Monster (manga)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Monster
モンスター
(Monsutā)
Manga Monster
Creado por Naoki Urasawa
Editor Shogakukan
Publicado en Big Comic Original
Primeira edición decembro de 1994
Última edición decembro de 2001
Núm. de volumes 18
Novela

Another Monster de Naoki Urasawa (2002)

Anime Monster
Dirixido por Masayuki Kojima
Estudio Madhouse
Canle televisiva NTV
Primeira emisión 6 de abril de 2004
Última emisión 27 de setembro de 2005
Núm. de capítulos 74

Monster (モンスター Monsutā?) (a miúdo chamado "Monster de Naoki Urasawa") é un manga seinen escrito e ilustrado por Naoki Urasawa, publicado por Shogakukan en Big Comic Original entre 1994 e 2001 en 18 volumes. Foi adaptado por Madhouse nun anime de 74 episodios que foron emitidos pola NTV dende o 6 de abril de 2004 ata o 27 de setembro de 2005. O anime foi dirixido por Masayuki Kojima, escrito por Tatsuhiko Urahata e o deseño dos personaxes principais correu a cargo de Kitarō Kōsaka. Urasawa tamén escribiu e ilustrou a novela Another Monster, unha detallada historia dos eventos do manga dende o punto de vista dun xornalista de investigación, que foi publicado por Shogakukan no 2002.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Ano 1986. Kenzō Tenma é un doutor xaponés que traballa no hospital Eisler Memorial de Düsseldorf. É un talentoso neurocirurxián, e parece que o ten todo na vida: unha inminente promoción no traballo, o favor do director do hospital, (o señor Heinemann) e está prometido con Eva, a filla de Heinemann. Porén, Tenma está cada vez máis insatisfeito co lado político do hospital no tratamento discriminatorio de pacientes, polo que aproveita a oportunidade de cambiar as cousas despois de que os superviventes dun masacre, os nenos xemelgos Johan e Anna Liebert, cheguen ó hospital. Johan ten un disparo aloxado na súa cabeza e Anna, afectada polo shock do incidente, murmura sen sentido sobre matar. A pesar das presións do director, Tenma decide operar a Johan no canto do alcalde de Düsseldorf, o cal chegara máis tarde ó hospital e non tiña preferencia na quenda de operacións. Johan sálvase, pero o alcalde Roedecker morre. Como resultado, Tenma perde a súa posición social e é rexeitado por Eva. Pouco despois do incidente, o director Heinemann e outros doutores colegas de Tenma son misteriosamente asasinados, e os dous nenos desaparecen do hospital. A policía sospeita de Tenma, xa que foi o principal beneficiario das mortes, pero non ten ningunha proba que o incrimine e só pode facerlle preguntas.

Nove anos despois, Tenma é Xefe de Cirurxía no Eisler Memorial. Despois de salvar a un criminal chamado Adolf Junkers que fora atropelado por un coche, Tenma escoita a Junkers bisbando sobre un "monstro". Tenma, ó igual que co resto de pacientes, é amable con Junkers, e este responde abríndose ó doutor. Unha noite, cando Tenma volvía cun reloxo que mercara como agasallo para Junkers, atopa morto ó garda que custodiaba a porta da habitación do hospital, e descobre que Junkers fuxiu. Seguindo a pista ata un edificio en construción a carón do hospital, Tenma da con Junkers, que estaba sendo apuntado cunha arma. Preocupado pola seguridade de Tenma, Junkers advírtelle que non se achegue e pídelle que fuxa de alí. Tenma négase, e entón revélase que o home que apunta coa arma é Johan Liebert, o neno ó cal Tenma salvara a vida nove anos atrás. A pesar de que Tenma intenta razoar con el, Johan dispara a Junkers. Logo, dille a Tenma que xamais podería matar ó home que lle salvou a vida e despois marcha camiñando tranquilamente ata perderse na escuridade, con Tenma demasiado conmocionado para intentar detelo.

Despois do incidente, Tenma volve ser o principal sospeitoso para a policía (particularmente para o Inspector Lunge), e por iso intenta obter información de Johan que o exima das culpas. Axiña descobre que a irmá xemelga de Johan (que agora se chama Nina) vive unha vida feliz como filla adoptada de dous pais cariñosos; os únicos vestixios do seu terrible pasado son algúns pesadelos. Tenma atopa a Nina o día do seu aniversario e impide que Johan se cruce con ela, pero non consegue deter o asasinato dos pais adoptivos. Tenma descobre eventualmente a orixe do monstro: a estadía de Johan no "Kinderheim 511", un orfanato segredo da Alemaña do leste que utilizaba a programación psicolóxica en nenos para crear futuros soldados perfectos, e tamén no autor de libros infantís que facía experimentos de euxenesia na República Checa. Tenma tamén descobre o alcance das atrocidades cometidas por ese "monstro", e promete corrixir o erro cometido ó salvar na operación a vida de Johan.

Personajes[editar | editar a fonte]

Personxes principais[editar | editar a fonte]

  • Kenzô Tenma (voz de Hidenobu Kiuchi): É o personaxe principal de Monster, sendo un novo doutor dun prestixioso hospital en Alemaña, orixinario do Xapón. Poderíase dicir que a súa principal cualidade é a de ser un bo home e velar polo benestar de tódolos seus pacientes. Salvou a vida de Johan Liebheart, o que lle custa, ó principio, a súa carreira no hospital, aínda que grazas a uns misteriosos asasinatos sen resolver, non só logra regresar ó seu status profesional anterior, senón que o supera. Porén, cando anos despois descubra en que se converteu aquel neno que salvou das gadoupas da morte, terá unha crise ética que o conducirá na busca de Johan para acabar definitivamente con el, pois séntese responsable dos seus actos tras terlle salvado naquela operación cirúrxica a vida ou morte.
  • Johan Liebheart (voz de neno Yuuto Uemura, voz de maior Nozomu Sasaki): É o personaxe considerado como o "Monstro" da serie. É un rapaz intelixente e sumamente carismático, cuxa vida salvou o Doutor Tenma cando só era un neno de 10 anos, considerando por iso a Tenma como un pai. Mesmo chega a confesar que xamais lle causaría dano algún pola súa boa obra. Johan é o responsable de numerosos asasinatos sen resolver, cometidos persoalmente por el ou inducindo a terceiras persoas a que os fixeran.
  • Anna Liebheart (voz de Mamiko Noto): É unha brillante estudante de Dereito, ademais de ser a irmá xemelga de Johan Liebheart. Despois do terrible transo de ver morrer ós seus pais, foi adoptada pola familia Fortner, os cales lle deron o nome de Nina. Cando ela volve a lembrar ó seu irmán tralo asasinato dos seus pais adoptivos e o seu primeiro encontro con Tenma, pensa que o único xeito de deter a Johan é matándoo, evitando que o Dr. Tenma o faga, pois considera que o traballo deste debe ser unicamente o de salvar vidas.
  • Heinrich Lunge (voz de Tsutomu Isobe): O inspector da BKA (a Oficina Criminal Alemá, similar ó FBI estadounidense), Heinrich Lunge (Runge na versión xaponesa) é un home frío e calculador. Resolveu tódolos casos nos que participou na súa carreira profesional salvo un, converténdose na única motivación da súa vida: o caso sen resolver que rodea ó Doutor Tenma. Ó principio cre que Johan é unha invención de Tenma, pero pouco a pouco desenvolve unha complexa teoría na que Tenma padece un trastorno de personalidade múltiple e Johan é a personalidade que comete os asasinatos, mentres que a personalidade do doctor trata de deter á súa outra personalidade.Porén, canto máis se involucra no caso, menos pode obviar a relación existente entre o caso e os escuros contos de Franz Bonaparta, polo que logo comeza a crer na existencia do "Monstro".
  • Dieter (voz de Junko Takeuchi): Un neno baixo o coidado dun señor chamado Hartmann (quen traballara no orfanato especial Kinderheim 511) que coñece a Tenma cando este comeza a investigar sobre Johan para demostrar a súa propia inocencia. Cando Tenma o coñece, decátase de que todo o seu corpo estaba cheo de mazaduras debido ós abusos físicos e psicológicos que Hartmann lle facía porque quería convertelo nun segundo Johan pola admiración que lle tiña, pero Tenma finalmente logra salvalo. Dende ese intre, Dieter empezará a ser máis optimista e acompáñao para buscar a Johan, aínda que o fai para impedir que Tenma cometa un asasinato.
  • Eva Heinemann (voz de Mami Koyama): É a filla do director do Hospital Memorial Eisler, que ó inicio da serie estaba comprometida con Kenzô Tenma. Ela déixao cando este desobedece as ordes do director sobre operar o alcalde a cambio de Johan, pero tralo asasinato do seu pai e o súbito ascenso de Tenma, decide regresar con el, cousa que non ocorre porque Tenma a rexeita, doído pola ruptura anterior. Tras ese rexeitamento, comeza unha vida baseada nos seus continuos fracasos nas súas experiencias matrimoniais, refuxiándose no alcohol, polo que decide vingarse de Tenma por tela deixado poñendo tódalas evidencias posibles de que o seu antigo prometido foi o responsable da morte do seu pai, para velo sufrir no cárcere. Porén, pouco a pouco comeza a involucrarse no asunto do "Monstro".