Milos - Μήλος

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Milos - Μήλος
Vista da illa
Baía de Milos
Datos
Capital Plaka
País Grecia
Localización Mar Mediterráneo
Arquipélago Cícladas
Linguas Grego
Poboación (2001) 4.771 hab.
Superficie 151 km²
Densidade 31´6 hab/km²
Coordenadas 36°44′N 24°25′E / 36.733°N 24.417°E / 36.733; 24.417
Maior Altura 751 m. Monte Profitis Elias
Localización
Localización  da illa
Milos, Kimolos (norte), Polyaigos (este), Antimilos (oeste)
A Venus de Milo

Milos (en grego Μήλος) é unha illa volcánica do Mar Exeo, en Grecia, a máis sudoccidental das Cícladas a 120 km da costa de Laconia. Está situada ao sur do Ática, a uns 150 km ao sueste de Atenas e a 120 km da costa do Peloponeso. Nas súas costas móstranse interesantes fenómenos xeolóxicos. Restos das etapas minoica, helenística, romana e bizantina. Está menos afectada polo turismo de masas que outras illas veciñas. Nela atopouse a famosa Venus de Milo.

Aristóteles deulle o nome de Cefiria, e algúns autores antigos situábana no mar de Creta.

De oeste a este ten 23 km de longo e 12 de norte a sur. Ten un superficie de 151 km². A maior parte da illa está cuberta de outeiros.

Como Santorini, é un antigo volcán cuxo cráter, invadido polo mar, forma unha profunda enseada.

Plinio o Vello descríbea como "insularum rotundissima" cousa que non é correcta. Na parte norte ten unha baía moi fonda que forma un porto excelente. A montaña máis alta chámase San Elías con 751 metros. Produce viño e olivas. A capital é Milos ou Plaka, na baía de Milos ao norte da illa, e a outra cidade principal é Polonia, no extremo nordés, coas ruínas de Filakopi ao oeste.

Ao nordés ten as illas de Kimolos e Polyagios e ao noroeste a de Antimilos, deshabitada. Na entrada da baía de Milos están as pequenas illas de Akrathi, dous illotes. Ao sudoeste, á beira do cabo Psalidi, están os illotes Prasonisi.

Historia[editar | editar a fonte]

Na Idade do Bronce (2800-1100 adC) foi centro da cultura cicládica. A cidade principal era Filakopi ou Phylakopi, as ruínas da cal están na costa nordés, preto de Polonia, atopada polos arqueólogos ingleses Smith e Hogarth a finais do século XIX.

Esta cidade foi destruída e reconstruída tres veces. A última vez foi destruída polos micénicos que a construíron de novo.

Tivo diversos nomes antes de Cefiria foi chamada Memblis (segundo Arístides), Mimallis (segundo Calímaco), Sifis (Siphis), Acyton (segundo Heráclides) e Byblis (segundo Estevo de Bizancio); este último nome foille dado, segundo parece, por recibir unha colonia de Biblos de Fenicia. Festo deriva o seu nome de Milos do fundador da colonia fenicia.

A cidade foi abandonada cara a -1100 e fundouse unha de novo (chamada Milos) na moderna cidade de Klima, que foi unha cidade dórica establecida polos lacedemonios que a conservaron ata a guerra do Peloponeso e mesturáronse cos antigos poboadores.

Nas guerras médicas loitou á beira de Atenas. Na guerra do Peloponeso foi aliada de Esparta e Atenas atacou a illa baixo o mando do estratego Nicias, sen éxito, en -426; Milos declarouse neutral (aínda que figuraba nunha lista do tributo do -425 á confederación de Delos), pero Atenas conquistouna despois do -416 nunha campaña narrada por Tucídides e que quizá foi iniciativa de Alcibiades; a cidade foi asediada durante dous anos por un milleiro de atenienses e finalmente foi destruída e os homes foron mortos e as mulleres e os nenos vendidos como escravos. No soado diálogo dos melios, (Tucídides, V, 85, ss) expresa que para Atenas, o poder pasaba ante a xustiza e que os melios imploraron axuda aos deuses en balde. Nin sequera Esparta ía mover un só dedo en favor da desgraciada illa. Con razón, a crítica histórica considera a expedición contra Milos como unha encarnación brutal da vontade de poder ateniense. Alcibiades foi o autor dos decretos que impuñan estes bárbaros castigos aos insulares, e el mesmo comprou unha muller da illa coa que tivo un fillo).

Alcibiades, ou quen queira que aconsellase o masacre dos melios, non prestou a Atenas ningún bo servizo, senón que cubriu de ignominia á súa cidade e ás armas que no seu día forxara Pericles para a súa defensa. Un grupo de 500 colonos atenienses estableceuse na illa.

O sátrapa Farnabazo II e Conón conquistaron Milos en -393. A guerra que seguiu acabou coa paz entre gregos e persas asinada en -386 que estableceu a hexemonía espartana e entregou as cidades gregas de Asia a Persia. Farnabazo respectou a autonomía das cidades, cousa que non sempre farán os seus sucesores. Lisandro devolveu a illa aos antigos habitantes.

A illa permaneceu independente ata que en tempos de Alexandre o Grande quedou baixo influencia de Macedonia. A cidade principal foi Kastron nun cerro á beira do porto; entre Kastron e o porto consérvanse as ruínas da antiga cidade.

Logo da morte de Alexandre e o goberno de Antípatro, pasou a Antígono I Monóftalmos, e despois caeu en mans dos Ptolomeos en -311. A illa, un tempo protectorado exipcio, permaneceu de feito independente e produciu grandes obras de arte, entre elas a moi coñecida Venus de Milo.

Pasou aos romanos no século -II e viviu unha época de paz. No século I introduciuse alí o cristianismo (había unha poboación xudía importante) e construíronse catacumbas que aínda existen á beira da moderna vila de Tripiti.

Baixo o imperio bizantino foi atacada por piratas eslavos e árabes. A capital foi destruída por un terremoto e foi trasladada ao área de Komia e Emborios.

Revoltas relixiosas nos séculos VIII e IX foron reprimidas polos bizantinos. En 1207 pasou aos Sanudo de Naxos e os duques de Naxos conservárona formando unha señoría do 1341 ao 1383. A dinastía Sanudo deu paso aos Crispo en 1383 cando Francisco I Crispo tomou o poder nunha revolta armada e casou coa herdeira Fiorenza Sanudo. Os Críspo, duques de Naxos e señores de Milos, mantivérona ata que foi entregada aos otománs en 1566. O xudeu Jose Nasi gobernou as illas de 1566 a 1579, e despois pasou a dominio directo otomán cun acordo de goberno autónomo local: a illa pagaba taxas, pero nunca foi ocupada por unha guarnición.

En 1661 os venecianos derrotaron aos turcos nunha batalla naval en augas da illa.

En 1675 o pirata local George Kapfis foi proclamado rei da illa como xefe dos opositores ao dominio otomán. En 1678 foi aprisionado polos turcos e foi colgado en Constantinopla.

En 1771 os rusos ocuparon a illa, pero volveu a poder otomán en 1774.

En 1821 participou na revolución grega e a primeira batalla naval da guerra librouse nas súas augas o 11 de abril de 1821. En 1830 foi recoñecida parte de Grecia.

Foi base aliada (franceses e británicos) durante a primeira guerra mundial e en 1922 acolleu miles de refuxiados logo da derrota grega en Asia Menor.

Os alemáns ocupárona en maio de 1941 e construíron fortificacións. A resistencia puido izar a bandeira grega o 9 de maio de 1945.

Logo da guerra moitos habitantes emigraron a Atenas ou a Estados Unidos pola pobreza da illa, pero modernamente o turismo deulle un pulo económico.