Memoria da auga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A memoria da auga é a suposta capacidade da auga de reter unha "lembranza" ou "memoria" das substancias que foron previamente disolvidas nela nunha disolución arbitraria. Ningunha evidencia científica sostén esta suposición. [1][2] Afírmase que para que estes efectos aparezan cómpre axitar a auga en cada fase da dilución en serie.[3] O concepto foi proposto por Jacques Benveniste para explicar os supostos poderes terapéuticos dos remedios homeopáticos, que se preparan diluíndo solucións a un grao tan alto que non permanece ningunha molécula da substancia orixinal na maioría das preparacións finais. Benveniste intentou probar este principio básico da homeopatía realizando un experimento que fose publicado "independentemente dos intereses homeopáticos" nunha revista científica importante.[4]

Aínda que algúns estudos, incluíndo os do propio Benveniste, informaron que se observou este efecto, as replicacións dos experimentos seguindo o método do dobre-cego non conseguiron reproducir o mesmo resultado. O concepto non é coherente con leis científicas básicas de xeral aceptación e non é admitido pola comunidade científica. [5][6] A auga líquida non mantén redes ordenadas de moléculas durante períodos de tempo maiores dunha pequena fracción de nanosegundo. [7]

A ultradilución en homeopatía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Homeopatía.

Os remedios homeopáticos prepáranse realizando disolucións sucesivas en auga do principio activo: Tómase unha unidade de substancia ou extracto puro e engádese en proporción 1:10 á auga. Mestúrase ata que a disolución sexa homoxénea, e vólvese a tomar unha unidade da substancia, á que se somete ao mesmo proceso, obtendo unha proporción 1:100.

Na práctica homeopática este proceso repítese moitas veces, como mínimo 30, o que se denomina C30 ou 30x. [8] [9] En moitos casos utilízanse dilucións moito maiores, como C200, o que significa que existiría unha molécula de substancia por cada 10200 moléculas de auga (un 1 seguido de 200 ceros). Porén, un litro de auga tan "" contén 34 607 650 000 000 000 000 000 000 moléculas (34·1024), polo que a probabilidade de que haxa polo menos algunha molécula da substancia activa é practicamente cero [10], da orde de 10-175. Isto está baseado nun concepto científico básico chamado número de Avogadro, que di que un mol dunha substancia contén sempre 6,022 1023 partículas (moléculas, átomos)[11].

Debido á dificultade que representa o número de Avogadro á hora de explicar o funcionamento das terapias homeopáticas, na actualidade moitos homeópatas recorren á premisa da "memoria da auga" para explicalo.

A controversia na revista Nature[editar | editar a fonte]

No estudo orixinal,[4] o equipo do inmunólogo francés Jacques Benveniste no Institut National de la Santé et de la Recherche Médicale (INSERM) francés diluíu unha solución de anticorpos humanos en tal grao que virtualmente non había posibilidade de que permanecese nela ningunha molécula de anticorpo. Porén, informaron que os basófilos humanos respondían a esas solucións como se encontrasen nelas os anticorpos orixinais (parte da reacción alérxica). O efecto observábase cando se axitaba violentamente a solución durante a súa dilución. Benveniste afirmou: "É como se axitamos a chave dun coche no río, vamos varias millas río abaixo, extraemos unhas poucas pingas de auga, e despois arrancamos o noso coche con esa auga." [5] Naquel momento, Benveniste non ofreceu ningunha explicación teórica do fenómeno.

Benveniste presentou a súa investigación á importante revista científica Nature para que fose publicada. A xunta supervisora editorial de Nature estaba preocupada porque o material, se era publicado, daríalle credibilidade aos homeópatas mesmo se os efectos dos que se informaba non podían despois ser reproducidos noutros experimentos.[5] Había tamén preocupación sobre se a investigación era simplemente incorrecta, dados os cambios que implicaría en leis coñecidas e ben establecidas da física e da química. O editor de Nature, John Maddox, afirmou que "As nosas mentes non estaban tan pechadas senón non preparadas para mudar toda a nosa visión de como está construída a ciencia."[5] Pero rexeitar a publicación sobre ningunha base obxectiva considerouse que non era sostible, xa que naquel momento non había ningún fallo metodolóxico evidente no experimento.

Finalmente, chegouse a un compromiso. O texto foi publicado en Nature volume 333 do 30 de xuño de 1988,[3] pero foi acompañado dun editorial de Maddox que sinalaba o seguinte: "Hai boas e concretas razóns polas que as persoas prudentes deberían, polo momento, evitar facer un xuízo" e describiu algunhas das leis fundamentais da física e química que violaría, se chegase a probarse que era certa. [1] Ademais, Maddox pediu que os experimentos fosen reproducidos baixo a supervisión dun grupo escollido dos que acabarían por coñecerse como "cazafantasmas", que incluía a Maddox, ao ilusionista James Randi, de gran sona polas súas investigacións que desenmascararon fenómenos paranormais, e Walter W. Stewart, un físico e desmitificador independente dos Institutos Nacionais da Saúde dos EEUU. [12]

Na primeira serie de experimentos supervisados, seguiuse o procedemento experimental orixinal que se indicaba no texto que fora presentado para a publicación. Os experimentos realizados polo equipo de Beneviste e supervisados tiveron éxito, e reproduciron os datos publicados bastante aproximadamente. Porén, Maddox indicou que durante o procedemento os experimentadores coñecían cales tubos de ensaio contiñan orixinalmente os anticorpos e cales non. Realizáronse, pois, unha segunda serie de experimentos nos cales Maddox e o seu equipo estaban a cargo de aplicar directamente o procedemento de dobre cego, para o cal fotografaron os cadernos, o laboratorio foi gravado en vídeo, e os viais intercambiados aleatoriamente e codificados secretamente. Randi foi aínda máis lonxe e envolveu as etiquetas en papel de periódico [13], selounos nun sobre e despois pegounos no teito para que Benveniste e os seus colegas non puidesen lelos. Nos experimentos realizados así non se observou ningún efecto de memoria da auga.

Nature publicou un informe no seguinte número, que dicía:[14] "Concluímos que non hai base substancial para afirmar que os anti-IgE a gran disolución (en factores de 10120) manteñen a súa efectividade biolóxica, e que a hipótese de que a auga pode quedar impresa coa memoria de pasados solutos é tan innecesaria coma fantástica." Porén, non se suxeriu que houbese fraude; Maddox e o seu equipo especularon inicialmente de que alguén no laboratorio "estaba xogándolle unha mala pasada a Benveniste",[5] pero despois concluíron que "Nós cremos que o laboratorio fomentou e despois incentivou un autoengano sobre a interpretación dos seus datos." Maddox tamén sinalou que dous dos investigadores de Benveniste estaban sendo pagados pola compañía homeopática francesa Boiron.

Nunha carta de resposta publicada no mesmo número da revista, Benveniste arremeteu contra Maddox e queixouse sobre a proba rigorosa á que foi sometido a mans do equipo de Nature, comparándoa coa "caza de bruxas de Salem ou persecucións ao estilo do macartismo."[15] Tanto na resposta de Nature coma nun episodio do programa radiofónico científico Quirks and Quarks, Benveniste queixouse especialmente de Stewart, do que afirmou que actuaba como se todos eles fosen uns fraudulentos e os trataba con desdén, queixándose da súa "típica actitude de sabelo todo". Na súa carta de Nature, Benveniste tamén deu a entender que Randi estaba intentando burlar o curso do experimento facendo trucos de maxia, "distraendo aos técnicos a cargo da súa supervisión!" Foi máis moderado en Quirks and Quarks, cambiando a súa mención a Randi dando a entender que mantivera ao equipo entretido cos seus trucos e que a súa presenza foi en xeral ben recibida. Tamén indicou que aínda que era certo que dous dos membros do seu equipo eran pagados por unha compañía homeopática, a mesma compañía pagara a factura do hotel do equipo de Maddox.

Maddox declarou "sinto que non atopásemos nada máis interesante." No mesmo programa Quirks and Quarks rexeitou as queixas de Benveniste, indicando que a posibilidade de que os resultados fosen indebidamente usados pola comunidade homeopática demandaban que se fixese unha nova comprobación inmediata. Ao fracasaren as comprobacións, isto demostraba que os resultados iniciais se debían probablemente ao "efecto da expectación do observador". Tamén sinalou que o procedemento completo da proba da que Benveniste máis tarde se queixou fora previamente acordado entre todas as partes. Só cando as probas fallaron Benveniste discutiu se eran apropiadas.

O debate continuou na sección de cartas de Nature durante varios números ata que o equipo da editorial decidiu dala por rematada. Continuou na prensa francesa durante certo tempo.[16] Debido á polémica sobre os experimentos de comprobación, e malia que o resultado fora negativo, nada puido impedir o que preocupaba a Maddox, xa que aínda hoxe son utilizados polos partidarios da homeopatía para afirmar que os experimentos "proban" que a homeopatía funciona. [17] Un dos coautores de Benveniste do experimento orixinal publicado en Nature, Francis Beauvais, máis tarde dixo que aínda que as probas que non son de dobre cego xeralmente daban resultados "correctos" (é dicir, as mostras ultradiluídas eran bioloxicamente activas, e os controis non), "os resultados das mostras cegas eran case sempre aleatorias e non se correspondían cos resultados agardados: algúns "controis" eran activos e algunhas mostras "activas" non tiñan efecto no sistema biolóxico."[18]

Investigacións posteriores[editar | editar a fonte]

Noutras controversias científicas como a da fusión fría ou a poliauga moitos científicos iniciaron inmediatmente experimentos de replicación dos orixinais, porque as teorías que subxacían neses experimentos non contraviñan directamente principios científicos fundamentais ben establecidos e podían acomodarse cuns pequenos axustes a ditos principios. [19] Pero o experimento de Benveniste ía directamente contra varios principios fundamentais, o que fixo que moitos investigadores rexeitaran por completo os resultados considerándoos erros ou fraudes, e só uns poucos investigadores estaban dispostos a repetir os experimentos para validar ou non esas teorías.[19]

Despois da controversia en Nature, Benveniste obtivo o apoio público de Brian Josephson,[20] un físico premio Nobel con reputación de ter unha mente aberta aos fenómenos paranormais. Os experimentos continuaron sobre as mesmas liñas básicas, culminando cunha publicación de 1997 que afirmaba que o efecto podía transmitirse a través das liñas telefónicas. [21] A isto seguíronlle dúas publicacións máis en 1999[22] e outra sobre transmisión remota en 2000, ano en que se afirmaba que o efecto podía tamén enviarse por Internet.[23]

A revista Time publicou en 1999 que, en resposta ao escepticismo do físico Robert Park, Josephson retara á Sociedade Física Americana (APS) a supervisar unha replicación feita por Benveniste. Este reto consistiría "nunha proba de dobre cego aleatoria", da súa capacidade de transferir as características de auga diluída homeopaticamente por Internet.[24] A APS aceptou o reto e ofreceu sufragar os costes da proba. Cando isto chegou aos oídos de Randi, este tamén ofreceu o antigo premio de 1 millón de dólares da Fundación Educacional James Randi para quen demostre positivamente un feito paranormal. A isto Benveniste respondeu: "Perfecto para nós." ("Fine to us.")[25] na súa DigiBio NewsLetter. Porén, a carta de Randi sinalaba que Benveniste e Josephson non seguiron o seu reto, burlándose co seu silencio sobre o asunto como se fosen persoas desaparecidas.[26]

Unha proba independente do experimento de transmisión remota de 2000 levouse a cabo en EEUU por un equipo sufragado polo Departamento de Defensa dos Estados Unidos. Utilizando os mesmos aparellos experimentais e organización ca o do equipo de Benveniste, non conseguiron encontrar ningún efecto ao realizar o experimento. Porén, indicáronse varios resultados "positivos", pero só cando un determinado investigador de Benveniste manexaba o equipamento. "Non observamos influencias sistemáticas como diferenzas no pipeteado, contaminación, ou violacións do procedemento de cego ou aleatorización que explicasen estes efectos no investigador de Benveniste. Porén, as nosas observacións non exclúen esas posibilidades."

Benveniste admitiu ter indicado o seguinte: "El afirmou que certos individuos sistematicamente obteñen efectos dixitais e outros individuos non conseguen efectos ou bloquean os efectos."[27]

Os intentos doutros grupos de investigadores de repetir o experimento de Benveniste non obtiveron resultados positivos que puidesen ser repetidos independentemente. En 1993, Nature publicou un texto no que se describían varios experimentos que non conseguiron atopar efectos similares, [28] e un estudo independente publicado en Experientia en 1992 non atopou ningún efecto.[29] Un equipo internacional dirixido pola profesora Madeleine Ennis da Queen's University de Belfast afirmou en 1999 ter reproducido os resultados de Benveniste.[30][31] Randi despois lanzoulle o seu reto do millón de dólares ao programa da BBC Horizon para que se probase a teoría da "memoria da auga" seguindo os procedementos experimentais de Ennis. Como resposta, realizáronse experimentos que foron supervisados polo vicepresidente da Royal Society, profesor John Enderby. O reto rematou sen que o equipo de Horizon observase nigún efecto de memoria. [32] Nunha reportaxe sobre homeopatía, o programa de televisión de EEUU ABC 20/20 tamén intentou, sen éxito, reproducir os resultados de Ennis.[33]

Investigacións publicadas en 2005 sobre a dinámica das redes de enlaces de hidróxeno na auga demostraron que "a auga líquida esencialmente perde a memoria de correlacións persistentes na súa estrutura" en 50 millonésimas de nanosegundo (femtosegundos).[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Anónimo [John Maddox] (1988). "When to believe the unbelievable". Nature 333 (6176): 787–787. Bibcode 1988Natur.333Q.787.. DOI:10.1038/333787a0.
  2. Ver Mol e Homeopatía para unha información máis detallada sobre como calcular o número orixinal de moléculas.
  3. 3,0 3,1 E. Dayenas; F. Beauvais, J. Amara , M. Oberbaum, B. Robinzon, A. Miadonna, A. Tedeschit, B. Pomeranz, P. Fortner, P. Belon, J. Sainte-Laudy, B. Poitevin and J. Benveniste (30 June 1988). "Human basophil degranulation triggered by very dilute antiserum against IgE" (PDF). Nature 333 (6176): 816–818. Bibcode 1988Natur.333..816D. DOI:10.1038/333816a0. PMID 2455231. http://www.nature.com/nature/journal/v333/n6176/pdf/333816a0.pdf. Consultado o 2012-dec-01.
  4. 4,0 4,1 Poitevin, Bernard (2005). "Jacques Benveniste: a personal tribute". Homeopathy 94 (2): 138–139. DOI:10.1016/j.homp.2005.02.004.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 John Langone (8 August 1988). "The Water That Lost Its Memory". Time Magazine. http://www.time.com/time/magazine/article/0,9171,968080,00.html. Consultado o 2007-06-05.
  6. P. Ball (8 August 2007). "Here lies one whose name is writ in water". Nature. DOI:10.1038/news070806-6. http://www.nature.com/news/2007/070806/full/news070806-6.html. Consultado o 2012-dec-01.
  7. 7,0 7,1 Cowan ML; Bruner BD; Huse N et al. (2005). "Ultrafast memory loss and energy redistribution in the hydrogen bond network of liquid H2O". Nature 434 (7030): 199–202. Bibcode 2005Natur.434..199C. DOI:10.1038/nature03383. PMID 15758995.
  8. Walach, Harald (dicembro 1993). "Does a highly diluted homoeopathic drug act as a placebo in healthy volunteers? Experimental study of belladonna 30c in double-blind crossover design—A pilot study". Journal of Psychosomatic Research 37 (8): 851–60. doi 10.1016/0022-3999(93)90174-E. http://www.sciencedirect.com/science?_ob=ArticleURL&_udi=B6T8V-45Y6S4W-D3&_user=987788&_rdoc=1&_fmt=&_orig=search&_sort=d&view=c&_acct=C000049881&_version=1&_urlVersion=0&_userid=987788&md5=e14679ab764c6cc6ce6e91c3a6361628. Consultado o 01 dec 2012.
  9. Evidence Check 2: Homeopathy Fourth Report of Session 2009–10. 8 de febrero de 2010. http://www.publications.parliament.uk/pa/cm200910/cmselect/cmsctech/45/45.pdf.
  10. Ernst, E (2005), "Is homeopathy a clinically valuable approach?", Trends in Pharmacological Sciences 26 (11): 547–8, doi:10.1016/j.tips.2005.09.003, PMID 16165225
  11. "Glossary of Terms in Quantities and Units in Clinical Chemistry (IUPAC-IFCC Recommendations 1996)" (PDF). Pure Appl. Chem. 68: 957 - 1000. 1996. DOI:10.1351/pac199668040957. http://www.iupac.org/publications/pac/1996/pdf/6804x0957.pdf.
  12. Robert Sheaffer (January / February 1998). column "Psychic Vibrations". "E-mailed Antigens and Iridium’s Iridescence". Skeptical Inquirer 22.1. http://www.csicop.org/si/show/e-mailed_antigens_and_iridiumrsquos_iridescence/.
  13. James Randi in interview for BBC Horizon: Homeopathy The Test, 26/11/2002
  14. J. Maddox; J. Randi, W. W. Stewart (28 July 1988). ""High-dilution" experiments a delusion" (PDF). Nature 334 (6180): 287–290. Bibcode 1988Natur.334..287M. DOI:10.1038/334287a0. PMID 2455869. http://www.nature.com/nature/journal/v334/n6180/pdf/334287a0.pdf. Consultado o 2012-dec-01.
  15. J. Benveniste (28 July 1988). "Dr Jacques Benveniste replies" (PDF). Nature 334 (6180): 291–291. Bibcode 1988Natur.334..291B. DOI:10.1038/334291a0. Arquivado do orixinal o 2007-02-25. http://web.archive.org/web/20070225102815/http://br.geocities.com/criticandokardec/benveniste02.pdf. Consultado o 2012-dec-01.
  16. P. Coles (28 July 1988). "Benveniste controversy rages on in the French press". Nature 334 (6181): 372–372. Bibcode 1988Natur.334..372C. DOI:10.1038/334372a0. PMID 2457165.
  17. Homeopathy breakthrough
  18. Memory of water and blinding, Francis Beauvais, Homeopathy, 97(1):41-42, January 2008.
  19. 19,0 19,1 Philip Ball (2001). Life's matrix: a biography of water (illustrated, reprinted ed.). University of California Press. p. 328. ISBN 978-0-520-23008-8. http://books.google.com/books?id=vPVdHwpkfu0C.
  20. Brian Josephson, molecule memories, New Scientist letters, 1 November 1997
  21. J. Benveniste; P. Jurgens, W. Hsueh and J. Aissa (21–26 February 1997). "Transatlantic Transfer of Digitized Antigen Signal by Telephone Link". Journal of Allergy and Clinical Immunology.
  22. J. Benveniste; Aissa, J., Guillonnet. "The molecular signal is not functional in the absence of "informed water"". Medical Hypotheses 54 (A163 (abstr.)).
  23. J. Benveniste; Thomas Y, Schiff M, Belkadi L, Jurgens P, Kahhak L (2000). "Activation of human neutrophils by electronically transmitted phorbol-myristate acetate". FASEB Journal 13 (1): 33–39. DOI:10.1054/mehy.1999.0891. PMID 10790721.
  24. Leon Jaroff, Homeopathic E-Mail, Time Magazine, 17 May 1999]
  25. Jacques Benveniste and Didier Guillonnet, DigiBio - NewsLetter 1999.2, "Demonstration challenge, etc." section
  26. James Randi, Computer problems, a Nobel Laureate reneges, more magnetic shoes, the metric system, and ..., Commentary ,26 January 2001
  27. Jonas, Wayne B.; John A. Ives, Florence Rollwagen, Daniel W. Denman, Kenneth Hintz, Mitchell Hammer, Cindy Crawford, and Kurt Henry (January 2006). "Can specific biological signals be digitized?". FASEB Journal 20 (1): 23–28. DOI:10.1096/fj.05-3815hyp. PMID 16394263. http://www.fasebj.org/cgi/content/full/20/1/23. Consultado o 2007-06-05. — esta publicación inclúe unha lista de referencias excelente.
  28. Hirst S. J.; Hayes N. A., Burridge J., Pearce FL, Foreman JC. (9 December 1993). "Human basophil degranulation is not triggered by very dilute antiserum against human IgE". Nature 366 (5): 525–527. Bibcode 1993Natur.366..525H. DOI:10.1038/366525a0. PMID 8255290.
  29. Ovelgonne, J. H.; Bol, A. W., Hop, W. C., van Wijk, R (15 May 1992). "Mechanical agitation of very dilute antiserum against IgE has no effect on basophil staining properties". Experientia (Birkhäuser Verlag (part of Boiron)) 48 (5): 504–508. DOI:10.1007/BF01928175. PMID 1376282.
  30. P. Belon; J. Cumps, M. Ennis, P. F. Mannaioni, J. Sainte-Laudy, M. Roberfroid, F. A. C. Wiegant (April 1999). "Inhibition of human basophil degranulation by successive histamine dilutions: Results of a European multi-centre trial". Inflammation Research 48 (Supplement 1): 17–18. DOI:10.1007/s000110050376. PMID 10350142.
  31. Lionel Milgrom (2001-03-15). "Thanks for the memory. Experiments have backed what was once a scientific 'heresy', says Lionel Milgrom". The Guardian (Guardian Unlimited). http://www.guardian.co.uk/science/2001/mar/15/technology2
  32. "Homeopathy: The test. Transcript.". BBC Two. 2003-11-26, 9pm. http://www.bbc.co.uk/science/horizon/2002/homeopathytrans.shtml. Consultado o 2012-dec-01.
  33. Stossel, John (2008). "Homeopathic Remedies - Can Water Really Remember?". 20/20 (ABC News). http://abcnews.go.com/print?id=124309. Consultado o 2012-dec-01.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]