O Invernadoiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Montes do Invernadoiro")
Vista do tramo medio do río San Lázaro desde o cumio dos Forcados (1399 m no Macizo Central ourensán) no percorrido pola zona do Piago e a Mallada de Barbeirón coa aldea da Encomenda no fondo.

O Invernadoiro é un espazo natural de carácter montañoso situado nos montes de Vilariño de Conso (Ourense), ó sur do macizo central na provincia de Ourense. O Invernadoiro foi declarado parque natural o 5 de xuño de 1997, cunha superficie de 5.722 ha. Está situado entre os ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena, e formado polas serras de San Mamede, Queixa, Manzaneda e o Fial das Corzas, que constitúen o Macizo Central Ourensán, con altitudes contorno ós 1.000-1.600 m.

As altas montañas de cumes cubertos de pastos mostran nas súas abas grandes extensións de queirugais que, en chegando ás ribeiras dos ríos, ceden o protagonismo ás fragas e soutos fluviais nos que a vida bule de forma sorprendente. Aquí e alí, escuras e espalladas manchas de piñeiros recordan a que foi a árbore predominantes no pasado. A fauna que ten aquí o seu fogar asombra pola súa riqueza e adaptación ó medio.

O espazo destaca pola súa riqueza faunística, botánica e enorme interese xeomorfolóxico e paisaxístico.

Actualmente conta coa categoría de parque natural desde o 5 de xuño de 1997 [1], pero foi refuxio de caza como espazo natural en réxime de protección xeral coa Orde do 15 de novembro de 1989 e coa regulación das actividades de uso público segundo a Orde do 8 de xaneiro de 1990, ocupando unha extensión de 5.500 ha.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Desde o punto de vista xeolóxico, a área encóntrase construída cara ó sur por xistos, pedra de gra e cuarcitas cambro-ordovíricas, e, cara ó norte e nordés, por granitos hercínicos de dúas micas.

Separando ambas as zonas encóntranse afloramentos de migmatitas hercínicas, ortogneis precámbricos e arcosas do grupo do ollo de sapo.

Xeomorfoloxía[editar | editar a fonte]

Predominan os vales encaixados no terreo, con grandes manifestacións da acción erosiva fluvial, que separan áreas altas e planas con irregularidades.

Aparecen tamén algunhas chairas illadas, relativamente extensas e rexuvenecidas pola rede fluvial, con altitudes aproximadas de 1.000 m.

A acción dos fríos durante o cuaternario deixou pegadas xeomorfolóxicas moi claras: moreas, circos glaciares, etc.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima é un dos factores interactuantes do medio físico galego. Este parque natural, debido ó seu carácter de terra interior, non participa das características do clima oceánico na mesma medida ca outros espazos galegos, senón que, estando dentro da zona de clima oceánico, aproxímase máis ó clima continental. Por outra parte, o seu complicado relevo dálle ó clima unha variedade moi notable, coa aparición de microclimas de pequena extensión.

Os veráns son suaves, con temperaturas ó redor dos 15 ºC, e os invernos bastantes fríos, con mínimas que poden chegar ós -7 ºC.

A pluviometría é moi abundante (2.000 mm/ano), con parte das precipitacións en forma de neve.

O seu verán, caloroso e seco, dálle carácter mediterráneo a algunhas das súas áreas, pero, ó mesmo tempo, ten unha grande influencia atlántica (oceánica).

Este carácter mixto que na actualidade ten a Serra é o que lle dá un grande interese á súa vexetación, por encontrarse no límite das rexións eurosiberiana e mediterránea.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Río Ribeira Grande

A serra de Queixa funciona como un importante núcleo de dispersión hidrográfica. A rede fluvial que se organiza dentro destes límites diríxese cara a dúas grandes cuncas: a do río Miño e a do río Douro. Á deste último pertence o río Támega, que se une a el en terras portuguesas, drenando unha pequena extensión do suroeste desta zona.

Solos[editar | editar a fonte]

Presenta como aspectos máis notables o escaso desenvolvemento da maior parte dos perfís e a existencia de determinados tipos de solo, con características que parecen estar relacionadas cos fríos Wurnienses, tanto na súa distribución como nalgúns caracteres morfolóxicos.

Na súa formación predominaron as accións mecánicas sobre as químicas, debido ás condicións climáticas.

En xeral, predominan os solos escasamente desenvolvidos (Ranker e Litosol), con áreas de solo hidromorfo (Historal e Glysol) e pequenos enclaves de solos podsólicos.

Tamén existen algúns cambisoles nos lugares ben drenados e con escasa pendente.

Vexetación[editar | editar a fonte]

Froita do abruñeiro

Este espazo natural está encadrado na rexión Eurosiberiana, provincia Cántabro-Atlántica, sector Galaico-Portugués, subsector Xuresiano Queixense.

A forte influencia mediterránea ponse de manifesto na etapa madura da serie Vaccinio myrtilli-Quercetum roboris sigmetum frecuente aparición do cerquiño (Quercus pynenaica), ou reflectida tamén pola ausencia da queiroga maior (Daboecia cantabrica) nas formacións de mato de uz e toxo.

A asociación dominante é a Genistello tridentatae-Ericetum aragonensis, e tamén cunha abundancia importante, aínda que en menor proporción ca anterior, atopámonos coa asociación Agrostio duriaei-Sedetum pyrenaici. Tamén destacan as formacións de prados ibéricos silíceos, que obedecen maioritariamente á asociación Teesdaliopsio confertae-Festucetum summilusitanae.

Destacan como especies de interese o Sorbus aucuparia, o teixo (Taxus baccata) e o abruñeiro (Prunus spinosa), entre as árbores, pola importancia da alimentación que teñen na fauna, así como os Rubus ulmifolius, abeleira (Corylus avellana) e o estripo (Crataegus monogyna), entre os arbustos.

Fauna[editar | editar a fonte]

A fauna presenta a pirámide trófica completa. O lobo, único superdepredador presente, actúa sobre as poboacións naturais de corzo e xabaril. O máis importante é a presenza dunha poboación de doce exemplares con permanencia máis ou menos estable e cun comportamento de predación sobre animais salvaxes, en oposición a outras poboacións "dexeneradas", que son predadoras "oportunistas" sobre aves de curral, depósitos de lixo, etc.

Son tamén mamíferos notables da área: o leirón gris (Glis glis), o teixugo (Meles meles), a donicela (Mustela nivalis), a xeneta (Genetta genetta), o gato montés (Felis silvestris), a garduña, (Martes foina) o armiño (Mustela erminea) e a marta (Martes martes), mustélido escaso en Galicia, que posúe no parque unha importante poboación, sendo este o carnívoro mediano máis abondoso do parque.[2]

Dende a súa creación, leváronse a cabo no Invernadeiro proxectos de reintrodución e reprodución en réxime de semicatividade de ungulados extintos ou con poboacións moi restrinxidas en territorio galego, como o hirco (extinguida en Galicia a finais do século século XIX[3] e reintroducida en 1992[4]) ou o rebezo (extinta nos Ancares entre 1960 e 1970 e reintroducia entre 1992-94[5]). Deste xeito o parque conseguiu reintroducir con éxito especies desaparecidas como o rebezo, o cervo ou o hirco, e outras de interese cinexético como o gamo e contribuiu a reintroducir e consolidar as poboacións destes ungulados noutros puntos de Galicia, destacando a éxitosa reintrodución do hirco no parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés (1997)(a partir da cal colonizou Portugal en 1998[3]) e do rebezo nos Ancares (2002-2003).[5]

Segundo os estudos de seguemento que realiza o persoal da Consellería de Medio Ambiente, os animais soltos habitan con normalidade nos montes e rexistrouse un aumento no número de exemplares, do que se deduce que a súa reprodución no parque está garantizada e que se adapdan con facilidade.

Outras ungulados destacables son o corzo (Capreolus capreolus) e o xabaril (Sus scofra).

Ademais destas especies, están presentes o aguaneiro (Galemys pyrenaicus), o tourón (Mustela putorius) e maila lontra (Lutra lutra) que habitualmente se aloxan no río, ribeiras e zonas húmidas en xeral.

Respecto da avifauna presente, é de destacar a presenza de dúas parellas de aguia real (Aquila chrysaetos) que, malia non chegaren a aniñar no interior do parque, si empregan o espazo como zona de alimentación.

Tamén destacan no parque o papoazul, a pica dos prados (Anthus campestris), o moucho común (Athene noctua), a avelaiona (Strix aluco), o Bufo real (Bubo bubo), o bufo pequeno (Asio otus), a aguia cobreira (Circaetus gallicus), gatafornela (Circus cyaneus), a rapiña cincenta (Circus pygargus), o falcón peregrino (Falco peregrinus), o azor (Accipiter gentilis), o miñato común (Buteo buteo), o gabián (Accipiter nisus) ou a perdiz (Perdix perdix hispaniensis). Son só algúns exemplos das numerosas aves que habitan no parque natural do Invernadoiro.

Historia e cultura[editar | editar a fonte]

Os restos arqueolóxicos da zona reflicten unha civilización antiga con indicios da existencia de dolmens, castros e restos romanos (como a presenza dun antigo acampamento romano en Castelo de Cerveira, preto do parque). Foi precisamente na época romana na que no monte de Invernadoiro se traballou nas explotacións auríferas polo sistema denominado derrubium montim. Daquela época quedan topónimos como o do regato Cabadoiro.

O territorio que actualmente ocupa o parque natural, é unha excepción histórica dentro da dinámica seguida polo sistema de propiedade agraria en Galiza. O seu mantemento como propiedade privada, así como a súa permanencia en mans laicas, e sen padecer divisións territoriais desde a Idade media, provocou que o nivel do estado de conservación do medio natural sexa superior ó que a evolución antropóxena produciu nestas serras de Ourense.

Xa na época feudal, estes territorios eran moi apreciados pola súa riqueza cinexética e as súas posibilidades de pastoreo e foros.

Tamén destaca a arquitectura relixiosa, sobreanceando a igrexa de Santa María, en Sabuguido.

O pazo de Conso, que pertenceu ó conde de Lemos, destaca na arquitectura civil.

Outros datos de interese[editar | editar a fonte]

Para entrar no parque, o visitante deberá contar cun permiso que lle estenderá por escrito a Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Ourense (tlf. 988 386029), e que se concede a un máximo de 30 persoas por día, para efectuaren percorridos a pé polas rutas marcadas.

Aínda que non está permitido pernoctar, existe unha Aula da Natureza que dispón de catro dormitorios, dous deles con 28 liteiras e outros dous cunha liteira, e servizos, destinados a grupos de estudantes e investigadores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Decreto 155/1997, no DOG do 27 de xuño de 1997.
  2. http://www.vertebradosibericos.org/mamiferos/distribucion/marmatdi.html Marta (Martes martes), 4 de xaneiro de 2012
  3. 3,0 3,1 [1]
  4. http://www.vertebradosibericos.org/mamiferos/distribucion/cappyrdi.html Cabra montesa Capra pyrenaica, consultada o 4 de xaneiro de 2012
  5. 5,0 5,1 http://www.vertebradosibericos.org/mamiferos/distribucion/ruppyrdi.html Rebeco Rupicapra pyrenaica, consultada o 4 de xaneiro de 2012

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]