Miguel IV

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Miguel IV, "o Paflagonio", (1010 - 10 de decembro de 1041) (en grego Μιχαήλ Παφλαγών, que significa "da provincia de Paflagonia"), emperador bizantino (11 de abril de 1034 - 10 de decembro de 1041). Debeu a súa elevación á emperatriz Zoe, filla de Constantino VIII e muller de Romano III, que namorada de Miguel, que era o seu chambelán, envelenou ao seu marido para casar pouco despois con el, ambos feitos ocorreron en 1034.

Miguel, con todo, que era unha persoa de pouco carácter e sufría ataques epilépticos, deixou o poder en mans do seu irmán, Xoán o Eunuco, que fora primeiro ministro con Constantino e Romano. As reformas de Xoán no exército e o fisco permitiron un certo rexurdir da potencia bizantina, que se mantivo fronte aos ataques inimigos.

Na fronteira oriental, a importante cidade de Edesa foi liberada tras un longo asedio. Os musulmáns occidentais foron practicamente expulsados de Sicilia por Xurxo Maniaces (que levou a cabo alí as súas campañas entre 1037 e 1040), pero unha expedición contra os normandos de Italia sufriu sucesivas derrotas, e trala partida de Maniaces, moitas das súas conquistas en Sicilia perdéronse (1041).

No norte, os serbios tiveron éxito na súa revolta (1040), pero a perigosa rebelión dos búlgaros e outros eslavos balcánicos, que ameazaba as cidades de Tracia e Macedonia, foi reprimida pola triunfante campaña dirixida polo emperador en persoa pouco antes da súa morte.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Miguel Psello o Xove, Cronografía (ed. esp.: Miguel Pselo, Vidas de los emperadores de Bizancio, Madrid: Ed. Gredos, 2005).


Imperio Bizantino

Segue a:
Romano III
Miguel IV
Precede a:
Miguel V
Dinastía Macedonia