Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 37°59′21″N 23°43′57″E / 37.98917°N 23.73250°E / 37.98917; 23.73250

Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas
National Archaeological Museum Athens 09.jpg

Fachada do Museo.

País Grecia
Cidade Atenas
Tipo Arqueolóxico
Inauguración 1829
Enderezo Rúa Patission
Sitio web www.namuseum.gr

O Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas (en grego, Εθνικό Αρχαιολογικό Μουσείο) aloxa moitos dos obxectos arqueolóxicos máis importantes atopados en Grecia dende a prehistoria ata a antigüidade tardía. Considérano un dos grandes museos do mundo, contén a mellor colección de obxectos da antiga Grecia que se pode atopar no mundo.[1] Sitúase no centro de Atenas, no barrio de Eksarhia, a entrada está localizada na Avenida Patission, adxacente ao edificio, tamén histórico, que aloxa a Universidade Politécnica Nacional de Atenas.

Organízase en cinco temas máis ou menos cronolóxicos: a colección prehistórica (do século VI aC ao século XI aC), a colección de esculturas (século -VII ao século -V), a colección de cerámicas (século XI aC á Grecia romana), a colección de bronces, máis as coleccións exipcia e do Oriente Próximo.

O museo tamén alberga unha extensa colección de fotografías, unha biblioteca de investigación, laboratorios de conservación dos obxectos en metal, terracota, pedra e materia orgánica, un laboratorio fotográfico e máis un laboratorio químico. O museo acolle tamén exposicións temporais. Dispón dunha sala de actos, dunha gran tenda e máis dunha cafetería instalada nun atrio.

Historia[editar | editar a fonte]

O edificio do "Hephaisteion", que aloxou o museo durante un tempo.

No 1827, durante a guerra da independencia grega, a asemblea nacional de Trozen votou o artigo constitucional que prohibía toda exportación de antigüidades. No 1829, a cuarta asemblea nacional reforzou esta prohibición e o novo κυβερνήτης (gobernador), Ionnis Kapodistrias, tomou disposicións legais para levala a cabo. O 21 de outubro de 1829 tamén decidiu fundar o primeiro museo nacional arqueolóxico de Grecia, o cal foi instalado no edificio dun orfanato en Exina. O seu primeiro director principal foi o erudito de Corfú Andreas Moustoxydis. No 1830 publicouse un primeiro catálogo, realizado por L. Kambanis. O museo seguiu o desprazamento da capital e instalouse sucesivamente en Nauplia, despois dende o 1834 en Atenas no "Hephasteion", a Torre dos Ventos ou a Biblioteca de Adriano.

A primeira das leis gregas relativas á arqueoloxía, votada en 1834, prevía a construción dun edificio específico para acoller o "Museo público central de antigüidades", como se decidiu chamalo naquel momento. Así mesmo, isto tardou bastante, xa que se foron rexeitando os proxectos un tras outro. O aumento das coleccións, en gran parte a causa dos traballos das escolas arqueolóxicas estranxeiras que se encontraban traballando en Grecia, fixo tornar máis urxente a construción, que comezou finalmente no 1866.[2][3][4]

Edificio[editar | editar a fonte]

Estatua de bronce de Zeus ou Poseidón chamada Deus do cabo Artemísion, (-460), altura de 209 x 210 cm de ancho. Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.

O primeiro museo arqueolóxico nacional de Atenas creouse polo ministro de Grecia Ioannis Kapodistrias, mediante un concurso arquitectónico nacional que se anunciou para a situación e deseño arquitectónico do novo museo.[5] A construción comezou no 1866 e rematou en 1889 con fondos do goberno grego, a sociedade arqueolóxica e a sociedade de Micenas. Os principais benfeitores foron Eleni Tositsa, que doou o terreo en que se situaría o edificio do museo, e Demetrios e Nikolaos Vernardakis, de San Petersburgo, que doaron unha gran cantidade de diñeiro para a terminación do museo. O nome inicial do museo foi o de Museo Central, recibindo a súa actual denominación no 1881, por orde do entón primeiro ministro de Grecia, Charilaos Trikoupis. No 1887 Valerios Stais, arqueólogo prominente, foi nomeado director do museo.

Durante a Segunda Guerra Mundial o museo pechou as portas, e as antigüidades aloxadas no seu interior foron pechadas e enterradas en caixas protectoras coa finalidade de evitar a súa destrución e/ou saqueo. No 1945 o museo reabriu as portas baixo a dirección de Christos Karouzos. Na parte frontal do edificio hai un gran xardín de estilo neoclásico decorado con estatuas.[5]

Construción[editar | editar a fonte]

Leo von Klenze (fotografia de Franz Hanfstaeng, 1856).

Confiouse a Leo von Klenze un primeiro proxecto no 1834, o arquitecto de Luís I de Baviera, pai do rei Otto de Grecia. Von Klenze foi o arquitecto da Alte Pinakothek de Múnic. Inspirouse nunha parte deste último edificio para a "Galería nacional de escultura" prevista no ángulo sueste do Acrópole de Atenas (onde se creou máis tarde o museo do Acrópole). Pero xulgouse o proxecto como demasiado austero. Von Klenze propuxo un novo edificio, máis impoñente, que chamou "Pantecheion" e que prevía construír sobre o Aghios Athanasios, no Cerámico (alí onde este mesmo arquitecto previra edificar o Pazo Real tempo atrás). O proxecto propoñía dous edificios asimétricos: un rectangular e unha rotonda conectados por un pórtico, que debía recordar ao Propileo e ao Erecteion da Acrópole de Atenas. O custo demasiado elevado do proxecto impediu a súa realización.[6][7]

Outros arquitectos europeos propuxeron entón os seus propios proxectos, todos rexeitados. Finalmente, o rei Otto de Grecia organizou unha axuda internacional, o 30 de xuño de 1858, revisado pola Academia de Belas Artes de Múnic. Novamente, rexeitáronse catorce proxectos en total, presentados ao público en 1871, aínda que este someteu a plebiscito o proxecto dun arquitecto italiano, Arturo Conti. O rei concedeulle entón a Cruz do Salvador.[6][7]

Ludwig Lange, profesor de arquitectura da Academia de Múnic e autor do museo de Leipzig, propuxo por iniciativa propia, un novo proxecto: un edificio cadrado, organizado ao redor de dous corpos, cunha columnata na fachada. A caída de Otto I e os problemas financeiros do país impediron novamente que o proxecto se levase a cabo e esqueceuse a proposta de Lange. Unha campaña de prensa, dende o 1864, pedía a construción do museo. Creouse un comité para reflexionar dende os planos de Conti. Os de Lange redescubríronse entón e xulgáronse superiores. O 24 de febreiro de 1865, un decreto real de Xurxo I de Grecia decidiu a construción, confiada ao arquitecto Panagiotis Kalkos, dun "Museo arqueolóxico nacional", sobre o Aghios Athanasios, dende os planos de Lange. Os traballos comezaron, pero o sitio, no centro dun depósito arqueolóxico formulou problemas, e os traballos paráronse. Eleni Tositsa ofreceu un terreo, ao lado da Universidade Politécnica Nacional de Atenas, coa finalidade de construír o museo. Asinouse un novo decreto real, o 23 de marzo de 1866 e colocouse a primeira pedra o 3 de outubro de 1866 en presenza do soberano, o goberno, os deputados e os membros da Igrexa Ortodoxa Grega.[8]

Plano do museo no 1881

A construción atrasouse, así mesmo, a causa da morte de P. Kalkos, substituído despois dalgúns problemas de financiamento por Harmodios Vlachos. A parte central da á occidental rematouse en 1874. O principal cambio con relación ao proxecto de Lange era a desaparición da columnata. Contactouse con Theopil Hansen e propúxoselle proseguir a construción. Negouse: non lle gustaba o proxecto de Lange, polo cal suxeriu empezalo de cero, no sur da Acrópole, cun custo de sete millóns de dracmas. O Estado grego negouse. Finalmente, o seu alumno, Ernst Ziller aceptou tomar o relevo. Alterou os plans de Lange e outorgou ao museo o seu aspecto neoclásico. Retomou a proposta que presentara para o museo arqueolóxico de Olimpia: un pórtico con catro columnas xónicas na fachada e unha a cada lado da porta; dúas galerías laterais con pilastras cadradas rematas por un pórtico cun frontón baleiro e das estatuas de terracota polo soportal. A á meridional completouse en 1885 e a setentrional en 1889. Comezado no ano 1866, o edificio principal, rematado en 1889 grazas ao financiamento do Estado grego (que dende 1854 reservara sobre o seu presuposto anual a insuficiente suma de 10.000 dracmas), da Sociedade arqueolóxica de Atenas e de mecenas como Eleni Tositsa que doou o terreo; Dimitrios Bernadakis, un grego que vivía en San Petersburgo, que doou 200.000 dracmas en 1856 e despois do seu fillo, Nikolaos, que entregou 100.000 francos a comezos dos anos 1870.[9][2][7][10][11]

Dende os primeiros anos, o museo foi insuficientemente grande como para acoller as coleccións cada vez máis abundantes. Realizouse unha primeira ampliación, dende 1903 ata 1906: engadíronse tres salas, creadas polo arquitecto grego Anastásios Metaxás, cara ao leste, no eixe da entrada principal. Novamente, foi rapidamente insuficiente. Realizouse unha nova extensión, maior esta vez, entre 1932 e 1939, da man do arquitecto grego George Nomikos, sempre cara ao leste. A ampliación de 1903-1906 foi demolida e substituída por un edificio de dous pisos onde foron instaladas as oficinas e os laboratorios, e tamén o almacén no subterráneo. Outorgouse ao museo a súa organización actual, con aproximadamente 8.000 m² de exposición.[9][2][7][10][12]

Primeiras presentacións e renovación[editar | editar a fonte]

Cabeza pintada de pedra calcaria dunha deusa procedente de Micenas circa 1300 aC-1250 aC

A transferencia das coleccións nacionais comezou dende 1874, ao mesmo tempo que o edificio estaba aínda en construción. O primeiro ministro, Charilaos Trikoupis, suxeriu no 1881 bautizar definitivamente ao "Museo Central" como "Museo Nacional arqueolóxico". Ás coleccións xa reunidas en Atenas achegáronse obxectos de todo o país. En 1884, a Sociedade arqueolóxica de Atenas comezou a transferir as súas coleccións. O coleccionista grego Ioannis Dimitriou fixo subvención da súa colección de arte exipcia no ano 1890. Outros coleccionistas fixeron o mesmo: Eleni Stathatou, Konstantinos Karapanos e Grigorios Empedoklis. A primeira presentación das coleccións das antigüidades levouse a cabo principalmente por Panagiotis Kavvadias, coa axuda de Chrístos Tsoúntas para a prehistoria, e por Velerios Stais para os obxectos pequenos. Coas temáticas de: escultura, cerámica, pequenas estatuas en terracota e en bronce, inscricións (agora desprazadas ao Museo Epigráfico de Atenas), a colección micénica e a exipcia. A medida do museo, relativamente pequeno nos principios do século XX, facía que se acumulasen bastante as coleccións: as estelas, por exemplo, colgaban da parede como cadros.[2][10][13]

Durante a Segunda Guerra Mundial, dispersouse unha gran parte das coleccións para evitar os saqueos: ocultadas debaixo de area nas reservas do museo, baixo as mesmas salas do museo, en fosos cavados para a ocasión, nas caixas do Banco de Grecia ou tamén nas grutas da periferia ática. Durante a Guerra Civil Grega o edificio sufriu danos polos combates e tamén foi empregado como prisión. Foi necesaria unha restauración do edificio, principalmente do teito. Durante estes traballos, financiados polo plan Marshall, concentrouse unha presentación reducida das coleccións en dez salas da á occidental. A reapertura parcial tivo lugar en 1946 cunha exposición que celebraba o centenario da Escola francesa de Atenas. Seguidamente, o director do museo, Christos Karouzos e a súa esposa Semni Karouzos reorganizaron as coleccións por unha orde cronolóxica que cambiou os espazos. O museo abriu novamente, de forma íntegra, en 1964. A colección exipcia expúxose novamente a partir do 1994.[2][14]

O museo actualmente[editar | editar a fonte]

Plano da planta baixa

O museo pechouse do 1 de outubro de 2002 ao 1 de xuño de 2004 para unha nova renovación, a raíz, en parte, do terremoto de 1999 e tamén como preparación para os xogos Olímpicos de verán de 2004.[10][15] As salas foron abrindo pouco a pouco. Dende xuño de 2008, a colección exipcia é visible novamente. Con este motivo, alongáronse os horarios de apertura, o museo, que pechaba ata entón ás 15:00, permanece aberto ata as 20:00, co obxectivo de inverter a tendencia á baixa das visitas (-25% entre 2007 e 2008), e tamén de responder ás solicitudes das axencias de viaxes que queiran poder mostrar dous lugares ou museos ao día aos seus clientes durante unha viaxe organizada.[16]

O 26 de febreiro de 2009 abríronse catro salas novas, financiadas pola Unión Europea, dando por rematada esta última renovación. Expóñense ata 2500 obxectos: ídolos en cerámica, xoias en ouro, obxectos de vidro así como obxectos chipriotas e a colección Blastou-Serpieri.[17]

Colección[editar | editar a fonte]

Busto do Minotauro no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas
O ídolo de Amorgós (2800 aC-2300 aC)

A colección do museo está organizada en seccións:[18]

Colección de prehistoria[editar | editar a fonte]

A colección de prehistoria está composta por obxectos que datan do neolítico (6800 -3000 aC), comezos e mediados da idade de bronce (3000 -2000 aC e 2000 a 1700 aC respectivamente), e obxectos clasificados como arte micénica ou cicládica. Os obxectos, organizados de xeito cronolóxico, proceden de hábitats e cemiterios de Grecia continental e das illas do Mar Exeo, os descubrimentos importantes realizados no nordés do Exeo.[19]

Desta época datan os descubrimentos de obxectos de cerámica encontrados en importantes asentamentos do neolítico como Dimini e Sesclo, así como cerámicas que datan do heládico medio, procedentes de Orcómeno (Beocia), a periferia ática e Phthiotis. Tamén se mostran algúns obxectos procedentes da escavación de Heinrich Schliemann en Troia.[19][20]

Os obxectos expostos son sobre todo, obxectos da vida diaria: vasillas, vaixela, ferramentas e xoias. A presentación é cronolóxica co fin de permitir comprender as evolucións técnicas, como, por exemplo, a introdución do torno de oleiro. Pódense ver tamén algunhas figuras pequenas masculinas e femininas en arxila.[19]

Colección de arte cicládica[editar | editar a fonte]

A colección de arte cicládica contén algunhas das figuras máis famosas de mármore encontradas nas illas do Mar Exeo de Delos e Keros. Estas misteriosas representacións de figuras humanas que se parecen tanto á arte moderna e chegaron a inspirar a moitos artistas como Henri Moore[21] proceden de antigos cemiterios das illas do mar Exeo que datan do terceiro milenio antes de Cristo. Tamén proceden destas escavacións diversas ferramentas e colectores de bronce.

Os descubrimentos de Phylakopi ou Filakopi en Melos pola "British School at Athens" son obxecto dunha presentación particular. O ídolo de Amorgós é a escultura máis grande encontrada: mide 1,50 metros (2800 aC -2300 aC). Esta sala contén tamén os músicos de frauta e lira procedentes de Keros, tixolas, vasos de mármore e cerámica cicládica, así como fragmentos dos frescos de Phylakopi.[22][23][24]

Colección de arte micénica[editar | editar a fonte]

A Máscara de Agamenón (século -XVI), é unha das pezas máis coñecidas do museo.

A civilización minoica está representada no museo con diversos obxectos, entre os que se poden citar vasillas de pedra, bronce e cerámica, pequenas figuras, obxectos de marfil, vidro, selos de ouro e aneis procedentes das tumbas de Micenas e outros lugares do Peloponeso (Tirinto na Argólida, Pilos de Mesenia e Vaphio na Laconia). Son especialmente interesantes desta colección dúas copas de ouro de Vaphio que mostran a escena da captura dun touro do século -XV descubertas no ano 1889. Atópase un fragmento dun fresco coñecido como a Dama de Micenas, que está considerada como a primeira representación naturalista de Occidente, datada do século -XIII.[25][26]

A Dama de Micenas, fresco do século XIII aC

Dentro da colección micénica inclúense tamén os descubrimentos de Heinrich Schliemann en Micenas no século XIX. Son de gran interese as máscaras funerarias de ouro que cubrían a cara dos líderes micénicos enterrados. Pero entre elas, a máis famosa é a chamada erroneamente a Máscara de Agamenón, remontándose ao século XVI aC, moldeada a partires da cara do defunto antes do seu enterramento, pódese considerala como unha clase de retrato. Na mesma vitrina de exposición atópase un puñal de bronce damasquinado en ouro e prata, que representa unha escena de caza de felinos.[25][26] Tamén hai descubrimentos procedentes da cidadela de Micenas, nos que se inclúen relevos, contedores de ouro como a copa de Néstor, cristal, alabastro, xoias e ferramentas de ámbar. Tamén chama a atención un grupo de marfil onde aparecen dúas deusas cun neno, unha cabeza pintada de pedra calcaria dunha deusa e máis o famoso enxoval do guerreiro, que data do século -XII.[25][26]

Colección de esculturas[editar | editar a fonte]

Koúros Sounion de tres metros de altura (circa -600)

Escultura arcaica. As esculturas do tempo arcaico (século -VIII - século -VI), principalmente dos koúroi, do tipo máis o menos inspirado do Exipto e os xóana antigos, figuras de madeira en forma de columna, e as koraí, unhas estatuas de mulleres novas co peplo.[27][28]

Atópanse no museo o Kourós do Sounion, que data do -600, é unha estatua colosal votiva, mide máis de tres metros de altura e procede da praza do templo de Poseidón; o koúros de Milos ou o koúros de Volomandra en mármore de Paros, dá información das evolucións do milenio do século -VI coa aparición do famoso "sorriso arcaico". A estela en honor de Aristion, de Aristocles de Cidonia, que representa un hoplita, ou o koúros de Anavyssos, descuberta a estatua no 1936 e a base no 1938, os dous datados do -520. O mesmo acontece co koúros de Aristodikos (circa -500), descuberto durante a Segunda Guerra Mundial en Keratea. [27][28][29]

Escultura clásica. A escultura clásica acolle o estilo severo, con esculturas procedentes do templo de Afea ao nordés de Exina, así como pequenos bronces de comezos do século -V.[29][30]

Segundo as interpretacións, a estatua de bronce do Deus do Cabo Artemision (circa -460) podería representar a Zeus ou a Poseidón, esgrimindo un raio ou un tridente, atopada no fondo do mar, fronte á costa do cabo Artemision ao norte de Eubea, é un dos símbolos do Museo Nacional Arqueolóxico de Atenas. É un dos raros bronces orixinais do século -V que podería atribuírse a Calamis. Unha copia romana do Apolo Omphalos, atribuído a Calamis tamén, está visible ao seu lado no museo. Na mesma sala atópase tamén o disco de Milos (circa -460) e o relevo da Iniciación (-440 - -430), procedente de Eleusis e representando a Deméter, en compañía de Perséfone.[28][29][30][31]

Expóñense estelas funerarias, datadas principalmente de finais do século -V. Crese que ao finalizar os traballos do Acrópole terían quedado libres numerosos artistas que entón se terían posto ao servizo dos particulares. As estelas gañan en monumentalidade co tempo. As salas expoñen tamén lékythos, vasos funerarios brancos como o lékythos de Mirrine (circa -420), encontrado baixo a praza Sintagma de Atenas e doado ao museo no 1960, representando a Hermes Psicopompo guiando a Mirrine cara a Aqueronte.[29][30][32]

Outra das estatuas pertencentes ao museo é a Atenea de Varvakéion, copia romana de escultura criselefantina do Partenón, atopada no 1880 preto da escola ateniense do mesmo nome. A Athéna Lenormant tamén é unha copia (inacabada) en marfil pentélico, atopouse preto da Pnyx e data probablemente do século I, seguidamente atópase o Xinete de Artemísion do -140, atopado nos anos vinte do século XX en anacos dispersos fronte á costa do cabo Artemísion en Eubea. O ventre e a cola do cabalo foron restaurados parcialmente, atópase gravada sobre a pata dereita do cabalo unha Nike cunha coroa nas mans. Na mesma sala atópase a copia romana do século I, o Diadúmeno orixinal do escultor Policleto do -430. Pódense ver os elementos de decoración do templo de Asclepio en Epidauro, onde a "Vitoria alada" era a figura central do frontón.[29][30][31][33]

As seguintes salas conságranse ao «segundo clasicismo», considerado como máis dramático, despois da decadencia de Atenas, diante da potencia do reino de Macedonia. Atópanse as estelas funerarias máis tardías como a estela de Ilissos ou do cazador, datada do -340 e atribuída ao obradoiro de Escopas de Paros, represente un mozo cunha arma cazando cun can e un escravo aos pes. Outra estela, en forma de naiskos, é a do guerreiro Aristonautas, datada do -350, e que pola expresión dramática do rostro lembra o traballo de Escopas de Paros, atopada na necrópole do Cerámico de Atenas. Bronces atopados no fondo do mar, como os efebos: O efebo de Maratón (-330 - -325) asignado á escola de Praxíteles pola súa musculatura e o seu contraposto, tamén O efebo de Anticitera (340 ac).[29][30][31][33]

Escultura helenística e romana. Entre as esculturas helenísticas atópanse estatuas monumentais da deusa Temis e o deus Poseidón (-130). O famoso grupo de Afrodita e Pan (circa -100), en mármore de Paros, procedente de Delos, en moitas das partes aínda é posible apreciar restos de policromía.[29][34][35]

É posible contemplar os retratos imperiais de escultura romana, un fragmento dunha estatua ecuestre en bronce de Augusto, unha colección de pilastras de Hermes e unha serie de bustos de efebos e adestradores que supervisaban os efebos nos ximnasios procedentes do ximnasio de Dióxenes en Atenas.[29][34]

Colección de pequenos bronces[editar | editar a fonte]

Unha boa parte da exposición de pequenos obxectos de bronce procede da colección «Karapanos», froito das escavacións feitas en Dodona entre 1875 e 1877. Preséntanse obxectos da época xeométrica: figuras humanas e de animais, xoias colocadas nunha tumba reconstruída (século -IX). Placas votivas e máscaras procedentes do santuario de Zeus en Dodona tamén están aquí, xunto ás pequenas estatuas do século -VI e o século -V: Zeus que sostén o raio, unha figura identificada como os Dióscuros, formando unha parella cunha estatua semellante á do Museo do Louvre, un frautista e unha divindade feminina que pode ser Afrodita. O santuario de Olimpia proporcionou a maioría dos seguintes obxectos: uns plafóns do -600 con aguias, Heracles sobre un centauro e unha deusa dos animais, armas e armaduras e unha cabeza de Zeus (circa -520/-510). Noutra sala están habilitados os descubrimentos feitos sobre a Acrópole de Atenas, cunha Atenea Prómacos de comezos do século -V e algunhas criaturas mitolóxicas. Tamén pódese ver o mecanismo de Anticitera (circa -80) que se atopou fronte á costa desta illa entre Citera e Creta, con outros obxectos expostos na mesma sala. É o máis antigo mecanismo de engrenaxe coñecido, téñense propostas numerosas interpretacións, o museo considera que se trata dun instrumento náutico. Unha reconstrución moderna exponse ó seu carón, ó redor dos fragmentos de orixe..[31][36][37] A estatua helenística chamada «dama de Kálimnos», que estivera exposta, devolveuse á súa illa de orixe no 1994 e é a peza principal do museo local da illa de Kálimnos.[38]

Cascos de bronce de tipo corintio (século -VII e século -V)

Colección Santorini: frescos de Thera[editar | editar a fonte]

Expóñense no museo os frescos de policromía de Akrotirio (Santorini), vaixelas, armas e ferramentas. Akrotirio destruíuse no seu apoxeo durante o século -XVI, é considerado como unha Pompeia do mar Exeo. Ficou cuberta por unha grosa capa de pumicita de orixe volcánica que conserva intactas as casas en pisos. A cidade, naquel momento, estaba baixo a influencia da civilización minoica, como se pode apreciar nos motivos decorativos sobre as cerámicas, frescos e na adopción da escritura «Lineal A». Os frescos descubríronse nas escavacións dos anos 1967-1974 por Spyridon Marinatos. O fresco da primavera (con flores de azafrán e hirundínidos) cobre as tres paredes, pero o fresco máis famoso é o chamado dos boxeadores. Pintouse sobre paredes cubertas de xiz húmido, o que permitiu a súa conservación. Engadíronse algúns detalles despois de seco. As cerámicas son vasos policromados con motivos florais (lirios e azafrán) e animais (cabras e golfiños), motivos importados do continente ou de Creta.[39][40][41]

Frescos dos Boxeadores e dos antílopes (século -XVI)
Fresco da primavera (século -XVI)

Cerámicas[editar | editar a fonte]

Figura en terracota (século -VII) que serviu de modelo para unha das dúas mascotas dos Xogos Olímpicos de verán de 2004, neste caso «Athená».

Ademais dunha presentación cronolóxica das cerámicas gregas do século -XI á época romana, os obxectos agrúpanse por temas: santuarios importantes, hábitos funerarios e a muller e o neno.[42]

As cerámicas áticas que van dende o final da época micénica ata a época xeométrica permiten ver a desaparición progresiva das decoracións naturalistas que deixan lugar a formas xeométricas. Os sesenta e oito vasos atopados na tumba chamada «de Isis» pola figura desta deusa atopada no lugar, en Eleusis, son representativos do período protoxeométrico (século -X) onde os motivos se baseaban só en liñas, rombos ou círculos. Un dos písides atopados contiña unha sustancia branca a base de caolín, podería ter tido unha función cosmética. No xeométrico, a figura humana reaparece, estilizada. Os vasos do «Mestre de Dípilon» (chamados así xa que o seu taller estaba ó carón desta porta monumental de Atenas) ou os do «Pintor de Hirschfeld» son exemplares característicos.[42][43][44]

760-750 aC)

Está exposta tamén a produción de cerámica procedente das outras rexións de Grecia, tamén a dos vasos de «estilo oriental». Pódense ver tamén vasos cocidos de Tesalia, Santorini ou Chipre. Atópase gran cantidade de vasos procedentes das illas Cícladas, en xeral de Corinto, Eubea e a periferia da Ática, presentando as primeiras «figuras negras» como a ánfora do pintor de Nessos (século -VII).[42][44][45]

Das cerámicas con «figuras negras» expóñense tres ánforas (século -VI) e un cráter do pintor Sófilo, representando a Heracles que se enfronta a Nereo e unha copa que leva a firma de Exequias. Pódense ver tamén placas de madeira pintada (século -VI) procedente da gruta de Pitsa en Corinto, completamente únicas, que representan unha procesión feminina. Atópanse as cerámicas de Beocia (século -VI), as «copas de paxaros», chamadas así polo seu motivo principal dun paxaro coas ás abertas. Os pequenos obxectos encontrados no santuario de Hera en Argos (séculos -VI e -V) mostran a vida diaria do momento. Elementos dos templos de Apolo en Termos, e no de Ártemis en Laphria, completan esta colección.[42][46][47]

Coa visita ao museo pódese seguir o paso das «figuras negras» ás «figuras vermellas», entre o século -VI e o século -V, pode ser que sexa por iniciativa do pintor de Andócides que traballaba nese momento no Cerámico de Atenas. Esta sala expón vasos de Eufronis e Durides e tamén ritóns con forma de cabeza de «Etiópico». Exponse o pélice do pintor de Pan (-470), que representa a Heracles matando a Busiris e tamén as cerámicas co fondo branco (principalmente os lecites). Finalmente, as cerámicas de figuras vermellas (séculos -V e -IV) procedentes da Ática, Beocia e Corinto e tamén cerámicas do final do século -IV, policromadas e abundantes en detalles, chamadas do «estilo de Kerch» de Crimea. As escenas de competicións deportivas adornan as ánforas áticas. Pódese ver tamén un epinetron (obxecto que serve para fiar e que as mulleres colocaban sobre as coxas), ánforas panatenaicas (empregadas como premio para os vencedores destas competicións) e o enócoe empregado nas Antesterias (festas en honor a Dioniso).[42][48][49]

Detalle da cerámica de figuras negras (-620 - -610)
Detalle da cerámica de figuras vermellas (-400 - -375)

Colección de arte do antigo Exipto[editar | editar a fonte]

A colección de arte do antigo Exipto data dos derradeiros vinte anos do século XIX. Aínda que é importante a doazón do goberno exipcio no 1893, que regalou ao museo nove momias da era dos faraóns, a colección nútrese principalmente dos artigos de dos doantes: Ioannis Dimitriou (no 1880), natural de Lemnos e Alexandros Rostovic (no 1904). Resumindo: a colección inclúe máis de 6000 obxectos, aínda que hoxe en día só están expostos ao público uns 1100.[50][51]

A exhibición ten estatuas, ferramentas, xoias, momias, unha placa corporal de madeira para a momia, unha estatua impresionante de bronce dunha princesa, ovos de paxaro intactos e un pan redondo de 3000 anos de antigüidade coa pegada dunha dentada. A peza de 70 centímetros de altura e cuberta de bronce da princesa sacerdotisa Takushit, que data do -700. Tamén é posible ver unha estatu de Isis, procedente dun templo de Maratón, e os retratos de Madinat al-Fayyum.[50][51]

Colección Stathatos[editar | editar a fonte]

Diversas xoias de ouro no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.

A colección Stathatos recibe o seu nome de Antonis e Eleni Stathatos, doantes dos obxectos que a compoñen. A colección está composta por mil obxectos, principalmente xoias e outros obxectos de metal e cerámica, dende a metade da Idade do Bronce ata a época posbizantina. As pezas máis importantes son as de ourivería, procedentes de Kerpenisi e Tesalia, e datan do período helenístico.[52]

Novas coleccións[editar | editar a fonte]

Recentemente foron engadidos novos obxectos á colección do museo, entre os cales destaca unha coroa funeraria de ouro que data do século -IV e unha estatua en mármore e unha figura feminina, do século -VI. Estes obxectos foron devoltos polo Museo J. Paul Getty a Grecia, no 2007, despois dun litixio de dez anos no cal se demostrou que eran obxectos roubados no seu momento.[53] Un ano antes, e polos mesmos motivos, a Fundación Los Ángeles accedeu a devolver unha lápida do século -IV procedente das proximidades de Tebas e un relevo do século -VI que foi atopado na illa de Tassos.[54]

Biblioteca arqueolóxica[editar | editar a fonte]

No interior do museo tamén hai unha biblioteca de 118 anos de antigüidade, onde hai libros antigos e publicacións de arte, ciencia e filosofía. A biblioteca conta con aproximadamente uns 20.000 volumes, incluíndo edicións raras que poden datar ata do século XVII.[55] A biblioteca abarca os campos da arqueoloxía, historia, arte, relixións antigas e filosofía grega, tamén literatura romana e literatura grega antiga. Teñen un valor moi especial os diarios de diversas excavacións arqueolóxicas, entre estes os de Heinrich Schliemann. En xeral, a colección de libros de arqueoloxía é a máis importante de toda Grecia.

A biblioteca foi renovada recentemente con fondos procedentes da Fundación Alexander S. Onassis, renovación que foi completada o 26 de maio de 2008. Dende entón, a biblioteca recibe o nome de Alexandre Onassis.[56]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ministerio de Cultura Grego, Museo Arqueolóxico Nacional (en inglés) (en grego)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Historia do Ministerio grego de cultura.
  3. Kaltsas, páx. 15-16.
  4. Barber páx.162-163.
  5. 5,0 5,1 The National Archaeological Museum (2000) Euangelia Kypraiou Archaeological Receipts Fund Direction of Publications, Athens Greece
  6. 6,0 6,1 Kaltsas (2007) páx.16
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Grèce. Guide Gallimard. (1998) páx.233
  8. Kaltsas (2007) páx. 17-18
  9. 9,0 9,1 Ministerio grego da cultura.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Athens Infoguide
  11. Kaltsas (2007) páx. 17-19
  12. Kaltsas (2007) páx.20
  13. Kaltsas (2007) páx.19-20
  14. Kaltsas (2007) páx.20-22
  15. General Secretariat of the National Statistical Service.
  16. Athens Plus, suplemento semanal en inglés en Kathimerini, 13 de xuño 2008 e 20 de febreiro de 2009.
  17. Athens Plus, 27 de febreiro de 2009.
  18. Sculpture in the National Archaeological Museum, Athens ' (2002) Nikolaos Kaltsas Getty Trust Publications: Museu J.Paul Getty, California, USA
  19. 19,0 19,1 19,2 Neolític. Ministerio grego de cultura
  20. Barber (1987) páx.165.
  21. Early cycladic sculpture: its aesthetics and its influences on Henry Moore and Constantin Brancusi DEB Lercher - 1979 - State University of New York at Binghamton
  22. Grèce continentale. (2006) páx. 202.
  23. Barber (1987) páx. 165.
  24. Cycladique. Site du Ministère grec de la culture
  25. 25,0 25,1 25,2 Grèce continentale (2006) páx.200-202.
  26. 26,0 26,1 26,2 Barber (1987) páx. 163-165.
  27. 27,0 27,1 Grèce continentale (2006) páx.202-203
  28. 28,0 28,1 28,2 Barber (1987) páx.165-167.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 29,5 29,6 29,7 Escultura. Ministerio grego de Cultura
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 Grèce continentale(2006) páx.203-206
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Obxectos de metal. Ministerio grego de cultura
  32. Barber (1987) páx. 168.
  33. 33,0 33,1 Barber (1987) páx. 169-170.
  34. 34,0 34,1 Grèce continentale., páx. 206-207.
  35. Barber (1987) páx. 172-173.
  36. Grèce continentale., páx. 207-208
  37. Barber (1987) páx. 171-172.
  38. Athens Plus., 10 de abril de 2009.
  39. Frescos de Thera. Ministerio griego de cultura
  40. Grèce continentale., páx. 208-209.
  41. Barber (1987) páx. 173-174.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 Cerámicas. Ministerio grego de Cultura
  43. Grèce continentale., páx. 209-210.
  44. 44,0 44,1 Barber (1987) páx. 174-176.
  45. Grèce continentale., páx. 210.
  46. Grèce continentale., páx. 210-211.
  47. Barber (1987) páx. 176-177
  48. Grèce continentale., páx. 211-212.
  49. Barber, (1987) páx. 177-178.
  50. 50,0 50,1 Athens Plus, 21 de novembro de 2008.
  51. 51,0 51,1 Exipto. Ministerio grego de cultura
  52. "El Museo Arqueológico de Atenas vuelve a exponer su valiosa colección de arte egipcio y de joyas de oro". 2008. http://participacion.abc.es/alasombradelaacropolis/post/2008/05/15/el-museo-arqueolaigico-atenas-vuelve-exponer-su-valiosa/.
  53. BBC NEWS | Europe | Ancient wreath returns to Greece
  54. CBC.ca Arts - Greece closes net on antiquities smuggling
  55. ekathimerini.com | Rares edicions
  56. Modelo:Format refhttp://www.ekathimerini.com/4dcgi/_w_articles_politics_100020_09/07/2007_85456 ekathimerini.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]