Mineral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Minerais")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Xofre, exemplo de mineral formado por un só elemento químico; (S)
Cinabrio, exemplo de mineral formado por varios elementos químicos; (Hg e S)
Para a función nutritiva dos minerais, ver Minerais na alimentación.

Un mineral é un corpo producido por procesos de natureza inorgánica, xeralmente cunha composición química definida e, se se forma en condicións favorables (espazo, tempo e repouso axeitados), unha estrutura atómica definida pola súa cela unidade que se expresa na súa forma cristalina e outras propiedades físicas características. Adoita presentarse en estado sólido á temperatura media da Terra, aínda que algúns, como a auga e o mercurio, preséntanse en estado líquido. A ciencia que os estuda chámase mineraloxía. Así pois, as tres características básicas dos minerais son:

  • Material inorgánico de orixe natural.
  • Material cristalino, ordenado en celas unidade.
  • Material sólido, salvo raras excepcións.

Hai minerais formados por un só elemento, como o xofre, ou por varios, como o cinabrio.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Un mineral pode ser clasificado con certa facilidade a simple vista, pero isto non sempre é posible. En moitas ocasións é necesario levar a cabo un estudo químico da súa estrutura para poder saber ante que nos atopamos. É logo necesario, para un estudo completo dos minerais, que se teñan en conta non só os aspectos externos e físicos da peza, tamén é importante o estudo dos átomos que o compoñen e a súa relación estequiométrica entre eles (fórmula química).

As propiedades físicas dun mineral[editar | editar a fonte]

  • O sistema cristalino dinos como están ordenados internamente os átomos dun mineral.
  • A cor, debida á absorción de determinadas lonxitudes de onda polos átomos dun mineral, non é demasiado significativa, salvo nalgúns minerais.
  • O brillo é a capacidade que posúen as superficies externas dun mineral de reflectir a luz. O brillo pode ser: metálico (galena), adamantino (diamante), vítreo (fluorita), resinoso (xofre), graxo (halita), nacarado (mica) ou terroso (cinabrio).
  • A dureza é a resistencia dun mineral a ser raiado por outro e a capacidade de raiar a un terceiro. Mídese segundo a escala de Mohs.
  • A fractura, é a forma na que racha un mineral.
  • A exfoliación é a capacidade dun mineral de ser separado en diferentes subestruturas. Pode ser: xeométrica, perfecta (como as láminas das micas), imperfecta (como a da pirita), moi imperfecta ou inexistente.
  • A raia é a cor do po dun determinado mineral. Mentres que a cor pode variar dun exemplar a outro nun mesmo mineral, a raia será sempre a mesma.
  • A densidade é a relación entre a masa da materia e o que ocupa (volume). Mídese en g/cm³.

Clasificación química e estrutural[editar | editar a fonte]

A clasificación que utilizamos hoxe en día para estudar os diferentes tipos de minerais foi proposta en 1938 polo alemán H. Strunz. Esta séguese a usar nos nosos días, aínda que axustada lixeiramente. Baséase no estudo da composición química dos minerais para dividilos despois en diferentes clases. As clases son as seguintes:

  • Clase IX: Sustancias orgánicas, formados por procesos nos que a intervención da natureza é clave (moitos científicos non consideran esta clase como unha verdadeira clase de minerais por estar presente a natureza na formación dos exemplares); (ex.: ámbar, copal).

Clasificación segundo caracterice unha rocha ou non[editar | editar a fonte]

  • Minerais esenciais: son os minerais que sempre aparecen nun determinado tipo de rocha, polo que caracterizan á mesma.
  • Minerais accesorios: son minerais que poden ou non aparecer nun determinado tipo de rocha, polo que non caracterizan á mesma. Cando aparecen, preséntanse en cantidades mínimas.

A presenza dos minerais na codia terrestre[editar | editar a fonte]

Os minerais están formados pola unión de diversos elementos químicos, pero a abundancia duns elementos e a escaseza doutros fai que só uns poucos elementos sexan de importancia e a ter en conta na formación dos minerais terrestres. O osíxeno e o silicio supoñen o 75% do volume total da codia terrestre. Estes elementos, xunto co ferro, sodio, potasio, calcio, aluminio e magnesio, supoñen o 99% do volume total e polo tanto o 99% de presenza no proceso de formación dos minerais terrestres.

Así pois, non tódolos minerais son igual de abundantes na Terra. A táboa que segue móstranos cales son os máis importantes segundo o seu volume total que representan:

Mineral Volume
Plaxioclasio 42%
Ortoclasio 22%
Cuarzo 18%
Anfíbolo 5%
Piroxeno 4%
Biotita 4%
Magnetita 2%
Olivina 1%
Apatito 1%
Outros 1%

Aínda así, existen na Terra máis de 4.000 especies diferentes de minerais.

Artigo principal: Lista de minerais.

A xénese mineral[editar | editar a fonte]

A formación dos minerais ven dada a través dos seguintes 5 tipos de mecanismos coñecidos:

  • Cristalización: Ó baixar a temperatura dunha masa fundida (o magma, por exemplo), as vibracións térmicas dos átomos diminúen e as forzas atractivas tenden a enlazalos quimicamente. Fano así moitos silicatos coma o cuarzo.
  • Sublimación dos gases: Ó arrefriar un gas, os átomos xúntanse e cristalizan en forma de minerais. O exemplo máis típico é o do xofre que aparece na base das fumarolas volcánicas.
  • Alteración superficial: Ven provocada polos axentes meteorolóxicos. Os minerais expostos a eles oxídanse e hidrátanse e transfórmanse noutros. É o caso da pirita que se converte en limonita ó sufrir estes procesos.
  • Precipitación das sales: Ó baixar a temperatura dunha solución, o disolvente evapórase e o soluto cristaliza debido ó descenso da temperatura e a presión. Así fano por exemplo a halita e a calcantita.
  • Metamorfismo: O aumento da presión e temperatura fai que algúns minerais troquen a súa estrutura e se transformen noutros. É o caso do grafito, que se converte en diamante se isto acontece.

Dureza[editar | editar a fonte]

Escala de Mohs Mineral Fórmula química
1 Talco Mg3Si4O10(OH)2
2 Xeso CaSO4·2H2O
3 Calcita CaCO3
4 Fluorita CaF2
5 Apatito Ca5(PO4)3(OH,Cl,F)
6 Ortoclasio KAlSi3O8
7 Cuarzo SiO2
8 Topacio Al2SiO4(OH,F)2
9 Corindón Al2O3
10 Diamante C


Galería[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Minerais