Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Museo de Ourense")
Fachada do Museo.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é un dos museos provinciais máis importantes da Península Ibérica, tanto polos seus fondos como polo propio edificio que ocupa. Localízase no antigo Pazo Episcopal no centro da cidade de Ourense ao carón da Casa Consistorial e a Igrexa de Santa María Nai, na Praza Maior (Rúa Bispo Carrascosa, 1, Ourense).

Historia[editar | editar a fonte]

O actual museo ten a súa orixe no ano 1845 cando a Comisión Provincial de Monumentos creou o Museo de Pinturas de Ourense, que abriu as súas portas o 1 de novembro de 1846. En maio de 1895 a propia Comisión decidiu a creación dun Museo arqueolóxico provincial que recollería os fondos do anterior museo así como as pezas arqueolóxicas que se foran atopando na provincia. Foi creado un ano despois, en 1896.

A comezos do ano 2002, o museo pechou ao público para acometer obras de remodelación en profundidade. Os servizos do museo trasládanse ao edificio Santa María de Europa, na Carballeira, no que se almacenan a maioría das coleccións, agás unha selección da escultura máis representativa, que se mostra permanentemente dende maio de 2006, baixo o titulo Escolma de Escultura na sala de exposicións San Francisco, que serve tamén de base para outras actividades puntuais.

O edificio: O Pazo Episcopal[editar | editar a fonte]

Escudo na fachada.

A súa sede é o antigo Pazo Episcopal, edificio de fábrica románica iniciado no ano 1131, en tempos do bispo Diego de Velasco e que sufriu diversas transformacións en estilo gótico (Torre de Santa María), renacentista (soportal ao xardín, cuartos...) e barroco (portada, patio dianteiro).

Foi declarado Monumento Histórico-Artístico polo Decreto de 3 de xuño de 1931.

O Museo ocupa o actual edificio desde o ano 1951. O edificio foi obxecto de estudos arqueolóxicos (o que obrigou a pechar o museo desde o ano 2002) ó aparecer evidencias da ocupación do terreo desde época romana.

As coleccións[editar | editar a fonte]

Torso fragmentario dunha estatua de guerreiro castrexo.

A sección de arqueoloxía acolle pezas da prehistoria e das idades Antiga e Media. Hai elementos do megalitismo, da idade de bronce (A Pedra Alta, espada de Mouruás), da cultura castrexa (figuras dos Guerreiros, estatua de Dioniso e Ampelos e cabeza de guerreiro de Rubiás), da romanización e do prerománico.

A sección de Belas Artes mostra esculturas do renacemento e barroco (como a Inmaculada de Juan de Juni ou os taboleiros da cantería de Montederramo) e pinturas dos séculos XIX e XX.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]