Mosteiro de Santa María de Monfero
O Mosteiro de Santa María de Monfero é un mosteiro medieval situado no entorno das Fragas do Eume e do que se conserva en bo estado a súa igrexa mentres que as dependencias monacais están en estado ruinoso.
Índice |
[editar] Situación
Mosteiro situado na parroquia de San Fiz de Monfero no concello de Monfero, na provincia da Coruña.
[editar] Historia
As súas orixes remóntanse cando menos ao século X, ao se fundar un cenobio ao pe dunha ermida dedicada a San Marcos. Este cenobio favorecido polo rei Bermudo II sufriu o ataque dos normandos, sendo reconstruído a iniciativa de Afonso VII no ano 1134 en colaboración con nobres como Afonso Bermúdez ou o Conde Pedro Osorio que lle fixeron doazóns e lle concederon privilexios.
A comunidade naquel entón acollíase a regra de San Bieito xa que a comunidade conformárase con monxes desa orde procedentes do Mosteiro de Santa María de Valverde do Bierzo.
No 1147 acóllese á reforma cisterciense a través do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, vivindo anos de esplendor económico e cultural.
A finais da idade media, coa reforma dos Reis Católicos, anexiónase á Congregación de Castela, da que dependeu ata a exclaustración de 1835. En 1882 hai un intento efímero de reintroducir a vida monacal no mosteiro ao se esteblecer unha comunidade cisterciense da que era abade Manuel Antonio Díez, que fora monxe da Congregación de Castela. A ruína do mosteiro e unha epidemia de varíola fixeron fracasar a tentativa.
A mediados do século XVI a comunidade monástica iniciou obras de renovación que continuarían ata a seguinte centuria, obras caracterizadas polo seu estilo clásico. No ano 1620 encárgase das obras Simón de Monasterio. A partir de entón imponse o estilo barroco e derrúbase a vella igrexa. A morte no ano 1624 de Simón de Monasterio, ao que se lle atribúen as trazas da planta e o alzado, fai que outros mestres de obra teñan que seguir co seu proxecto.
As obras continuaron e no ano 1639 xa estaba rematado o ciborio. No ano 1645 traballábase na fachada e no ano 1655 consagrouse o templo. A capela da Virxe da Cela remátase cara o ano 1666, obra á que lle seguirán outras como a sancristía, coñecida como Chirola.
[editar] Descrición
A igrexa é a parte que mellor se conserva. A igrexa románica probabelmente constaba de tres naves e tres ábsidas. Só se conserva dela o muro meridional, notabelmente alombado, cunha porta de acceso de arco apuntado no seu extremo occidental que hoxendía está tapiada.
Destaca a súa fachada barroca, única en Galicia polo axedrezado dos perpiaños, alternando granito con xisto, con catro enormes columnas e dúas pilastras rematadas con capiteis corintios, que combina, seguindo a Bonet, unha estrutura clásica cun dinamismo barroco.
A planta é de cruz latina cunha gran cúpula no cruceiro.
No interior atópanse os sepulcros de Nuno Freire de Andrade, Fernán Pérez de Andrade, O Mozo e Diego de Andrade.
O edificio monacal artéllase arredor de tres claustros:
O inacabado Claustro da Hospedería mandado facer polo abade Ruperto Martínez (1803-1807) sobre outro renacentista do que aínda se conserva o tránsito ao Claustro das procesións e catro columnas correspondentes aos recantos do lenzo meridional. A súa construción foi interrompida pola Guerra da Independencia e as obras nunca se retomaron. Só se fixo un dos catro lenzos e pouco máis.
O Claustro procesional, proxectado por Juan de Herrera, é de estilo renacentista con aloumiños góticos nos 24 tramos abovedados do andar baixo, e barrocos no tapiado realizado en 1786 deixando óculos elípticos e fiestras rectangulares. Durante o mandato do abade Alonso de Gorbalán (1683-1685) erixiuse unha fonte barroca.
O Claustro dormitorio é o de maior extensión. A diferenza dos outros claustros, é o único que medrou sen unha planificación previa ao longo dun dilatado espazo de tempo.
Contemplando o mosteiro obsérvase o tránsito harmónico desde un clasicismo herreriano a un barroquismo interpretado cunha aberta naturalidade. Dende o ano 1931 está considerado Monumento Nacional.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes do Mosteiro de Santa María de Monfero.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Bibliografía
- Carlos de Castro Álvarez e Adela García: Monasterio de Santa María de Monfero (2011). Ed. Espino Albar. ISBN 978-84-938761-2-8