Mosteiro de Santa María da Franqueira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Santa María da Franqueira
Fachada da igrexa coa portada románica
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSanta María
LocalizaciónA Franqueira (A Cañiza)
Coordenadas42°10′54″N 8°21′34″O / 42.18175833, -8.35935Coordenadas: 42°10′54″N 8°21′34″O / 42.18175833, -8.35935
Culto
CultoCatólico
DioceseTui-Vigo
Arquitectura
Construciónséculo VI, igrexa actual do século XIV
EstiloRománico con reformas
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María da Franqueira foi un pequeno mosteiro cisterciense de orixe medieval, situado nas abas do monte de Paradanta, nun noutrora inaccesíbel lugar da parroquia da Franqueira (Cañiza). Do antigo mosteiro só se conserva a igrexa parroquial. Foi levantado polos señores de Sobroso no século XIII, inicialmente para a orde dos Bernardos. No lugar celébrase a popular romaría da Franqueira, cunha antiga peregrinación de todas as parroquias da contorna, do sur de Galicia e mesmo do norte de Portugal.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia dos inicios do mosteiro e da adoración á Virxe vese chea de lendas e contos, algúns posibelmente herdeiros dunha orixe pagá céltico-galaica. Xa no ano 570 no parroquial suevo noméanse parroquias cristiás na zona, primeira evanxelización da Gallaecia. Seica a fundación do mosteiro da Franqueira fose arredor do ano 580 polo bispo Martiño de Dumio. O termo Franqueira (tamén escrito antigamente Franqueyra) procede do xermano e significaría: “lugar dos homes libres ou francos, honrados”. No século VIII, durante as breves invasións sarracenas, crese que a imaxe da Virxe foi agochada.

No século XI déronse as invasións viquingas e normandas e é daquela cando as tradicións din que se atopou a Virxe no Coto da Vella (cume de 924 m de altitude da Paradanta). Sábese que a imaxe se venerou nunha ermida, posibelmente froito dunha cristianización dun lugar de culto pagán e celta, e despois trasladouse á actual igrexa. Foi, pois, unha das advocacións máis antigas de Galicia. A lenda di que a Virxe foi atopada embaixo dunhas rochas no tal Coto da Vella por unha veciña que creu ver un resplandor nos penedos. A imaxe axiña se fixo moi popular e foi considerada milagreira.

Interior da igrexa, coa bóveda e a Virxe no fondo da ábsida.

Disque os veciños de Luneda se enfrontaron aos da Franqueira, porque querían a construción da capela nas súas terras. A decisión final tomouse dun xeito moi especial: carrexouse a imaxe da Virxe nun carro de bois aos que lles vendaron os ollos; o primeiro lugar onde estes se detivesen a beber, é onde erguerían o templo. Os bois detivéronse no manancial da Franqueira. En 1968 colocouse unha imaxe de pedra da Virxe no Coto da Vella, en lembranza do lugar onde se atopara inicialmente a Virxe. A tradición de levar a Virxe nun carro de bois durante a romaría refírese a este feito.[1].

O primeiro testemuño serio da existencia do mosteiro é do ano 1063, cando o rei de Galiza e León Fernando I fixo unha doazón ao seu abade Alvito e aos freires que nel moraban. Aproximadamente en 1293 adheriuse á Orde do Císter, despois de décadas de inexistencia da orde en Galicia. O século XIV foi o da plena consolidación do mosteiro, construíuse o complexo monástico do que só se conserva a igrexa medieval, e recibíronse varias doazóns significativas pola gran veneración que tiña a Virxe. No ano 1343 levantouse a portada románica, segundo reza o lintel. É curioso un testamento de 1361 do veciño de Ribadavia: Johán Gomes que manda yr en romaria por min huun home ou moller con oferta e con candea a Santa María da Franqueira, tamaña candea como eu de meu estado.

En 1444 o rei Afonso VII de León e Galiza concede un privilexio ao mosteiro. No século XIV, Paio Sorreda de Soutomaior incorpora ao patrimonio varios coutos, incluído o extinguido mosteiro de Casteláns, en Covelo para que A Franqueira conservase a categoría abacial ao ingresar na Congregación de Castela, que se produce en 1521 mediante bula outorgada polo Papa León X.

No ano 1572 o Conde de Salvaterra intentou que o mosteiro recuperase o rango abacial, mais non se conseguiu pola grande esixencia económica que implicaba. Así, durante a Idade Moderna, A Franqueira tivo a categoría menor de priorado ou presidencia, poucos monxes, e rendas baixas. Dende 1689 a 1692 fixéronse diversas obras no mosteiro: corredor, cociña, refectorio, celas, etc. Tamén se construíu o retablo, o sagrario e unha imaxe do Resucitado na igrexa. En 1699 ampliouse a ábsida coa súa bóveda, embeleceuse o presbiterio cun retablo do que se conservan as imaxes dos fundadores cistercienses e substituíronse por un baldaquino arroco. En 1750, sábese grazas ao censo do Marqués de Ensenada que a vila contaba con gran sona; existía unha hospedaría monacal, unha botica, catro mesóns, xastre, ferreiros de cabalos, oito arrieiros de viño do Ribeiro, e incluso dous traficantes que traían lenzos de teas dende Madrid.

En 1835 o mosteiro foi abandonado por mor da desamortización de Mendizábal, dende aquela o mosteiro pasou a funcionar como igrexa parroquial. Comezou a ruína deste.

En 1883 o canteiro Ignacio Cerviño Quinteiro comezou uns traballos de restauración coa reconstrución da bóveda do altar; e en 1888 emprazouse o sino maior fundido en Braga, no obradoiro de Narciso Antonio da Costa. A nova torre rematouse en 1895 tamén por Cerviño Quinteiro[2].

Descrición[editar | editar a fonte]

Portada gótico-románica.

O templo actual comezou a construírse en 1343 nun estilo románico serodio en cantaría de granito. No exterior salientan os contrafortes e a cornixa con canzorros. Salienta na fachada occidental a portada gótica con reminiscencias románicas de arquivoltas semicirculares, nas que salienta a imaxinaría. Posúe catro pares de columnas de fustes de ornamentación variada que sosteñen as arquivoltas, con anxos dispostos en forma de arco como nas portadas oxivais. No tímpano represéntase unha escena da adoración dos Reis Magos coa Virxe sentada baixo unha cupuliña oxival e o Neno no colo. A torre orixinal foi substituída pola actual ergueita a finais do século XIX (posibelmente a anterior se derrubara trala desamortización)[1].

O interior é sinxelo, propio da Orde do Císter, sendo o presbiterio a zona máis antiga que dá paso a unha cúpula construída no século XVII. A sinxeleza do edificio fai centrar a vista na imaxe pétrea policromada da Virxe da Franqueira, baixo un baldaquino barroco no fondo da ábsida. A planta é rectangular, unida a unha capela de ábsida tamén rectangular mediante unha bóveda de media laranxa. A nave posúe catro compartimentos separados por arcos apuntados sobre os que acouga un teito de madeira[3].

A romaría[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Romaría da Franqueira.
A Virxe da Franqueira en Mondariz-Balneario durante a romaría.

A Virxe da Franqueira ten gran devoción e é lugar de peregrinación os días de romaría. As Pascuillas celébranse o luns de Pentecoste, cincuenta e un días despois da Pascua. Este día é festa en catro concellos da zona, e unhas 60 parroquias acoden dende a mañá cedo das aldeas coas imaxes das súas Virxes deica A Franqueira. É unha festa moi celebrada na zona, á que tamén acoden os mozos. No camiño vanse unindo as diferentes imaxes con saúdos e toda sorte de rituais. A mediodía faise unha misa na Franqueira con todas as imaxes.

A segunda romaría é a da Natividade da Virxe, nos días 7, 8 e 9 de setembro. É a máis numerosa e onde acoden xentes de lugares máis afastados como a costa ou Portugal. A imaxe da Virxe da Fonte sae en procesión, segundo a lenda, nun carro de bois; e diante do carro catro parellas de mozos bailan batendo uns paus ao son da ancestral música[1].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]