foi un dos defensores da idea da República de Nova Africa, un Estado independente no sur de Estados Unidos, que aglutinaría os Estados de maioría poboacional de orixe afroamericana. Politicamente liderou unha facción do Exército Negro de Liberación (Black Liberation Army). Algunhas das súas accións ao fronte desta organización foron a liberación en 1979 da súa irmá Assata Shakur dunha prisión en New Jersey. O 20 de outubro de 1981, coa axuda de membros de Weather Underground, e tras varias tentativas infrutuosas, participa en Nova York ao asalto dun camión de seguridade da empresa Brinks, no que é asasinado un dos gardas de seguridade. Os asaltantes son vistos mentres cambian os cartos a outro camión, polo que a policía efectúa un bloqueo na estrada para detelos. No intento por detelos prodúcese un tiroteo que culmina coa morte de dous axentes e a captura da militante de Weather Underground Kathy Boudin. O resto dos implicados consegue fuxir. A cantidade roubada ascendía a 1'6 millóns de dólares.

Estas dúas accións valéronlle entrar no ano 1982 na lista dos dez máis buscados polo FBI, até a súa captura o 11 de febreiro de 1986 en California. Xulgado culpábel de ambos crimes, cumpre condena nunha prisión de máxima seguridade de Florence, Colorado. A súa liberación está prevista para o 10 de febreiro de 2016. Determinadas correntes ideolóxicas considérano un prisioneiro político.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Shakur é o pai adoptivo do coñecido rapeiro Tupac Shakur, e pai biolóxico do tamén rapeiro Mopreme Shakur. Participou sendo entrevistado no documental Tupac: Resurrection, nominado ao Oscar. Nesa entevista explica como compartía co seu fillo un código vital que incluía a oposición ás drogas e á violencia, como xeito de parar a violencia vencellada ás cuadrillas.

Mutulu fundou en New York a asociación Dare 2 Struggle, lanzando un recompilatorio en CD baixo o mesmo nome. Shakur explicou que o traballo buscaba inspirar e comprometer aos afroamericanos para atreverse a loitar contra calquera obstáculo. Tamén gravou un programa de radio para Deejay Ra dentro da campaña 'Hip Hop Literacy' (A literatura do hip hop), animando a que a xente lese libros sobre Tupac.

No ano 2006 lanzou como artista A 2Pac Tribute: Dare 2 Struggle un tributo a Tupac Shakur dentro do décimo aniversario da súa morte. Nel participou o seu fillo Mopreme Shakur e tamén outros artistas como Outlawz ou Imaah Faith. O disco foi publicado polos selos First Kut Records e Lyrical Knockout Entertaimente, pertencentes respectivamente a Morey Alexander e Deejay Ra. Este último coproduciu o disco xunto ao propio Mutulu.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas (en inglés)[editar | editar a fonte]