Mosteiro de Yuste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista exterior do Mosteiro de Yuste.

O Mosteiro de Yuste é un mosteiro e casa palacio no que se aloxou e morreu Carlos I de España e V do Sacro Imperio Romano Xermánico tras a súa abdicación. Atópase preto da poboación de Cuacos de Yuste, na comarca de La Vera, ao nordeste da provincia de Cáceres. O convento actual reconstruíuse sobre as ruínas do vello Mosteiro que serviu de residencia ao emperador nos dous últimos anos da súa vida (1556-1558).

Historia[editar | editar a fonte]

Fachada do Mosteiro

O mosteiro data de principios do século XVI (1507), cando se constrúe un convento que posteriormente daría paso ao actual edificio, o cal foi construído por iniciativa de varios veciños da Vera, co obxecto de continuar alí a vida contemplativa dos ermitáns, acollidos con posterioridade á Orde de San Xerónimo.

No ano 1556 Carlos I de España decide retirarse a algún convento para facer nel vida monástica, elixindo para iso o Mosteiro de Yuste. Por esta razón tiveron que realizarse numerosas obras para ampliar as escasas dependencias coas que o Mosteiro contaba nese momento, e que eran insuficientes para albergar ao emperador e ás 60 ou 70 persoas coas que contaba o seu séquito persoal.

A Casa-Pazo constaba de dúas plantas con catro habitacións cada unha, ao redor dun patio interior; as habitacións do emperador, estaban situadas xunto ao coro da igrexa, de modo que lle permitían asistir aos oficios relixiosos desde o seu propio dormitorio, sentado na súa liteira, onde permanecía deitado debido á grave afección lumbar que o afectaba. Durante a estancia do emperador en Yuste, numerosos personaxes da Corte pasaron por alí para o visitar, entre eles o propio monarca Filipe II.


O 21 de setembro de 1558, morría Carlos I de España na que foi a súa última morada. Foi enterrado na igrexa para, con posterioridade, ser trasladados os seus restos ao panteón real do Mosteiro do Escorial (Madrid), por expreso desexo do seu fillo Filipe II.

Na Guerra da Independencia, as dependencias do convento foron incendiadas e quedaron practicamente destruídas. Os Xerónimos foron expulsados de Yuste e posteriormente, coa desamortización de Mendizábal, o Mosteiro foi posto en pública poxa, iniciándose unha época de abandono e deterioración do edificio.

En 1949, a Dirección Xeral de Belas Artes iniciou a reconstrución do mosteiro, procurando respectar ao máximo o deseño e os proxectos orixinais.

Conxunto arquitectónico[editar | editar a fonte]

Estanque localizado en fronte do mosteiro.

O conxunto arquitectónico componse de dúas partes claramente diferenciadas; por un lado, o convento, e por outro, a residencia do emperador. O convento, á súa vez, fórmano a igrexa, situada no centro, e dous claustros, un gótico e o chamado Claustro Novo. A igrexa e o claustro gótico pertencen ao século XV, mentres as demais construcións son do século XVI.

A planta da igrexa é dunha soa nave e de encabezamento poligonal. O templo comunícase co claustro gótico, o cal se dispón sobre planta rectangular, cun alzado de dúas plantas, cubríndose as galerías do claustro cun teito plano de madeira. A organización do Claustro Novo, de estilo renacentista, é similar ao gótico.

Polo que respecta á vivenda de Carlos V, trátase dunha edificación sinxela, na que predomina o ladrillo, a cachotería e a cantaría como materiais máis utilizados, sen apenas elementos decorativos.

A planta principal da que fora residencia do emperador é sinxela, estruturándose nun corredor central con dúas habitacións a cada lado. Na á da esquerda atópanse a antecámara e a alcoba de Carlos V, habitación que se comunica coa igrexa. Á dereita sitúanse dúas habitacións máis, con senllos miradoiros que dan á horta que completa o conxunto. Unha das devanditas habitacións foi comedor e sala de audiencias.

Entre o escaso mobiliario da residencia rexia, salienta a cadeira construída especialmente para o monarca. Tamén cabe mencionarse o reloxo de bronce e prata, realizado por Jeremías Metzger e que está datado en 1562.

Patrimonio Europeo[editar | editar a fonte]

Nun acto realizado no Mosteiro de Yuste o día 13 de abril de 2007, coa presenza da ministra de Cultura, Carmen Calvo, o presidente da Xunta de Estremadura, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, representantes autonómicos e dos países da UE, fíxose entrega da distinción do selo de Patrimonio Europeo.

Tamén tiveron este recoñecemento o Arquivo Xeral da Coroa de Aragón, a Residencia de Estudiantes de Madrid e o Cabo Fisterra, na Coruña. Estes son os primeiros lugares do Estado español incluídos nesta lista de Patrimonio Europeo. Este distintivo outórgase a bens culturais, a monumentos, a enclaves naturais ou urbanos, lugares cun interese cultural ou histórico en Europa co fin de protexelos e promovelos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]