Metafonía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vocalismo tónico da lingua galega.

A metafonía é un fenómeno fonético e fonolóxico que consiste na alteración do timbre dunha vogal tónica por influencia das vogais próximas. Este é un fenómeno propio do galego-portugués tamén presente noutras linguas romances como o Italiano e en zonas do asturleonés. A metafonía propia do galego e do portugués é a apertura da vogal tónica media por causa de vogal final aberta ou o feche de vogal media por vogal final fechada ou semipechada.

Características[editar | editar a fonte]

O fenómeno chámase tamén metafonía nominal porque en galego e portugués non afecta a formas verbais senón só a nomes (substantivos e adxectivos). O caso máis común de metafonía é cando o -o final fixo que as dúas vogais tónicas /ε/ /ɔ/, abertas etimoloxicamente, pasasen a pechadas /e/ /o/ nunha parte do territorio galego.

A evolución do latín, sería:

  • mĕtum > /'mεdo/ Pero a metafonía fixo que se pronuncie: /'medo/
  • ŏculum > /'ɔλo/ Mais as zonas con metafonía pronuncian: /'oλo/

As palabras afectadas pola metafonía non ocupan áreas totalmente idénticas, senón que varían segundo a palabra. Pero pódese dicir que ocupan sempre a parte occidental de Galicia, expandíndose cara ao sector central e sendo o oriental o que máis se resiste.

No caso de /'mεdo/ as únicas zonas sen metafonía son as do galego máis oriental e tamén o galego exterior. Hai un claro dominio de /'medo/ no resto do territorio galego.

Non pasa o mesmo en ollo, que se pronuncia sen metafonía /'ɔλo/ na totalidade da provincia de Ourense, no galego exterior, en Lugo (aínda que nalgúns sitios hai algo de metafonía coma no Ortegal), e tamén concellos fronteirizos entre Pontevedra e Ourense. Manuel Ferreiro refire que nalgúns caso a metafonía serve para diferenciar significados como entre ollo da cara e ollo dun obxecto. A metafonía provocada por -a final é moito menos común en Galiza.

Nos dialectos portugueses centro-meridionais o sistema é lixeiramente diferente, pois alí diferenciase entre o singular con metafonía e o plural sen ela. Williams di que isto se debe a que o -s final fixo máis lenta a evolución da pronuncia do o postónico a -u e polo tanto detivo a metafonía.

A metafonía en xeral non está condenada no estándar, senón que permite unha dobre posibilidade de pronunciación, con metafonía ou sen ela. Porén, no caso de medo, coma as zonas afectadas pola metafonía ocupan unha maioría abafadora prefírese a pronuncia do e pechado. A metafonía na escrita non ten repercusión algunha, polo que non se pode analizar a súa aceptación na literatura. Tampouco é visible a súa aprobación/rexeitamento ou identificación con distintos sectores da sociedade ou zonas de Galiza.

A metafonía chámase tradicionalmente en castelán e francés inflexión. Algúns autores influenciados por ese uso chaman inflexión ao proceso aquí descrito e metafonía á alteración do timbre por causa do i semivogal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gramática Histórica Galega. Volume I. Fonética e Morfosintaxe, 1995, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento (442 pp.) ISBN 84-87847-67-6 (marzo de 1996, 2ª ed.; setembro de 1996, 3ª ed.; 1999, 4ª ed. ISBN 84-89896-43-7).
  • Edwin B. Williams, From Latin to Portuguese. Historical Phonology and Morphology of the Portuguese Language 1938, Trad. port. de Antônio Houaiss: Do Latim ao Português. Fonologia e Morfologia Históricas da Língua Portuguesa. Río de Xaneiro, Tempo Brasileiro, 1975 (3ª ed.)