Monte Urgull

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°19′29″N 1°59′20″O / 43.324722222222, -1.9888888888889

Monte Urgull

O monte Urgull é unha montaña situada en Donostia, no País Vasco, entre a parte vella da cidade e o paseo novo, xunto ao mar Cantábrico.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome Urgull é de orixe gascón ou bearnés e o seu significado é "orgullo". Así mesmo son de orixe gascoa varios topónimos donostiarras (Polloe, Ayete, Miramon, Ulia, Mompás, Morláns...). Isto débese a que no momento da fundación de Donostia (1180) o lugar xa contaba cun asentamento de poboación maioritariamente gascoa.

Fortificacións[editar | editar a fonte]

Neste promontorio consérvanse fortificacións que no seu día abrazaban por completo a antiga cidade. Empregadas militarmente no pasado, onde foi o último bastión da resistencia francesa na cidade durante o asedio de Donostia en 1813, hoxe albergan exposicións, ademais de compor un atractivo parque urbano con espectaculares vistas das praias que adornan a fisionomía da localidade. Urgull tamén ten vexetación natural e exótica.

Na parte alta está o Castelo da Mota, con tres capelas, unha delas dedicada ao Cristo da Mota. Unha destas capelas (de 16 metros de altura) serve de peaña á emblemática imaxe do Sacro Corazón de Xesús, de 12,5 metros de estatura. No século XIX situouse neste castelo unha torre do telégrafo óptico, en concreto a número 50 da liña de Castela, que comunicaba Madrid con Irún.[1]

Na saia do monte teñen asento unha serie de fortificacións que se modernizaron co paso dos séculos: as baterías das Damas, de Bardocas, do Miradoiro, do Príncipe, da Raíña, Alta de Santa Clara, Baixa de Santa Clara etc., así como un cuartel a proba de bomba (s. XIX), a polvoreira de Santiago, a galería de tiro, a gruta-almacén etc. O monte foi vendido polo Estado ao Concello de Donostia no ano 1915, comezando a destrución das fortificacións, que se conservaron en gran parte grazas a un accidente ocorrido na voadura dun cuartel. No ano 1965 gran parte destas construcións foron rehabilitadas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O telégrafo do monte Urgull en Telegrafía Óptica.". Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2009. Consultado o 03 de novembro de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]