Mohammed ben Mizzian

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mohammed ben Mizzian ben el Kasem, nado en Mazzuza (Guelaya, na rexión do Rif), o 1 de setembro de 1897 e finado en Rabat o 1 de maio de 1975, foi un militar dos exércitos de España e Marrocos, nos que atinxiría a máxima graduación.

Participou na Guerra Civil española, acabando por ser nomeado Capitán Xeneral de Galiza, e logo das Canarias, por Francisco Franco. Cando Marrocos obtivo a súa independencia, no ano 1957, ben Mizzian ingresou no exercito marroquí.

Biografía[editar | editar a fonte]

Seu pai era caid da cabila na súa vila natal. En 1913 foi enviado á Academia de Infantería de Toledo, que abandonou co grao de segundo tenente. Destinado ao Exército de África, ascendeu por méritos na Guerra do Rif (foi ferido nas accións de Annual en 1921), combatendo contra os insurrectos rifeños de Abd el Krim. En 1923 era xa capitán e, en 1925, comandante.

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Tralo Alzamento Nacional do Exército español en 1936, que se adianta ao día 17 de xullo no Marrocos español, ben Mizzian únese aos sublevados. Participou á fronte dos regulares - entón unidades de tropas marroquinas - nos diversos movementos das tropas franquistas, desde o Sur de España até Madrid; e posteriormente noutras accións no Norte (Asturias - dirixindo aquí as tropas galegas enviadas en socorro de Oviedo -, Teruel, Ebro)... Cando o exército franquista toma Castelló, ben Mizzian era xa coronel.

Capitán Xeneral de Galiza[editar | editar a fonte]

Acabada a guerra, Ben Mizzian foi nomeado comandante xeneral de Ceuta. En 1944 foi promovido a xeneral, e en 1953 é ascendido a tenente xeneral, sendo destinado á VIIIª Rexión militar, é dicir Galiza, como Capitán Xeneral da mesma. Estivo a fronte da mesma, oficialmente, entre o 26 de xuño de 1953 e o 3 de xuño de 1955, é dicir case dous anos. Ao cesar en Galiza, ben Mizzian pasou a facerse cargo da Capitanía Xeneral das Illas Canarias.

Ministro da Defensa de Marrocos[editar | editar a fonte]

Cando Marrocos conseguiu a independencia, pasou á reserva no Exército español, o 22 de marzo de 1957, para ingresar no Exército marroquí. En 1964, o novo rei, Hassan II, nomeouno Ministro de Defensa. Dous anos despois foi destinado a Madrid, como embaixador de Marrocos en España. En 1970, foi ascendido a mariscal, a máxima graduación do Exército marroquí, e era promovido a ministro de Estado.

En 1975, afectado de grave doenza, foi trasladado a Madrid, para ser internado nun hospital militar, desde onde foi reenviado a Rabat, na que faleceu o 1 de maio dese ano.