Apalaches

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Montes Apalaches»)
Localización dos Montes Apalaches
Os Apalaches fotografados en Carolina do Norte

Os Apalaches (en inglés Appalachians) é un sistema montañoso de América do Norte que vai de Terra Nova e Labrador (Canadá) ata o centro de Alabama (Estados Unidos), aínda que a parte máis setentrional dos mesmos morre na península de Gaspé, no Quebec. Constitúen o elemento morfolóxico máis destacable da parte oriental de América do Norte.

Trátanse de montañas antigas formadas no Paleozoico con relevos suavizados pola prolongada acción dos axentes esóxenos. O sistema divídese nunha serie de cordais, nas que a media de altura dos picos é 900 m. O cumio máis elevado é o Monte Mitchell, en Carolina do Norte que mide 2.040 metros e é o punto máis alto dos Estados Unidos ao leste do Mississippi e de todo o leste de Norteamérica.

Os montes Adirondac e o río Hudson dividen os Apalaches en Apalaches do Norte e Apalaches do Sur.