Muíños do Folón e do Picón
Coordenadas: 41°57′N 08°50′W / 41.95°N 8.833°W
Os muíños do Folón e do Picón son un grupo de 60 muíños en cascada, declarados Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia[1] ao constituír parte do rico patrimonio etnográfico da comarca do Rosal, xa mencionados en documentos do século XVII.
Índice |
[editar] Situación
Atópanse situados dentro do concello do Rosal, entre os lugares de Martín e Fornelos, na ladeira do Monte Campo do Couto, desde o cal se pode contemplar todo o val do Rosal, a desembocadura do río Miño e o Monte onde se atopa o Castro de Santa Trega.
[editar] Descrición
Os 60 muíños atópanse divididos en dous tramos que reciben dous nomes diferenciados:
- Os muíños do Folón, 36 construcións na vertente do Folón, por onde discorre o regato tamén chamado Folón.
- Os muíños do Picón, 24 da vertente do río Picón.
Dentro dos diferentes tipos de muíños existentes, pódense clasificar como muíños de rodicio ou de roda motriz horizontal, e dentro destes, nos muíños do Folón e do Picón podemos atopar tanto muíños de canle (normalmente cuberta no tramo máis inclinado), nos que a auga desemboca xustamente no inferno onde está situado o rodicio; e muíños de cubo ou de pozo, que se poden observar nos tramos con máis pendente da ruta, onde se almacenaba a auga nos cubos dos muíños superiores e de aí unha vez que o muíño xa a usara, pasaba ao seguinte e así sucesivamente.
A maioría deles teñen unha estrutura de dúas plantas, na inferior chamada sarteio pódese ver aínda a maquinaria na que actúa a forza da auga; no termiñado ou planta superior é onde se poden atopar as moas de moer o gran comunmente feitas de pedra.
Os primeiros muíños conservados datan dos séculos XVIII e XIX, como se pode comprobar, por exemplo, no muíño número 11 que recolle a datación máis antiga: Ano 1702, ou o muíño número 16 que recolle o ano 1715.
Nos linteis, xambas, umbrais e paredes (tanto interiores como exteriores, pódense observar, numerosos signos de canteiro, posteriormente, os propietarios dos muíños tamén deixaron as súas propias marcas e sinais coma cruces, tendo neste caso unha posible función a un tempo protectora e ao mesmo tempo delimitadora da propiedade.
Como exemplo está a inscrición dunha cruz coa lenda Ave María que se observa no muíño número 4 ou dunha cruz cun cáliz no muíño número 21.
Son edificacións feitas de pedra construídas en pendente ao lado do río, para aproveitar toda a forza da auga co fin de moer o gran. Neles moíase tanto gran de millo, de centeo ou de trigo para facer fariña. No exterior algúns deles conservan pías usadas coma abrevadoiros e comedeiros dos animais, coma por exemplo, no muíño número 5 (que ten un alpendre para as cabalerías) ou o 23.
Hoxe en día, existe unha ruta de sendeirismo sinalada coa posibilidade de facer visitas guiadas gratuítas co fin de ver e entender o funcionamento dos muíños.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de muíños do Folón e do Picón.
[editar] Notas
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Caamaño Suárez, Manuel (2006), As construccións da Arquitectura Popular. Patrimonio etnográfico de Galicia, Hércules de Ediciones. ISBN 84-96314-34-0.
- Martínez Barbosa, Juan Ramón e Martínez Tamuxe, Xoán (2009), Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal, Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-311-1.