Mutatis mutandis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mutatis mutandis é unha locución latina que significa “cambiadas (as cousas) que deben ser cambiadas” ou “despois de cambiar as cousas que deben ser cambiadas”.

A locución chama á atención do lector ou do oínte para facerlle notar que, facendo os cambios necesarios entre dous textos, exemplos ou situacións análogas (esas pequenas diferencias como os nomes, lugares, datas etc.), todo o demais podería permanecer igual sen prexuízo do sentido, compresión ou finalidade dos mesmos.

Úsase frecuentemente en economía, filosofía, leis e en lóxica, para considerar unha expresión cun termo novo, ou observar o seu uso nun conxunto de cambios implícitos e mutuamente entendidos. A expresión tamén é usada no estudo de hipóteses, onde se fai o cambio requirido sobre as bases factuais do pasado e se seguen as causalidades resultantes.

No contexto xurídico utilízase esta expresión cando se chega a un acordo entre as partes e se firma coa condición de facer só as modificacións necesarias a un modelo anterior, é dicir, sen pasar por unha negociación extensiva do texto.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Ambos “mutatis” e “mutandis” veñen do verbo latino “mūtō” (mūtō, mūtāre, mūtāvī, mūtātum) que significa “cambiar”.

Mūtātīs é o participio de pasado pasivo (ablativo plural neutro), literalmente “tendo cambiado, despois de cambiar”.

Mūtandīs é un xerundivo (ablativo plural neutro), que expresa idea de necesidade, así que: “cousas que teñen ou que deben de ser cambiadas”.

A locución é unha construción do ablativo absoluto. Probablemente ten unha orixe medieval.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]