Igrexa de Santa Comba de Bande

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mosteiro de San Trocado de Bande»)
Igrexa de Santa Comba de Bande
Cabeceira da igrexa.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa prerrománica
AdvocaciónSan Trocado
LocalizaciónSanta Comba (Bande)
Coordenadas41°58′23″N 8°00′07″O / 41.973076, -8.002069Coordenadas: 41°58′23″N 8°00′07″O / 41.973076, -8.002069
CatalogaciónMonumento Nacional (1921)
Culto
CultoSen culto
Arquitectura
ConstruciónSegunda metade do século VII
EstiloArquitectura prerrománica
editar datos en Wikidata ]
Interior da igrexa.

Santa Comba de Bande é unha pequena igrexa prerrománica visigoda construída durante a segunda metade do século VII. Santa Comba de Bande é a única igrexa deste período que se conserva na súa integridade.[1][2] Trátase do único edificio que se conservou dun mosteiro prerrománico a onde se trouxeran as reliquias de San Trocado (discípulo do Apóstolo Santiago), a quen estivo dedicada.

Recibiu a distinción de Monumento Nacional por mor dun Real Decreto do 11 de agosto de 1921 e, posteriormente, converteuse en Ben de Interese Cultural conforme á lei 16/1985 de 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español.[3]

Situación[editar | editar a fonte]

Está situada no concello de Bande, na comarca da Baixa Limia. Atópase a 15 km do núcleo municipal en dirección aos Baños, antigo campamento militar romano preto das augas termais, no lugar de Santa Comba.

Historia[editar | editar a fonte]

No lugar existiu unha igrexa con anterioridade ao século VII que foi construída cara ao ano 680 e abandonada trala invasión musulmá, aínda que non é seguro a data de construción, senón no ámbito de poder afirmar só que é de época suevo-goda. No ano 872, Afonso III encomendoulle ao seu irmán Odoario que restaurase a igrexa e este fixo que o seu curmán Odonio establecese un mosteiro no lugar. Ademais do masculino, tamén creou outro para mulleres no que entraron a súa nai coas súas doncelas. Á morte da nai, Odonio nomeou abadesa a Onega, coa que vivía maritalmente. Esta pasaría máis tarde ao mosteiro de Vimaráns e Odonio ao de Celanova, co que Santa Comba pasou a pertencer a este último.

Trala invasión musulmá da Península Ibérica, trasladáronse no século X dende Guadix, na provincia de Granada, ata esta igrexa os restos mortais de san Trocado, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago,[4] pero no século XVII os seus restos foron diseminados por distintas partes de España, deixando só unhas poucas reliquias en Celanova.[5] O sartego de mármore aínda se conserva no interiror da igrexa.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

A construción actual ten planta de cruz grega, inscrita nun cerramento rectangular do que sobresae pola cabeceira do rectángulo a capela maior e, polos pés, o pórtico e con cámaras autónomas aos lados das que só queda a do noroeste. O tratamento que se fai do espazo no templo simboliza o sentido da espacialidade de orixe oriental, crebada e descontinua como froito dunha agrupación maclada de volumes graduais.[7] Deste xeito a planta baséase nos panteóns paleocristiáns como o de Gala Placidia. Construíuse utilizando a medida da época, a vara visigoda, equivalente a 0,80 metros, en cantaría a óso,[8] con ornamentacións feitas coa técnica a bisel e o uso de arcos de ferradura de moderado peralte.

Sartego de San Trocado.

Son contemporáneas a esta entre outras a portuguesa igrexa de San Froitoso de Montelios ou a burgalesa Ermida de Santa María de Quintanilla de las Viñas.

O templo é ao mesmo tempo o exemplo máis antigo da política restauradora de templos da monarquía asturiana de finais do século IX. Nesta intervención levantáronse bóvedas de ladrillo, coa alternancia da cantaría e a cachotaría seguindo a técnica asturiana propia da época.

Interior[editar | editar a fonte]

Á capela maior, de planta cadrada, accédese a través dun arco triunfal de ferradura sostido por dous pares de columnas de mármore cuxos fustes proceden dun templo romano (algúns historiadores presentan a hipótese de ser o lugar dun templo ao deus Bandua, de aí o termo toponímico, e ter este deus nas súas representacións un torque coma atributo, así que a devoción a San Trocado ou Torcuato sería unha variación relixiosa por parte da igrexa).[9]

Os arcos de ferradura móntanse sobre un capitel tardorromano, outro hispanovisigótico e os dous restantes correspondentes a intervención durante o reinado de Afonso III, con motivos de sogueado propio do prerrománico asturiano.

Na bóveda da ábsida consérvanse pinturas murais do século XVI.[10] Na ábsida tamén hai unha xanela fechada con celosía de mármore.

O perímetro rectangular queda debuxado por estancias a ambos os dous lados do pórtico que comunicaban con este, outras co transepto e as da cabeceira coa nave. A capela maior quedaba unida a un dos brazos da cruz, nos que había dúas dependencias laterais das que só se conserva a esquerda. No treito dos pés desapareceron outros dous apousentos. As funcións de cada unha destas estancias estaría vinculada ao carácter monástico do templo, rexido pola Regula Monachorum de Froitoso de Braga.

Nas capelas laterais hai unha ara romana e o sartego, baleiro, de san Trocado. Parece ser que se levou ao mosteiro de Celanova en 1601. Tanto en planta como en alzado conxuga a cruz grega inscrita nun cadrado, cuxo punto central elévase mediante o ciborio.

Exterior[editar | editar a fonte]

O escalonamiento dos volumes do templo, do máis alto ao máis baixo, vai así do ciborio á capela maior, pasando pola altura media dos brazos da cruz.

Cóbrese con bóveda de canón na nave e no transepto, con bóveda de aresta no tramo central do cruceiro e bóveda de ferradura na capela maior.

Ten dúas portas. A principal reformouse en 1650 ao se lle engadir o pórtico. A do lado sur tamén se abriu máis tarde. Anteriormente o baptisterio estaba no lado sur, mais retiróuselle o tellado, se ben fica a pía bautismal.

O seu aparellamento é de bo perpiaño granítico e ao exterior presenta grande austeridade e limpeza de volumes só co engadido tardío do pórtico.

Cultura popular[editar | editar a fonte]

Enriba da tampa do sartego de San Trocado hai unha pedra en forma de ara. Os devotos raspan o sartego de San Trocado cunha cuncha de vieira e o po resultante, férveno, cóano e co líquido lavan a cara, xa que consideran que esta apócema é boa para curar as doenzas da vista e do oído[11]. Parte do sartego de San Trocado desgastouse pola devoción dos fieis. Do mesmo xeito é un dos poucos sartegos dunha soa peza de mármore branco.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Caballero, Luis; Arce, Fernando; Utrero, María de los Ángeles (2003). Arqueología de la arquitectura. Unidad Asociada CSIC/Universidad del País Vasco. Grupo de ArqueologíaTardoantigua y Medieval. pp. 69–73. ISSN 1695-2731. 
  2. Salcedo y Ruiz, Ángel (1914). Historia de España. p. 310. ISBN 9780274856695. 
  3. "Fomento destina 280.405 euros a obras en Santa Comba de Bande". farodevigo.es (en castelán). 13-12-2017. Consultado o 19-11-2019. 
  4. Monterroso Montero, Juan M.; Andrade Cernadas, Jose Miguel (2006). Arte beneditina nos Camiños de Santiago. Opus Monasticorum II. S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. ISBN 9788445343098. 
  5. "Iglesia de Santa Comba de Bande". 2004. Consultado o 07/08/2020. 
  6. "Santa Comba de Bande". Galicia pueblo a pueblo. Consultado o 07-08-2020. 
  7. Soraluce Blond, José Ramón. Guía da Arquitectura Galega, páx. 13, Guías Galaxia (1999) Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-186-8.
  8. Sistema de construción en cantaría con bloques de pedra cortados con exactitude para o seu mellor encaixe sen argamasa.
  9. Blog de Arte en Galicia:Santa Comba de Bande
  10. Ponce & Sánchez (1998), pp. 48-49
  11. "San Torcuato de Santa Comba de Bande". 2018. Consultado o 07/08/2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]