Migracións humanas prehistóricas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa das migracións humanas prehistóricas segundo a xenética mitocondrial de poboacións (os números indican milenios antes do presente)

A evolución do xénero Homo tivo lugar en África. Primeiramente o Homo erectus emigrou desde Africa cruzando Eurasia, nun proceso que comezou hai uns 2 millóns de anos. A expansión do Homo erectus foi seguida pola do Homo sapiens.

O H. sapiens alcanzou o Oriente Próximo arredor de 70.000 anos atrás. Desde o Próximo Oriente, esas poboacións estendéronse até Asia sudoriental hai uns 50.000 anos, e logo pasaron a Australia hai uns 40.000 anos atrás (un territorio ao que nunca chegara o Homo erectus). Europa foi atinxida polo Homo sapiens tamén hai uns 40.000 anos. A Asia Oriental chegou hai 30.000 anos. A data do paso a América é controvertida; puido suceder nunha época cercan a 30.000 anos atrás, ou quizais, moito máis tarde, sobre uns 14.000 anos a contar desde o presente.

A colonización das Illas do Océano Pacífico e a expansión dos esquimós polo Ártico non foi completada polo Homo sapiens até o 1º milenio da era común[1].

Humanos primitivos (antes do Homo sapiens)[editar | editar a fonte]

Reconstrución de Homo erectus. Os antropólogos coidan que o H. erectus foi o primeiro homínido que controlou o lume

Os primeiros membros do xénero Homo, como o Homo ergaster, o Homo erectus e o Homo heidelbergensis emigraron desde África durante o Plistoceno Inferior, posibelmente como resultado da denominada Bomba do Sahara, hai 1,9 millóns de anos, dispersándose através do Vello Mundo, e chegando na súa emigración tan lonxe como para alcanzar Asia Sudoriental. A data da dispersión primeira fóra de África vén coincidir virtualmente coa aparición do Homo ergaster nos rexistros fósiles, e está asociado coa aparición do bipedismo integral, só medio millón de anos despois da aparición do xénero Homo mesmo e das evidencias de instrumentos de pedra atopados, o que se coñece como industria de Oldoway.

Asentamentos clave que mostran os pasos desta temperá emigración fóra de África son Riwat en Paquistán (1,9 millóns de anos), Ubeidiya en Oriente Próximo (1,5 millóns de anos) e Dmanisi no Cáucaso (1,7 millóns de anos).

China foi poboada hai máis de 1 millón de anos,[2] hai 1,66 millóns de anos, consonte datas baseadas en artefactos de pedra atopados na conca do Nihewan.[3] Artefactos de pedra atopados no sitio de Xiaochangliang foron datados en 1,36 millóns atrás.[4]

Asia Sudoriental (Xava) foi alcanzada sobre 1,7 millóns de anos atrás (Meganthropus).

Europa foi poboada desde hai uns 1,2 millóns de anos (Atapuerca).[5]

Bruce Bower suxeríu que o Homo erectus puido construír balsas e navegar polos océanos, unha teoría que naceu con controversia.[6]

Debe, por outra banda, notarse que Homo non foi o primeiro homínido que colonizou Asia, pois os pónxidos chegaron até Asia Sudoriental hai uns 15 millóns de anos.

Migracións do Homo sapiens[editar | editar a fonte]

Interior de África[editar | editar a fonte]

O antepasado máis recente por vía matrilineal compartido por todos os seres humanos viventes, bautizado como a Eva mitocondrial, probabelmente vivíu, grosso modo, entre 120.000 e 150.000 anos atrás, época na que vivíu o denominado Homo sapiens idaltu, e moraría en África Oriental. Hai entre 100.000 e 80.000 anos, tres das liñas do Homo sapiens sapiens diferenciáronse: os portadores do haplogrupo mitocondrial L1 (mtDNA) / A (Y-DNA) colonizaron o sur de África (os antepasados dos pobos Khoisan ou Capoides); os portadores do haplogrupo L2 (mtDNA) / B (Y-DNA) asentáronse en África Central e Occidental (antepasados dos pobos falantes de idiomas Níxer-Congo e Nilo-Saharianos e tamén foron antecesores dos pigmeos ou Mbuti), mentres que os portadores do haplogrupo L3 permaneceron en África Oriental.

Saída de África[editar | editar a fonte]

O estreito de Bab el-Mandeb entre o Mar Vermello e o Golfo de Aden

De acordo con hipótese da orixe africana un pequeno grupo de portadores do haplogrupo L3, que vivirían na África Oriental emigraron cara o nordeste, posibelmente en busca de alimento ou ben escapando de cambios climáticos[7], cruzaron o Mar Vermello hai uns 70.000 anos atrás, e no proceso acabarían por poboar o resto do mundo.

Arredor de hai uns 50.000 anos o mundo estaba a entrar na última idade do xeo coñecida e o nivel do mar estaba moito máis baixo, con parte da hidrosfera atrapada en extensas capas polares. Hoxe no estreito de Bab el-Mandeb, entre o Mar Vermello e o Golfo de Aden, a distancia entre as beiras de África e da península de Arabia é duns 20 km de ancho, pero hai 50.000 anos a distancia era moito menor e o nivel das augas mariñas era sobre 70 m máis baixo. Aínda que os estreitos non estiveron nunca completamente pechados, podía haber illas (hainas aínda hoxe) através das cales podían apoiarse para navegar usando balsas sinxelas. Restos de cunchas de hai 125.000 anos foron achados en Eritrea, indicando que na dieta destes primeiros humanos o alimento mariño obtíñase engazando as praias. Isto cóidase que pode ser unha evidencia de que os humanos puideron cruzar o Mar Vermello en busca de novas fontes de alimento asequíbeles en praias deshabitadas.

Asia Sudoriental e Australia[editar | editar a fonte]

Algunhas evidencias xenéticas apuntan a que as emigracións desde África tiveron lugar através de dúas rutas. Porén, outros estudos insinúan que só tivo lugar unha ruta migratoria, pero seguida dunha rápida migración, cara o norte, dunha parte do grupo. Xa en Asia Occidental, as xentes que permaneceron no sur (ou ben que colleron a ruta do sur) expandíronse xeración a xeración bordeando a costa de Arabia e Persia até que alcanzaron a India. Un dos grupos que se dirixiran ao norte aventurouse no interior do continente[8], espallándose até Europa e puideron mesmo desprazaren os neandertais. Outros espalláronse desde a India a Asia Central. O grupo primixenio moveuse ao longo da costa sudoriental de Asia, alcanzando Australia entre 55.000 e 30.000 anos atrás, aínda que unha maioría dos investigadores opinan que non sucedeu até un período comprendido entre 46.000 e 41.000 anos atrás.

O mapa mostra as terras emerxidas durante o maximum da última glaciación en Asia Sudoriental

Durante esa época os niveis das augas mariñas eran moito máis baixos e o extremo da Asia Sudoriental era unha masa de terra coñecido como o "continente perdido" de Sonda. Os pioneiros puideron continuar movéndose a través da ruta costeira sudoriental até alcanzar a canle entre Sonda e Sahul (a masa continental que actualmente comprende Australia e Nova Guinea), esa canle chamámola hoxe Liña de Wallace. O canal tiña un ancho dun 90 km, polo que suxire que os colonizadores deberon ter coñecementos de navegación marítima para poder alcanzar Sahul (ou o que é o mesmo, Australia).

Se as datacións xenéticas son correctas, significaría que Australia foi poboada uns 10.000 anos antes que Europa. Iso é posíbel porque os grupos humanos evitaban, se podían, as rexións frías decatándose polas zonas tropicais ás que estaban mellor adaptados tendo en conta as condicións do primitivo territorio africano do que partiran. Outra testemuña que pode ser argumentada en favor da primacía do poboamento australiano é a de que todos os grandes mamíferos de Australia, que pesaban máis de 100 kg, despareceron subitamente arredor de hai 46.000 anos. Os novos colonos son sospeitosos de estar detrás desta extinción. Moitos animais puideron estar afeitos a vivir sen predadores e tornábanse vulnarábeles e dóciles ante os ataques (algo similar ocorreu algo máis tarde en América).

Mentres algúns grupos cruzaron o mar até Australia, outros puideron continuar bordeando o litoral de Sonda até, nun momento dado, encamiñarse para o norleste cara China e, finalmente, até Xapón, non se deixar atrás unha cadea de asentamentos. Esta emigración costeira deixou as súas trazas nos haplogrupos mitocondriais que proceden do haplogrupo M e nos cromosoma Y haplogruop C. Ademais talvez sexa necesario aventurar a posibilidade de que os humanos modernos entrasen en contacto con humanoides arcaicos tales como o erectus. Recentes estudos xenéticos insinúan que Australia e Nova Guinea foron poboados por nunha única emigración desde Asia, en vez de en varias ondas. A ponte de terra que unía Nova Guinea con Australia ficou mergullado hai aproximadamente 8.000 anos, o que illou as respectivas poboacións de ambos os dous territorios[9][10].

Europa[editar | editar a fonte]

Cóidase que Europa foi colonizada polos nordeste a través de inmigrantes procedentes de Asia Central e Oriente Próximo. A expansión debeu comezar hai uns 45.000 anos e puidéronse tardar até 15.000 anos para colonizar toda Europa completamente.[11]Durante este tempo os neandertais foron desprazados de vagar. Como se tardou tanto en controlar o territorio europeo, semella que os humanos modernos e os neandertalienses puideron competir constantemente polo espazo. Os neandertais eran máis robustos e posuían unha constitución máis pesada que suxire que aparentemente eran máis fortes que o moderno Homo sapiens. Logo de vivir en Europa desde hacía máis de 200.000 anos terían que estar mellor adaptados ao clima frío imperante. Os anatomicamente humanos modernos, correntemente designados como Cro-Magnones, posuían en tanto unha tecnoloxía e linguaxe superiores que facilitarían finalmente o desprazamento terminante dos neandertais, cuxo último refuxio parece que estivo situado no extremo sur da Península Ibérica. A última poboación coñecida vivíu arredor dun sistema de cavernas, destacando a Cova de Gorham, nas costas de Xibraltar, entre 30.000 e 24.000 anos atrás[12].

A hipótese de que os actuais europeos descendesen, en parte, dos antigos neandertalenses, cruzados cos hunanos modernos foi sostido no pasado. En 1997, os investigadores extraeron ADN mitocondrial de especímens neandertais cunha antigüidade de 40.000 anos para analizalo. Comparado con ADN dos humanos modernos, a secuenciación mostrou que diferían de xeito significativo, mostrando que o ADN dos homes modernos non procede de neandertalenses e mesmo indica que non existíu hibridación entre ambas as dúas especies.[13]. Porén continuouse a investigar posíbeis trazas de ADN neandertalense que puidesen probar unha mistura interracial. Uns poucos alelos de xenes autosómicos, como o alelo H2 do xene MAPT, insinuouse como hipotética proba, dado que só se encontra entre xentes europeas; porén a ausencia de ADN autosómico de neandertais, levou aos científicos a concluíren que aquela hipótese era totalmente especulativa [14].

Ademais certos arqueólogos dubidan de que os neandertais e o homo sapiens puidesen ter descendencia común. Aducen que os neandertalenses e os humanos modernos compartiron o mesmo hábitat durante máis de 20.000 anos, pero que non se teñen atopado nunca esqueletos fósiles que mostren características intermedias entre ambos dous homínidos[15].

Asia Central e Setentrional[editar | editar a fonte]

Haplogrupos mitocondriais A, B e máis G orixinados hai uns 50.000 anos atrás, foron levados por portadores que, posteriormente, colonizaran Siberia, Corea e Xapón arredor de hai 35.0000 anos. Parte desas poboaciónons emigrarían máis tarde a América do Norte.

América[editar | editar a fonte]

O continente americano foi ocupado por sapiens asiáticos que cruzaron desde Siberia a Alaska. Na época, os niveis do mar eran máis baixos e unha ponte de terra, Berinxia, conectaba América do Norte con Eurasia. Pénsase que utilizaron unha ruta meridional, que debía ter un clima máis cálido.

Hai desputa abondo sobre cando foi colonizada América e cantas vagas migratorios houbo. Achados controvertidos efectuados en Chile, en Monte Verde, poden indicar unha presenza humana nunha data tan ceda como 33.000 anos atrás. Porén, a máis antiga evidencia indiscutíbel de presenza humana en América son os achados ligados á cultura Clovis, que están datados arredor duns 11.000 anos atrás. O descubrimento das puntas Clovis indica que os primeiros colonizadores cazaban grandes animais. Xusto pola mesma época da chegada dos posuidores da cultura Clovis, moitos grandes animais, como os mamuts extinguíronse (e como en Australia, quizais debido á caza).

O lingüista Joseph Greenberg, en 1987, fixo unha controvertida clasificación das linguas americanas en só tres grandes macrofamilias: esquimo-aleutianas, faladas polos pobos inuit; aa-dené, macrofamilia que comprende 32 idiomas falados só en América do Norte por pobos como os apaches, navajos e outras tribos de Alaska e do Canadá; e, por último, a macrofamilia das amerindias, que abranxe máis de 600 linguas faladas ao longo de toda América. Greenberg sostivo que esas tres familias lingüísticas representan tres inmigracións separadas que ocuparon as Américas en orde de chegada (a orde sería inversa a como aquí se expuxeron, é dicir, os inuit foron os últimos en chegar e os "amerindios" os primeiros).

O Ártico[editar | editar a fonte]

As investigacións arqueolóxicas demostran a presenza no Ártico de sapiens anteriores aos inuit ou esquimós. Os restos máis antigos corresponden á cultura Saqqa, con asentamentos coñecidos en Groenlandia, datados desde hai 4.500 atrás (2500 a.C) e que se mantén até 2.800 anos atrás, cando é desprazada pola cultura Dorset. Os Saqqa conviviron no tempo con outras dúas culturas, denominadas Independence I e Independence II. Todas, conxuntamente, son ás veces denominadas culturas Pre-Dorset. Análises xenéticas realizadas, mostran que os Saqqa, non tiñan que ver cos inuit, e si con os chukches siberianos actuais[16].

A chegada das xentes pertencentes a unha nova cultura, a Dorset, arredor de 800 a.C (hai uns 2.800 anos a contar desde o presente) acurralou aos Saqqa. Cara o 300 da nosa era ocupaban xa Groenlandia, e, con seguranza, no século X foi o pobo que se veu cos viquingos na grande illa; subsistirían alí até 1300 aproximadamente. O pobo Dorset semella que estaba relacionado xeneticamente con os aleutianos, tamen moradores actuais en Siberia. Os inuit entraron en Alaska e Canadá no primeiro milenio. Xeneticamente diferentes manteron contactos e intercambios culturais con eles, até que dotados de tecnoloxía superior, os foron desprazando e ocupando todo o seu territorio, incluída Groenlandia. Un prerrequisito para o éxito no Árctico era ter lampadas de graxa, que seguramente se herdaron dos artefactos do Paleolítico Superior[17].

O Océano Pacífico[editar | editar a fonte]

Como xa quedou indicado arriba, Australia e Nova Guinea foron poboadas antes que Europa mesmo. O poboamento de Austronesia e Polinesia sábese xa hai anos que foi efectuado en boa parte antes do cambio de Era.[18]. Demostrado o parentesco entre as linguas do Pacífico, que figuran na macrofamilia austronésica, os filólogos buscaron o posíbel punto de partida dos emigrantes, que atoparon na illa de Taiwan, que parece conter 9/10 partes das fontes lingüísticas dos idiomas[19]De acordo con datos lingüísticos e arqueolóxicos dispoñíbeis, arredor de hai 10.000 a 6.000 anos a.C, grupos populacionais pre-austronésicos, que vivían no continente asiático, trasladáronse para a illa de Formosa. Entre 5000 e 2500 anos a.C., comezou a saír da illa unha emigración en grande escala. Cara 2300 a.C. estaban en Luzón (illa ao norte das Filipinas actuais); arredor de 1500 a.C., colonizaran o resto das Filipinas e mais Sulawesi (antiga Célebes), Borneo, Xava e as Molucas. Partindo das Molucas, os "argonautas do Pacífico" como se teñen cualificado con xustiza, pasaron a Melanesia arredor de 1200 a.C., e atinxiron as illas de Micronesia no 500 d.C. (na mesma época outros grupos dirixíranse cara Vietnam, identificándose os seus descendentes con os champa actuais), así ca. 400 d.C. arribaron as Hawai e a Pascua, que se poden considerar como os destinos insulares máis remotos no Pacífico a contar desde Asia. Nova Celandia, porén, foi descuberta máis tarde: ca. 800 d.C. Estas datas non supoñen o fin dos movementos emigratorios e das navegacións. Así, Hawai recibiu unha segunda onda de visitantes no século XI d.C. que procedían de Raiatea e Bora-Bora, e aínda que dimos para Pascua unha data de 400 d.C., datacións por C-14 sinalan a chegada dos colonizadores, procedentes de Hawai, arredor de 1200 d.C. Movéndose noutra dirección, navegantes orixinarios de Sulawesi e Borneo, chegaron e colonizaron a illa de Madagascar, fronte as costas orientais de África, sobre o ano 200 d.C.[20].

Porén, os datos obtidos por análise xenética non concordan totalmente cos sinalados polos lingüístas. A teor deles, conclúese que no poboamento da rexión de Asia Sudoriental (comprendidas as illas Filipinas e o conxunto de illas que denominamos Indonesia) o elemento poboacional indíxena seguíu a ser dominante; é dicir os humanos sapiens chegados arredor de 50.000 anos atrás, na onda provocada pola gran expansión desde África. Isto tamén valía para Nova Guinea. Na colonización, xa máis a oriente, de Melanesia, o fondo xenético da poboación era de poboacións preneolíticas, segundo o dominio 93% dos haplotipos de cromosomas Y desa procedencia (nun 51% mostraban que a procedencia era das illas de Asia Sudoriental). Polo tanto, o estrato cultural que se superpuxo en Melanesia era, sen dúbida austronésico, pero non o eran as poboacións[21]. En canto a Polinesia observábase a asociación dos haplogrupos dominantes (C,F e I) con Melanesia en primeiro lugar e, en segundo, con Asia Sudoriental e China continental. A análise do haplogrupo C, revelaba que a distancia cronolóxica con relación ao centro de dispersión inicial situaba esta en arredor de 3.100 anos atrás ou 1.100 a.C. Outras análises indicaban relacións diversas de predominio de centros diferentes todos sinalados, pero a de microsatélites autosómicos e a de mtADN indicaban mesmo relacións con Australia. Pero como nos casos anteriores, o resumo da análise xenética para Polinesia seguía a mostrar que a colonización das illas do Pacífico foi cultural e lingüísticamente unha empresa austronésica, pero non en canto a identificación poboacional[22].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mais a emigración cara o Pacífico puido iniciarse hai 6.000 anos a contar desde o presente, cfr. o artigo Austronesian languaces na Wikipedia en inglés; porén, no artigo de cronoloxía, en francés, -2000, sinala esta data como a de saída dos primeiros emigrantes oceánicos desde Taiwan. A respeito dos inuit, cómpre lembrar que as culturas paleo-esquimós, que chegan alcanzar mesmo Groenlandia, son moi anteriores ao cambio de Era.
  2. Rixiang Zhu, Zhisheng An, Richard Pott, Kenneth A. Hoffman, Magnetostratigraphic dating of early humans in China, in Earth Science Reviews, vol. 61, num. 3-4, June, 2003, páxs. 191–361: format=PDF
  3. Cfr. R. Zhu et alii (2004), New evidence on the earliest human presence at high northern latitudes in northeast Asia
  4. Earliest Presence of Humans in Northeast Asia. Smithsonian Institute, accessdate:2007-08-04, cfr. The archaeological site of Xihoudu in Shanxi Province is the earliest recorded of use of fire by Homo erectus, which is dated 1.27 million years ago, cfr "MagnetostratigraphicDating" in above note
  5. "'Fossil find is oldest European yet'". Nature News. 2008-03-26. http://www.nature.com/news/2008/080326/full/news.2008.691.html. 
  6. Bednarik, R.G., Seafaring in the Pleistocene, Cambridge Archaeological Journal 13 (2003), 41-66.[1]
  7. Recentes estudos negan que houbese graves cambios climáticos durante o período, e colocan a énfase en cambios culturais decisivos, especialmente evidencias dun desenvolvemento de linguaxes simbólicas, que serían as que, en parte, impulsarían a explorar novas terras, cfr. Zenobia Jacobs et alii, Ages for the Middle Stone Age of Southern Africa: Implication for Human Behavior and Dispersal, in Science, 31 outubro 2008, pode consultarse en http:/www.eurelaalert.org/pub releases ml/2008-10/aaft-9 2102708.php e un resumo, en español, dese artigo pode lerse no xornal "El País", Madrid, 31 outubro 2008, páx. 38.
  8. [hhttp://www.biomedcentral.com/1471-2156/2/13/ 'Major genomic mitochondrial lineages delineate early human expansionst'], 31-08-2001, in BMC Genetics 2001
  9. Revealing the prehistoric settlement of Australia by Y chromosome and mtDNA analysis
  10. From DNA Analysis, Clues to a Single Australian Migration
  11. Modern Humans Did Not Admix with Neanderthals during Their Range Expansion into Europe e Major genomic mitochondrial lineages delineate early human expansions
  12. Datacións recentes, no ano 2006, sinalan restos de neandertais e a súa cultura musteriense, hai 24.000 anos atrás na Cova de Gorham, en Xibraltar; serían os "últimos" representantes do seu xénero, cfr. p. ex. (en castelán) [2], tamén, con declaracións do arqueólogo Francisco Giles, (en castelán) [3]
  13. Kate Ravilious. Aborigines, Europeans Share African Roots, DNA Suggests. National Geographic News. May 7, 2007.
  14. Evidence suggesting that Homo neanderthalensis contributed the H2 MAPT haplotype to Homo sapiens
  15. Extinct Hominids page 207-209ISBN 0-8133-3918-9
  16. Consúltese o artigo da Wikipedia en francés, "Culture de Saqqa".
  17. Sobre as culturas históricas do Árctico pode consultarse a excelente web ad hoc do Museo Nacional de Dinamarca (en inglés).
  18. Nun libro publicado en 1965, o antropólogo Carleton S. Coon, expuña o estado da cuestión na época, e indicaba a orixe dos colonizadores das illas do Pacífico no sur da China entre poboacións neolíticas de hai 4.000 anos atrás; Coon fornecía datas C-14 para illas determinadas, que mostraban a grande antigüidade dos desprazamentos: -847 para Nova Caledonia, -1000 para Nova Celandia ou -124 para Hawai, cfr. Las razas humanas actuales. Madrid. Ed. Guadarrama. 1969 (The Living Races of Man, N. York, 1965)
  19. Cfr. Robert Blust, Subgrouping, circularity and extinction: some issues in Austronesian comparative linguistics, in E. Zeitoun e P.J.K. Li (ed.), Selected Papers from the Eighth International Conference on Austronesian Linguistics. Taipei. Academia Sinica. 1999, páxs. 31-94)
  20. Os datos da expansión polo Pacífico poden verse no artigo "Austronesian people", da Wikipedia en inglés.
  21. Cfr. páx. 439 in Cristian Capelli et alii, A Predominantly Indigenous Paternal Heritage for the Austronesian speaking Peoples of Insular Southeast Asia and Oceania, in American Journal of Human Genetics, 68, 2001, páxs. 432-443, que se pode consultar no enderezo: [4]
  22. Cristian Capelli et aliie, op.cit., páx. 440.