Mosto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uvas sendo prensadas para obter mosto.

O mosto[1] (do latín mŭstum, "novo", "xove") é o zume da uva que contén diversos elementos da uva como poden ser a pel, as sementes etcétera. Considérase unha das primeiras etapas da elaboración do viño.

En enoloxía resérvase o nome de mosto para denominar o produto líquido obtido do prensado do acio da uva, con ramas e pel, destinado a ser convertido en viño logo da fermentación ou outros tratamentos enoloxicos, por exemplo a vinificación.

O mosto é a base dos viños e a súa cor depende de se se obtivo con pel (negro) ou sen pel (branco).

Tamén se lle chama mosto ao primeiro caldo da uva pisada ou prensada antes da súa fermentación e que se empeza a beber e degustar a partir do mes de novembro. Este é o mosto de uva fermentado e encubado durante uns corenta días, cun grao alcohólico aproximado de 12%.

O zume de uva, en cambio, é o nome co que se coñece o mosto clarificado e purificado destinado, logo de tratamentos térmicos do tipo da esterilización, a ser unha bebida sen alcol e de alto contido en azucre.

Os mostos conteñen dun 70 a un 85% de auga e de 140 a 225 g de azucre por litro. Actualmente é moi corrente fabricar mosto concentrado que entón xa non fermenta e é apto para o transporte, fabricación de bebidas ou serve para azucrar e aumentar o grao alcohólico dalgúns tipos de viños.

O mosto contén ácidos orgánicos (especialmente ácido tartárico e ácido málico), sales minerais (potasio, calcio, magnesio e sodio), tanino, materias colorantes, nitroxenadas, amoniacais ou orgánicas, gomas, pectina etc. A densidade varía entre 1,05 l e 1,13 l e determínase con densímetros ou outros aparellos para coñecer o grao alcohólico probable do viño que resulte.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ron Herbst and Sharon Tyler Herbst; Wine Lover's Companion; Barron's; ISBN 0-8120-1479-0 (paperback, 1995)
  • Marian W. Baldy, Ph.D.; The University Wine Course - A Wine Appreciation Text & Self Tutorial, 2nd Edition; The Wine Appreciation Guild; ISBN 0-932664-69-5 (paperback, 1995)
  • John Whittaker; Winemaking; Lone Pine Publishing; ISBN 1-55105-030-7 (paperback, 1994)
  • Jerome O. Nriagu; Saturnine Gout Among Roman Aristocrats: Did Lead Poisoning Contribute to the Fall of the Empire?; New England Journal of Medicine 308(11):660-3, 1983 Mar 17.;
  • Ilaria G. Giacosa; A Taste of Ancient Rome; University of Chicago Press; ISBN 0-226-29032-8 (paperback, 1994)
  • Molina, R; Teoría de la Clarificación de Mostos y Vinos y sus aplicaciones prácticas; ISBN 84-89922-28-4 (paperback, 2000)

Outros artigos[editar | editar a fonte]