Mumbai - मुम़बई

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 18°58′30″N 72°49′33″E / 18.97500°N 72.82583°E / 18.97500; 72.82583

Kalbadevie Road, c. 1890.

Mumbai (मुम़बई en marathi) (coñecida tamén como Bombai do hindoi: बम्बई) é a capital do estado Indio de Maharashtra e está localizada nunha illa unida a costa oeste da India.

No século XVI, os portugueses denominaron esta zona "Bom Bahia", nome que sería adaptado polos ingleses como Bombay. En 1995 estableceuse como denominación oficial Mumbai, aínda que Bombai continúa a ser popular no estranxeiro. O nome de Mumbai é, aparentemente, un epónimo derivado da deusa hindú local Munbadevi e de Aai, que significa "nai" en Marathi, aínda que esta etimoloxía é discutida.

Índice

Historia[editar]

A rexión de Mumbai estivo habitada dende o primeiro milenio antes de Cristo polos kolis, pobo drávida de pescadores, e os aagris, recolectores de sal. Os primeiros veneraban a Mumbadevi, encarnación local da deusa nai hindú. Construíuse de contado un templo, o Babulnath, dedicado ao seu culto preto da praia de Chowpatty, na punta occidental da baía.

Tolomeo chamou á zona Heptanesia, "sete illas", pois tal era o número que conformaban o apéndice final que se adentraba no Mar Arábigo; ademais de Trombai e a grande illa de Salsette ao norte.

As sete illas orixinais nas que se asenta Mumbai.

Nos primeiros séculos da nosa era había abondosos mosterios e covas hindús e budistas. A partir do século VIII foi refuxio de xudeus de Iemen e parsis mazdeístas que fuxían do avance musulmán, poboadores que caracterizarán o posterior cosmopolitismo do lugar.

Pero o verdadeiro comezo urbano de Mumbai sitúase cara ao 1300, no que o raxá Bhimdev da dinastía Silhara traslada a súa corte, pola presión musulmana precisamente, de Mahim no norte, a illa dese nome, onde funda unha cidade ben fortificada, Mahikavati. Favorece o asentamento de comerciantes e agricultores. O templo Walkeshwar tamén é desta época.

Porén, entre 1343-8 os musulmáns do Sultanato de Guxarat fanse co poder das illas e constrúen en Mahim unha primitiva mesquita.

En 1533-4 son os portugueses quen obteñen a concesión de toda a rexión, dende Bassein (Vasai), ao norte no continente, ata as sete illas. Constitúe o inicio de Mumbai propiamente dita, co asentamento dunha facenda na illa que chaman Mumbaim, pola deusa antedita cuxo templo alí existía, denominación que pronto cambiou a Bombaim. Asemade levantaron fortes en Mahim, Sion, Bandra e Bassein así como varias igrexas (p.e. S.Andrés en Bandra). Os xesuítas asentáronse en Mazagaon.

Mais os portugueses nunca estiveran moi interesados nas sete illas, que foron transferidas en 1661 ao rei inglés Carlos II coma dote matrimonial, e este as cedeu á Compañía Británica das Indias Orientais en 1668 que si andaba á procura dun porto de máis calado co de Surat. En 1687 transferiron a Bombay o seu cuartel xeral. A poboación sextuplicárase (de 10.000h en 1661 a 60.000 en 1675).

Axiña fortificaron a facenda portuguesa (Fort St.George), pero foi entre 1715 e 1745 que levantaron unha muralla que incluía o conxunto da vila, xermolo urbano da actual cidade.

A tarefa das décadas seguintes foi levar adiante a conexión e unión das sete illas mediante o recheo das zonas inundables intermedias. Levou século e medio configurar unha soa illa e polo medio a primeira liña do ferrocarril da India entre Bombay e Thana (1855) e un gran porto que aproveitara os tráficos xerados pola apertura da Canle de Suez.

Esta vocación de gañar terreos ao mar continuou por todo o século XX e ata hoxe cos plans de futuro da municipalidade.

En 2004 celebrouse nela o Foro Social Mundial.

Economía[editar]

Bombai é o maior porto da parte ocidental da India e cunta cun porto natural de grande calado. A poboación en 2004 era de 12,7 millóns, o que a converte na sexta cidade do mundo en tamaño.

Mercado en Bombai.

Bombai é a capital comercial da India e alberga institución financeiras importantes, tais como o Banco da Reserva da Índia, a Bolsa de Bombai e as sedes de numerosas empresas indias. As oportunidades comerciais e o nivel de vida, relativamente alto, teñen atraído inmigrantes de toda a India e o suroeste asiático, polo que a cidade conta con numerosas comunidades étnicas. En Bombai localízase Bollywood, o epicentro da industria cinematográfica e televisiva india e o maior produtor mundial de películas. Este nome está formado a partir do Hollywood dos Ánxeles, California. Bombai é unha das poucas cidades que conta cun Parque Nacional dentro dos limites municipais.

Véxase tamén[editar]

Historia urbana de Mumbai

Ligazóns externas[editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: