Mosteiro de San Pedro de Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de San Pedro de Montes.

O mosteiro de San Pedro de Montes é un cenobio sito no Val do Silencio, na comarca leonesa do Bierzo.

Situación xeográfica[editar | editar a fonte]

O mosteiro está situado no Val do Silencio, no sur da comarca berciana, a uns 17 km da cidade de Ponferrada, nos montes Aquilianos, un ramal dos montes de León, a uns 980 m de altitude sobre o nivel do mar. O val está atravesado polo río Oza, que nace aínda a maior altura, situándose o mosteiro nunha ladeira á esquerda da beira do río. Máis arriba aínda está a igrexa de Santiago de Peñalba, de estilo prerrománico mozárabe.

Orixe e historia[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición conservada nos documentos do propio mosteiro, foi fundado no século VII por Froitoso de Braga. Sería sucedido como abade por san Valerio.

A vida claustral estaría interrompida a teor da invasión musulmá da Península Ibérica. No ano 890 o mosteiro foi restaurado por san Xenadio, que refunda a congregación cunha ducia de monxes; en 896 adopta a regra beneditina. No 918 o rei Ordoño II conférelle couto no val, e 1124, a raíña dona Urraca concédelle outro couto en San Román de Hornija, as beiras do río Douro. Porén as noticias son escasas nas décadas sucesivas, até que outro abade, don Nuno, en 1164, reconstrúe a edificación e a igrexa. A igrexa foi reedificada de novo despois de 1243, cando se esborrallou.

No século XVIII, de novo volveu caír a igrexa e outra vez volveu ser reedificada. Desa época data o templo actual, reconstrución na que se reaproveitou parte dos materiais anteriores.

Logo da exclaustración (1835), un incendio destruíu parte dos edificios conventuais e o claustro, de xeito que deste apenas fican algúns arcos.

Dominio señorial[editar | editar a fonte]

O mosteiro de Montes a partir do couto inicial de 918, foi estendendo as súas posesións en varias direccións. Os medios polos que accedeu a ampliación do seu patrimonio, como no caso doutros señoríos mosteirais, foron dous básicos: as doazóns e as compras, de xeito que ao longo da Idade Media, Montes posuía bens no Bierzo, Maragatería e A Cabreira, no reino de León, e na comarca de Valdeorras e a terra do Bolo, no reino de Galicia.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mosteiro de San Pedro de Montes

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Quintana Prieto, Augusto; Fernández García, Amalio: Guía del Bierzo. León. Imprenta Provincial, 1965.
  • Durany Castrillo, Mercedes: San Pedro de Montes: el dominio de un monasterio benedictino de El Bierzo: siglos IX al XIII. León. Imprenta Provincial, 1977 - ISBN 84-00-03600-X