Morea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Muraena helena»)
Morea
Muraena helena

Muraena helena no Aquarium Finisterrae
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Elopomorpha
Orde: Anguilliformes
Suborde: Muraenoidei
Familia: Muraenidae
Xénero: Muraena
Especie: M. helena
Nome binomial
Muraena helena
Linnaeus, 1758
Sinonimia
  • Muraena australiae Richardson, 1848

A morea[1] (Muraena helena, Linnaeus 1758), é un peixe teleósteo da orde dos angüiliformes e familia dos murénidos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome deriva do latín muraena, co mesmo significado.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

É de corpo serpentiforme, alongado ata alcanzar tamaños de 130–150 cm de lonxitude, sen escamas. A cor é variable pero normalmente acastañada, con manchas irregulares amarelas ou abrancazadas; coa idade adquiren tons azulados.

Posúe unha aleta dorsal e unha anal, continuas e fusionadas coa caudal; unha funda dérmica protexe as aletas dorsal e anal. Carece de aletas pectorais e as aberturas branquiais redúcense a uns pequenos orificios rodeados dunha orla negra.

A cabeza é pequena, curta e alta, con ollos pequenos e unha forte boca provista de numerosos dentes longos e afiados; tamén ten dentes no vómer, pero estes son moito máis pequenos. A comisura da boca é posterior á posición dos ollos.

A súa mordedura é velenosa por mor dunha secreción hemolítica que producen na súa mucosa palatina, pero en calquera caso pode provocar graves feridas e infeccións.

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

A morea vive nas costas do Atlántico oriental, desde as illas Británicas a Senegal, incluíndo as illas Azores, Madeira, Canarias e de Cabo Verde así como no Mediterráneo, ata o mar Negro.

Vive xeralmente entre as rochas, agochada nas fendeduras e ocos dos fondos rochosos dos que, durante o día, só asoma a cabeza, á espera de que pase unha presa sobre a que lanzarse.

É activa de noite, capturando peixes e cefalópodos, dos que se alimenta.

Interese pesqueiro e comercial[editar | editar a fonte]

Moreas expostas á venda.

Péscase habitualmente mediante pesca submarina, aínda que tamén, ocasionalmente, con nasas e palangrees.

Resulta pouco apreciada na cociña galega, se ben nas costas mediterráneas é unha especie de consumo habitual.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para morea.
  2. Diccionario ilustrado latino-español español-latino VOX. Madrid: Bibliograf S.A. 19ª ed., 1991. ISBN 84-7153-197-6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]