Mordomo de palacio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Mordomo de Palacio")

Durante o período merovinxio, o Mordomo de palacio (do latín: maior, domus ou maiordomo: o máis importante, o principal, entendendo que se fala de servidores) era o intendente principal do rei. Durante o reinado dos últimos reis merovinxios, detentaban realmente o poder político, exercendo a función de "primeiro ministro", función esta que se transmitía, con frecuencia, de pais a fillos.

Período merovinxio[editar | editar a fonte]

Ao longo deste período aparece a familia dos Pipínidas (descendentes de Pipino de Landen, ou Pipino o Vello), que dá paso ao nacemento da dinastía Carolinxia.

O poder dos mordomos de palacio foi incrementándose dun modo continuo. En principio eran servidores do rei e responsábeis do palacio, pero de forma progresiva e a partir do século VII desenvolveron un verdadeiro poder detrás do trono de Austrasia, o sector nordeste do reino dos francos baixo a dinastía Merovinxia, polo que este oficio se converteu nunha aposta entre os aristócratas e rapidamente chegou a ser herdábel na familia dos Carolinxios.

Dagoberto I, consciente da ameaza que estes representaban, sepárase do mordomo Pipino de Landen e retoma, persoalmente, o poder. Pero cando morre, o reino recae definitivamente en mans dos mordomos pipínidas. A ascensión dos Pipínidas non se realizou sen tropezos e durante 20 anos, de 662 a 680, foron expulsados do poder pola familia de Vulfoald. Ansegisel, pai de Pipino de Heristal foi asasinado durante este período. Os soberanos descendentes de Dagoberto I, a miúdo moi novos e cunha esperanza de vida moi curta, non podían reinar sen a axuda dos mordomos de palacio. Estes aproveitaron a situación para acrecentar o seu poderío e dirixir o país substituíndo aos soberanos: eles nomeaban os bispos, os condes e os duques, asinaban os acordos cos países veciños, decidían e mantiñan as campañas militares. Os mordomos de palacio teceron, para o seu proveito, unha rede de fidelidades baseadas nos dotes e as alianzas matrimoniais.

En definitiva, o soberano non tiña ningunha función, de aí o nome de "reis folgazáns" que se atribuía aos soberanos descendentes de Dagoberto I (aínda que debe relativizarse esta expresión de "reis folgazáns". En efecto, a dinastía carolinxia, empeñouse, axiña que chegou definitivamente ao poder, a denigrar á antiga dinastía merovinxia intentando lexitimar o seu golpe de estado). Eles (os carolinxios) dispoñían do prestixio e da lexitimidade da súa dinastía. Os outros (os merovinxios) debíanllo ao seu sangue real.

O último rei merovinxio Khilderico III, foi encerrado nun mosteiro por Pipino o Breve en 751. Pipino pide ao Papa Zacarías que o recoñeza como soberano do reino franco. Trátase dunha usurpación e dun golpe de Estado, lexitimado polos historiadores da dinastía carolinxia, en particular por Eginhard. Pipino é proclamado rei en 751, máis tarde é consagrado en San Denis en 754. Deste xeito nace a dinastía carolinxia. O seu fillo, Carlomagno, asumiu un poder maior có seu pai ao ser coroado como Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, converténdose nunha das máis grandes figuras na historia de Francia e Alemaña

Principais Mordomos de palacio[editar | editar a fonte]

Austrasia
  • Radon, mordomo de palacio en Austrasia (614).
  • Grimaldo I, mordomo de palacio de Austrasia, expulsado en (662).
  • Vulfoaldo, mordomo de palacio de Austrasia (662-680) e de Neustria (673-675).
  • Pipino de Landen, mordomo de palacio baixo o reinado de Dagoberto I (623-640) foi excluído para rebaixar as súas pretensións en 640, pero trala morte de Dagoberto, recobra a súa función a petición da rexente do reino.
  • Otton, mordomo de palacio de Austrasia en (640-643).
  • Asegiso (? 695) fillo de santo Arnoul, mordomo de palacio de Austrasia.
  • Grimaldo II (?714), fillo de Pipino de Heristal, mordomo de palacio de Austrasia (698).
  • Pipino de Heristal ou de Herstal, chamado tamén Pipino o Mozo (16 de decembro (635 (Jupille, Bélxica)-714), sobriño de Grimaldo, *mordomo dos palacios de Austrasia, Neustria e Borgoña.
  • Carlos Martel (cara a 676, Quierzy-sur-Oise), fillo de Pipino de Heristal, mordomo de palacio de Austrasia e de Neustria, duque de Francia (737-741).
Borgoña
  • Garnier, embaixador de Bizancio cara a 570, despois mordomo de palacio.
  • Pipino de Heristal, chamado Pipino o Mozo (16 de decembro 635 ? Jupille (Bélgica)714, sobriño de Grimaldo, mordomo do palacio de Austrasia, Neustria e Borgoña.
  • Pipino o Breve (cara a 715 en Jupille (Bélxica) 14 de setembro de 768 en San Denis), fillo de Carlos Martel, mordomo de palacio de Neustria, Borgoña e Provenza, rei de Neustria (751-768) rei de Francia (751).
Neustria
  • Gundeland 613/616-639.
  • Erchinoald (641-658).
  • Ébroíno 658-673 e 675 ? ? 680.
  • Vulfoaldo, mordomo de palacio de Austrasia (662-680) e de Neustria (673-675).
  • Leudesis, nomeado logo de Vulfoaldo, é rapidamente expulsado do poder por Ébroíno á súa volta do exilio.
  • Waratton 680 ? ? 686, deposto, por un tempo, polo seu fillo.
  • Ghislemar, fillo do anterior, derrocou ao seu pai en 684, e morreu pouco despois.
  • Berchaire, xenro de Waratton, 686 ? 687.
  • Pipino de Heristal, chamado Pipino o Mozo (16 de decembro 635 (Jupille, Bélxica)-714). Sobriño de Grimaldo, mordomo de palacio de Austrasia, Neustria e Borgoña.
  • Ragamfredo, mordomo de palacio de 715 a 717.
  • Pipino o Breve (cara a 715 en Jupille (Bélxica)- 14 de setembro 768 en San Denis), fillo de Carlos Martel, mordomo de palacio de Neustria, Borgoña e Provenza, rei de Neustria (751-768), rei de Francia (751).
Provenza
  • Pipino o Breve (cara a 715 en Jupille (Bélxica)- 14 de setembro 768 en San Denis), fillo de Carlos Martel, mordomo de palacio de Neustria, Borgoña e Provenza, rei de Neustria (751-768), rei de Francia (751).

Na historia producíronse numerosos casos de devolución do poder da dinastía "lexítima" a unha dinastía de servidores. Os máis coñecidos, porque se instalaron durante un longo período de tempo, como no caso dos Pipínidas, son: os Peshawa, dos Marathas e os Shogun do Xapón.