Miki Roqué

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miki Roqué
Información persoal
Nome completo Miquel Roqué Farrero
Nacemento 8 de xullo de 1988
Lugar Tremp, España
Falecemento 24 de xuño de 2012 (23 anos)
Lugar Barcelona, España
Altura 1,86 m.
Posición Defensa central
Carreira xuvenil
Algar
2004–2005 Lleida
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2005–2009 Liverpool 0 (0)
2007 Oldham Athletic (cedido) 4 (0)
2007–2008 Xerez (cedido) 1 (0)
2008–2009 Cartagena (cedido) 30 (3)
2009–2011 Betis B 31 (1)
2010–2012 Betis 12 (2)
Selección nacional
2006–2007 España sub-19 3 (1)
* Partidos e goles só en liga doméstica.
† Aparicións (Goles)

Miquel "Miki" Roqué Farrero, nado o 8 de xullo de 1988 en Tremp (Lleida) e falecido o 24 de xuño de 2012 en Barcelona, foi un xogador de fútbol español. Xogaba de defensa central e o seu último equipo foi o Real Betis Balompié.

O 5 de marzo de 2011 anunciou entre bágoas a súa retirada momentánea do fútbol debido a un tumor. O 24 de xuño de 2012, o xogador falece a causa do cancro.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Liverpool e cesións[editar | editar a fonte]

En agosto de 2005 fichou polo Liverpool FC de Rafa Benítez procedente das categorías inferiores da UE Lleida. Destaca polo seu longo pase e a súa boa colocación. Debutou co primeiro equipo do Liverpool con 18 anos en Liga de Campións o 5 de decembro do 2006 contra o Galatasaray, entrou no minuto 84 do partido co dorsal 34 substituíndo ao seu compatriota Xabi Alonso. O Liverpool perdeu 3-2.

Miki Roqué pasou o final da tempada 2006/07 cedido no Oldham Athletic. Despois no mercado de inverno foi cedido ao club español Xerez CD, para a segunda volta da 2007/08. No verán de 2008, o Liverpool cede ao xogador ao FC Cartagena, equipo do grupo II da Segunda División B e que nesa mesma tempada logra ascender á Segunda División Española.

Real Betis[editar | editar a fonte]

Adestramento do Real Betis en decembro de 2010. Miki aparece de azul no centro da imaxe, por detrás do adestrador Pepe Mel.

No verán de 2009 fichou polo Real Betis Balompié por tres tempadas,[2] procedente do Liverpool de Inglaterra, logo de ser pretendido tamén por clubs como o Villarreal e o Futbol Club Barcelona. O xogador pasou a formar parte do filial do equipo que xogaba en Segunda B ás ordes de Oli, aínda que foi convocado varios partidos por Antonio Tapia, adestrador do primeiro equipo antes de que fose destituído, e polo seu substituto Víctor Fernández.

En febreiro de 2010 foi convocado pola Selección de fútbol sub-21 de España.

O 9 de outubro de 2010, debutou en partido oficial co Real Betis na sétima xornada do campionato de Segunda División contra a UD Las Palmas, da man de Pepe Mel.

Retirada e falecemento[editar | editar a fonte]

O sábado 5 de marzo de 2011 fixo público que padecía un tumor maligno localizado na pelve, algo que lle apartaría dos terreos de xogo ata a súa total recuperación.[3] Ese mesmo fin de semana o seu equipo dedícalle a vitoria, mostrando a súa camiseta en cada gol.[4]

O martes 24 de maio de 2011 Miki Roqué é operado con éxito do seu tumor na pelvis na clínica Dexeus de Barcelona polo doutor Enric Cáceres. Desde entón Miki segue o tratamento e recuperación da súa enfermidade na súa Lleida natal xunto á súa familia.

O día 14 de xaneiro de 2012 fixo a súa primeira aparición pública desde que informase da súa enfermidade nun acto de homenaxe realizado polo Betis en honra aos doutores que o trataron, aproveitando a visita á cidade condal do equipo para enfrontarse ao FC Barcelona.

O día 24 de xuño de 2012 falece ao non superar o cancro de pelve do que foi operado.[1]

Homenaxes[editar | editar a fonte]

O domingo 29 de maio de 2011 tras gañar o FC Barcelona a súa cuarta Liga de Campións da UEFA o capitán do equipo Carles Puyol luciu unha camiseta na que puido lerse «Ànims Miki!» (¡Ánimo Miki!).

O domingo 5 de xuño de 2011, durante a celebración do partido benéfico a favor de África celebrado no Santiago Bernabéu que enfrontaba ao Real Madrid contra o Bayern de Múnic, o xogador Alfonso Pérez, que no seu día xogou no equipo da capital andaluza, mostraba unha camiseta que recibiu do Real Betis Balompié co nome de Miki Roqué, a modo de homenaxe, tras conseguir un tanto para o Real Madrid.

No minuto 26 de cada partido que o seu club o Real Betis Balompié xoga como local no Estadio Benito Villamarín dedícanselle uns cánticos. Aparte como iniciativa xurdida desde peñas béticas realizáronse camisetas e pulseiras para a súa venda e o diñeiro recadado foi posto a disposición do club para sufragar a operación.

Notas[editar | editar a fonte]