Mumia Abu-Jamal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mumia Abu-Jamal (anteriormente chamado Wesley Cook), nado en Philadelphia o 24 de abril de 1954, é un xornalista e activista político afroamericano, actualmente na cadea baixo a acusación de asasinato. Membro dende cedo do Partido Pantera Negra, Abu-Jamal foi encarcerado en 1981 polo asasinato do policía Daniel Faulkner, de Philadelphia. En principio foi condeado a pena de morte, pero a súa sentenza foi revisada en decembro de 2001 e substituída pola de cadea perpetua. Abu-Jamal cumpre a súa pena na prisión de máxima seguridade SCI-Greene.

O caso de Abu Jamal recibiu atención internacional. Moitos dos seus simpatizantes proclaman a súa inocencia e denuncian que a súa detención e condena foron motivadas por causas políticas, considerándoo un preso político. Os detractores, pola súa banda alegan que foi legalmente condenado por asasinato e que tivo o beneficio dunha revisión do proceso.

Biografía e militancia política[editar | editar a fonte]

Abu-Jamal adoptou tal nome ao converterse ao Islam. Inicialmente escolleu o nome Mumia Abu-Jamal nunha clase de cultura africana á que asistiu no instituto e na que os estudantes cambiaban os nomes dentro da aula. De maior adoptou o nome legalmente. Mumia é un nome de orixe swahili, no entanto "Abu-Jamal" significa "pai de Jamal" (o nome do seu fillo) e é de orixe árabe.

Conscienciado políticamente dende moi novo, Mumia participa con catorce anos dun boicot á campaña presidencial de George Corley Wallace. Tras ser expulsado do mesmo, será agredido por un grupo de simpatizantes. Segundo conta el mesmo [1], ao pedir axuda á policía, Mumia recibe por toda resposta unha patada na cara por parte dun axente. Nas súas palabras "esa patada mandoume a ingresar nas Panteras Negras".

En 1968 convértese en membro fundador dos Partido Pantera Negra de Philadelphia. No 1970 traballa para o xornal do partido en Oakland, California, regresando a Philadelphia pouco despois. Comeza a traballar en distintos medios como xornalista radiofónico. O seu compromiso político como xornalista, sempre crítico co poder, fai que comece a ser coñecido como Voice of the voiceless (A voz dos sen voz).

Despois de que no 1978 se produza o ataque policial contra os locais da asociación MOVE de Powelton Village, co resultado de 11 mortos, Mumia denunciará firmemente a versión oficial. Isto fai que sexa marcado pola policía de Philadelphia como xornalista a vixiar e que finalmente perda o seu traballo como xornalista.

No momento do asasinato de Faulkner, Abu-Jamal traballaba como taxista para unha compañía de Philadelphia, a consecuencia dese despido, porén seguía a ser o presidente da sección de Philadelphia da Asociación de Xornalistas Negros. A revista Philadelphia nomeárao ese mesmo ano como unha das promesas da cidade.

O asasinato de Daniel Faulkner[editar | editar a fonte]

O 9 de decembro de 1981, sobre as 3:51 da madrugada, o oficial de policía de Philadelphia Daniel Faulkner foi asasinado a tiros tras dar o alto a un vehículo conducido por William Cook, o irmán máis novo de Abu-Jamal.

Segundo a secuencia dos feitos aceptada no xuízo polo xurado, tras deter o coche de Cook, este atacou a Faulkner, e o policía, á súa vez, tratou de reducilo. Nese momento, Abu-Jamal saíu dun taxi próximo e disparou a Faulkner polas costas. Faulkner devolveu os disparos, ferindo gravemente a Abu-Jamal. Nese momento Abu-Jamal avanzou sobre o policía, disparándolle catro tiros a queimarroupa, un dos cales impactou na cabeza, matándoo.

Debido á súa ferida, Abu Jamal foi incapaz de fuxir e foi detido por outros oficias de policía que trataban de axudar a Faulkner. Atopóuselle un revólver de calibre 38 mercado en 1979 do que, segundo as probas, se dispararan cinco tiros. Abu-Jamal foi levado directamente da escena do crime a un hospital onde se lle tratou a ferida. Alí, mentres recibía tratamento, recoñeceu que disparara a Daniel Faulkner. William Cook nunca deu testemuña do acontecido, limitándose a negar a súa relación co tiroteo.

As testemuñas[editar | editar a fonte]

Abu-Jamal nunca lle deu á policía unha versión dos feitos e nin sequera se referiu ao tiroteo até case 20 anos despois, cando o seu terceiro equipo de avogados ofreceu a declaración xurada de Arnold Beverly, que afirmou que el disparara ao oficial Faulkner como parte dun traballo para as mafias relacionado co desexo de afastar a Faulkner de intervencións contra a corrupción e contra pagamentos a policías corruptos. Abu-Jamal declararía máis tarde que el estaba sentado no seu taxi ao outro lado da rúa cando escoitou os disparos. Daquela afirmou que vira a seu irmán na rúa abaneando e que correu cara a el cando un policía que non era Faulkner lle disparou. Tamén declaraba que fora torturado pola policía antes de recibir axuda médica. A versión de Abu-Jamal non coincide coas evidencias físicas do feito e non explica por que se lle disparou a Daniel Faulkner cunha arma rexistrada ao seu nome.

Abu-Jamal foi acusado de asasinato en primeiro grao. Inicialmente tivo como avogado a Antony Jackson, aínda que en 1982 anunciou que se defendería a si mesmo mantendo a Jackson como asesor legal. Aínda que o xulgado lle permitiu inicialmente defenderse a si mesmo, máis tarde revogaría a súa decisión debido ao comportamento negativo do acusado. Abu-Jamal negouse repetidamente a asumir as regras do xulgado, polo que se lle ordenou a Jackson que retomase a súa función como avogado. O caso foi a xuízo en xuño de 1982. A acusación presentou algunhas testemuñas oculares e evidencias físicas contra Abu-Jamal.

Segundo a acusación, houbo catro testemuñas do tiroteo: Robert Chobert, condutor de taxi; Michael Scanlon, un home de negocios que estaba de viaxe fóra da cidade a noite o asasinato; Cynthia White, unha prostituta que máis tarde se revelou como confidente da policía; e Albert Magilton, un transeúnte. Todas estas testemuñas afirmaron que se atopaban no lugar á hora do tiroteo e todas elas identificaron a Abu-Jamal como a persoa que disparara ao oficial Faulkner. Unha quinta testemuña, non chamada por ningunha das partes, foi William Singletary, que afirmou que vira todo o incidente e testificou que Abu-Jamal non era a persoa que disparou. A testemuña de Singletary (11 de agosto de 1995) describe como a policía destruíu a súa declaración escrita e o obrigou a asinar unha declaración diferente ditada por eles.

Varias testemuñas fixeron declaracións escritas, ben á policía na escena do crime, ben no xulgado, ou en ambas situacións, contando que viran a un ou varios homes correndo pola rúa pouco despois do tiroteo. No xuízo, a defensa presentou declaracións feitas por catro destas testemuñas oculares: Deborah Kordansky, Robert Chobert, Veronica Jones, e Desie Hightower, como parte da estratexia que se coñecería como "a teoría do home que corre", baseada na posibilidade de que ese home puidese ser, verdadeiramente, quen disparou. Destas catro testemuñas só unha, Chobert, vira realmente o tiroteo, e pouco despois deste, dixéralle á policía que vira a Jamal disparar a Faulkner na cara, correr despois unha distancia pequena e caer na beirarrúa, a consecuencia do disparo recibido de Faulkner. As outras tres testemuñas fixeron varias declaracións sobre un home ou homes que corrían cara a ou dende a escena do crime, pero ningunha delas declarou que o home que corría estivese involucrado no tiroteo.

Finalmente, tres testemuñas adicionais, incluíndo a garda de seguridade do hospital Priscilla Durham, e dous membros do departamento de policía de Philadelphia declararon que mentres Abu-Jamal era tratado da súa ferida, dixo que disparara a Daniel Faulkner e que esperaba que morrese, dicindo concretamente: "Eu disparei a ese fillo de puta, e espero que morra". De todos xeitos existen algunhas evidencias que contradín o argumento de que Abu-Jamal admitise a súa culpabilidade no hospital. O persoal médico declarou que no momento en que supostamente se inculpou, Abu-Jamal estaba incosciente.

Durante o xuízo, a garda de seguridade do hospital, Pricilla Durham, testemuñou que escoitara laiarse a Abu-Jamal mentres xacía sangrando. O 24 de abril de 2003 o medio irmán de Priscilla Durham, Kenneth Pate fíxolles chegar unha declaración aos avogados de Abu-Jamal onde afirmaba que Priscilla lle confirmara nunha conversa privada que o único que escoitara dicir a Abu-Jamal aquela noite fora "sácame de aquí, están intentando matarme". A conversa tivera lugar vinte anos antes, nun momento en que Pate se atopaba na mesma prisión que Abu-Jamal.

Outra parte das testemuñas é o informe orixinal da policía, redactado polo oficial Gary Wakshul, que estivo con Abu-Jamal, todo o tempo entre o arresto e o tratamento médico. No seu informe dise que todo o tempo que estivo con Abu-Jamal, o sospeitoso "non fixo comentarios". Washkul declararía máis tarde que escoitara a Abu-Jamal confesar aquela noite, unha confesión que non mencionou até case tres meses despois do arresto, cando o avogado McGill, da acusación, falou con el para pedirlle unha confesión. O oficial Wakshul dixo que non pensara que a confesión fose importante no momento en que escribiu o informe orixinal. O xuíz Albert F. Sabo non lle permitiu ao xurado escoitar o informe orixinal de Wakshul.

As probas[editar | editar a fonte]

Malia as contradicións das testemuñas, o que máis danou a Abu-Jamal foron as probas forenses. O revólver de calibre 38 que mercara para defenderse como taxista en 1979 foi atopado na escena do crime, perto de Abu-Jamal e contendo cinco fundas de bala. Os expertos en balística nunca fixeron probas para ver se a arma fora disparada recentemente. Ademais, o responsábel da autopsia de Faulkner, o doutor Paul Hoyer, fixo constar nas súas notas que a bala extraída era do calibre 44. Máis tarde el testemuñou que estaba a facer un exame superficial baseado en observacións, e que el non era experto en armas de fogo, nin tiña formación en balística. Tamén dixo que os comentarios sobre o calibre da bala pertencían ás súas notas persoais e que nunca pretendeu empregalas como parte do informe oficial. As probas oficias de balística feitas na bala verificaron que Faulkner fora asasinado por unha bala do calibre 38, cunhas características que coincidían coa munición que se atopaba na pistola de Jamal. Ao mesmo tempo as probas de balística demostraron tamén que a bala que se lle extraera a Abu-Jamal fora disparada pola arma de servizo do oficial Daniel Faulkner.

O xuízo[editar | editar a fonte]

Amnistía Internacional incluíu o xuízo no seu rexistro de irregularidades, denunciando a falta das adecuadas probas de balística, como a comprobación de se nas mans de Abu-Jamal había ou non residuos de pólvora procedentes do disparo dunha arma. En 1995 o experto en balística chamado pola defensa testemuñou que, debido á loita de Abu-Jamal co policía durante a súa detención, era probábel que que eses residuos caesen, polo que a proba non sería relevante.

Willian Cook, presente na escena do crime desde o principio, non testemuñou, pero presentou unha declaración xurada manifestando o seu desexo de facelo e declarando que Mumia non matara o oficial. Mumia Abu-Jamal tampouco testemuñou na súa propia defensa, segundo unha declaración de 2001, pola falta de confianza no seu avogado, quen nunca lle preguntara o acontecido aquela noite, polo feito de ser expulsado á metade do xuízo, e tamén para non dar a sensación de que aceptaba as condicións dun xuízo que consideraba inxusto.

O xurado, tras unha deliberación de dous días, considerouno culpábel e foi por tanto condeado a morte. O número de irregularidades durante o xuízo de Abu-Jamal levaron a moita xente a considerar que a condena debía ser invalidada. Mesmo dentro dos sectores que crían na culpabilidade de Mumia, houbo voces que consideraron que, mesmo así, non recibira un xuízo xusto.

As asociacións de policías, e outras organización, así como a familia de Faulkner, apoiaron a condea a morte, na crenza de que o asasinato de Faulkner tivera lugar durante unha detención legal e de que o xuízo de Mumia fora xusto. Maureen Faulkner, a viúva de David, manifestou sempre un especial interese en que fosen respectados os resultado do xuízo orixinal.

No ano 2001 un estenógrafo declarou que escoitara dicir ao xuíz responsábel do caso a frase "Axudemos a fritir este negro". A declaración tomouse como base para as apelacións de 2005 sobre prexuízos raciais, que finalmente foron admitidas a trámite.

A revogación de 2001[editar | editar a fonte]

O xuíz William Yohn anulou o 18 de decembro de 2001 a sentenza de morte, citando irregularidades no proceso orixinal. Os avogados de Abu-Jamal, Eliot Grossman e Marlene Kamish, manifestaron a súa contrariedade polo feito de que se lle negase ao acusado a posibilidade dun novo xuízo baseado no feito de que resultaba probado que Mumia fora vítima dunha montaxe policial. A fiscalía do distrito non se mostrou conforme coa anulación da sentenza. Ambas partes apelaron a decisión.

As apelacións de 2005[editar | editar a fonte]

O 6 de decembro de 2005, o Terceiro Circuito de Cortes de Apelacións de Estados Unidos admitiu catro das reivindicacións formuladas polos avogados de Mumia.

  • admitiuse que o veredicto do xurado fora emitido de xeito defectuoso e que as instrucións do xuíz ao mesmo foran confusas;
  • a existencia de prexuízos raciais na selección do xurado, suficientes como para viciar as súas decisións;
  • que o fiscal tentara reducir o sentido de responsabilidade do xurado dicíndolle que unha sentencia de culpabilidade aínda podería ser recurrida e revertida;
  • que o xuíz responsábel do xuízo e da revisión de 1995 manifestara un comportamento inaceptábel e baseado en prexuízos raciais.

Despois da sesión de argumentos orais do 17 de maio de 2007, o tribunal ficou pendente de tomar unha decisión definitiva.

Apoio social e polémica[editar | editar a fonte]

Con Amnistía Internacional á cabeza, son moitas as organizacións que apoian a Mumia Abu-Jamal, aínda que debe dicirse que, a carón das que cren na súa inocencia e piden, consecuentemente, a súa liberdade, tamén hai moitas que están contra a pena de morte, sen recoñecer por iso que Mumia sexa inocente do crime que se lle imputa.

En 1999 o grupo Rage Against the Machine e outras tres bandas de rock organizaron un concerto en New Jersey, en apoio a Abu-Jamal. O gobernador do estado, Christy Whitman, lamentou non poder prohibilo e propuxo un boicot que non impediu un enorme éxito de asistencia e venda de entradas. O grupo menciona numerosas veces a Abu-Jammal no seu disco do mesmo ano The Battle of Los Angeles, especialmente no tema 'Voice of the Voiceless'. Moitos outros grupos e artistas téñenlle dedicado referencias ou tributos a Abu-Jamal, esixindo a súa liberdade.

En 1999 Abu-Jamal foi convidado polo Evergreen State College para dar o discurso de graduación da promoción dese ano, honra que aceptou, gravando o discurso que foi transmitido ao incio da cerimonia, xa que non se lle permitía legalmente presentarse en persoa. O feito recibiu moitas protestas de parte da policía en todo o país. Outros centros nos que Abu-Jamal apadriñou graduados son Antioch College, UC Santa Cruz, Kent State University, e Occidental College.

En outubro de 2003, concedéuselle a Mumia Abu-Jamal o status de cidadán honorario de París nunha cerimonia presidida pola pantera negra Angela Davis. Bertrand Delanoë, alcalde de París, dixo nunha rolda de prensa que o premio era un recoñecemento á loita contra a pena de morte, abolida en Francia en 1981. A proposta de facer a Abu-Jamal, cidadán adoptivo fora aprobada polo concello da cidade no 2001. No ano 2006 a cidade de Saint-Denis, en Francia, decidiu que a partir do 29 de abril dese mesmo ano, a avenida que chegaba ao estadio Nelson Mandela pasase a chamarse rúa Mumia Abu-Jamal.

A finais de 2006 os políticos Michael Fitzpatrick, e Richard Santorum, ambos do Partido Republicano de Pennsylvania, promoveron varias resolucións legais en relación a distintos organismos responsábeis das relacións internacionais. As resolucións baseábanse en tres propostas:

  • condenar o asasinato do oficial de policía de Philadelphia Daniel Faulkner.
  • requirirlle á cidade de Saint-Denis que mudase o nome da rúa Mumia Abu-Jamal e, de non facelo, requirirlle ao goberno francés que iniciase accións contra a cidade para forzala a iso.
  • facer loanza dos oficias de policía de todo o mundo, pola súa loita contra o crime e pola seguridade pública.

O 6 de decembro de 2006 a Cámara de Representantes votou por 368 contra 31, unha condena á decisión da cidade francesa de Saint-Denis de poñerlle o nome a unha rúa en honra de Mumia Abu-Jamal. O 11 de decembro de 2006, o comité executivo do Partido Republicano para Philadelphia e Germantown presentou cargos legais contra a cidade de París e contra a cidade de Saint-Denis por glorificar a figura de Abu-Jamal.

A solicitude para revalidar a condena a morte[editar | editar a fonte]

O 17 de marzo de 2006 a Commonwealth de Pennsylvania presentou unha solicitude para revalidar a orde de execución de Abu-Jamal. O 23 de outubro de 2006 presentouse tamén unha petición á Corte de Apelación dos Estados Unidos, para anular o primeiro xuízo. En opinión dos avogados de Mumia, sería a única alternativa de conseguir xustiza para o seu defendido.

Vida en prisión[editar | editar a fonte]

Dende o seu encarceramento, Abu Jamal continuou co seu activismo político, publicando Live from Death Row (Vida no corredor da morte), sobre a vida dentro das prisións. Tamén conseguiu unha titulación en artes polo Goddard College, e tamén un título de posgrao pola Universidade do Estado de California, ambos a distancia. Tamén gravou os discursos de graduación para distintas promocións de varios centros, e participa facendo comentarios en numerosos programas de radio. Tamén tivo o seu propio programa de radio que pode ser escoitado online na Prison Radio [1].

A organización Axis of Justice (Eixo da Xustiza) entrevístao semanalmente no seu programa de radio. En 1999 a revista Vanity Fair escribiu que Phillip Bloch o visitara en 1992 e que Mumia manifestara o seu arrepentimento polo asasinato. Mumia negou a veracidade deste relato e agradeceulle á revista, non o seu traballo, senó o feito de xerar debate.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Live from Death Row