Melchor Rodríguez García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMelchor Rodríguez García

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento30 de maio de 1893 Editar o valor em Wikidata
Sevilla, España Editar o valor em Wikidata
Morte14 de febreiro de 1972 Editar o valor em Wikidata (78 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de San Justo de Madrid Editar o valor em Wikidata
Alcalde de Madrid
28 de marzo de 1939 – 28 de marzo de 1939
← Rafael Henche de la Plata (pt) TraducirAlberto Alcocer y Ribacoba → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Ideoloxía políticaAnarquismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico , Confederación Nacional do Traballo , Federación Anarquista Ibérica , anarcosindicalista , toureiro , Libertario Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Cronoloxía
Alternativa (tauromaquia) (pt) Traducir
confirmación de alternativa (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Placa a Melchor Rodríguez García no barrio de Triana.

Melchor Rodríguez García, nado en Sevilla en 1893 e finado en Madrid o 14 de febreiro de 1972, tamén coñecido como El Ángel Rojo, foi un anarcosindicalista andaluz, delegado de prisións e alcalde de Madrid durante a guerra civil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Melchor quedou orfo sendo aínda un neno, ó morrer o seu pai nun accidente nos peiraos do río Guadalquivir. A súa nai, costureira e cigarreira, tivo que ocuparse soa a partir de entón de sacar adiante a Melchor e ós seus dous irmáns.

Melchor Rodríguez estudou na escola do asilo ata os trece anos. A partir de entón, aguillada a súa familia por unha pobreza extrema, comezou a traballar como caldereiro nun taller de Sevilla. Xa na súa adolescencia intentou labrarse camiño no mundo da tauromaquia e abandonou a súa casa para percorrer diversas feiras e capeas con mellor ou peor sorte. En El Cossio aparece citado como único lidador que combinou o toureo coa política. Melchor toureou en Sanlúcar de Barrameda en 1913, e posteriormente en prazas cada vez máis importantes ata chegar á de Madrid. Alí sufriu unha grave collida en agosto de 1918, retirándose en 1920 tras algunhas corridas en Viso, Salamanca e Sevilla.

Finalizada a súa aventura taurina transladouse a Madrid, onde comezou a traballar como chapista cara a 1921. Axiña se sentiu atraído polos movementos de loita obreira da capital, afiliándose á Agrupación Anarquista da Rexión Centro inmediatamente despois da súa fundación (carnet nº 3). Pouco despois foi nomeado presidente do Sindicato de Carroceiros, de corte anarquista, e pasou a militar nas filas da Confederación Nacional do Traballo. Alí comezou a súa loita a favor dos dereitos dos reclusos, mesmo daqueles de ideoloxía contraria á súa, o que lle custou a prisión en innumerables ocasións durante a monarquía e a República.

Ó estourar a guerra en 1936 as organizacións anarquistas cooperaron co goberno. O 10 de novembro Melchor foi nomeado delegado especial de prisións de Madrid. Desde este posto intentou deter as sacas de presos dos cárceres de Madrid (translados de grupos de reclusos que eran posteriormente fusilados en Paracuellos de Jarama e outros lugares próximos á capital), aínda que ante distintas presións e interferencias para que estas proseguisen dimitiu o día 14. Retomou o seu posto o día 4 de decembro tralas protestas do Corpo Diplomático e do presidente do Tribunal Supremo, Mariano Gómez. Porén, esta vez fíxoo con poderes plenipotenciarios como Delegado xeral de Prisións, outorgados polo entón ministro de Xustiza do Goberno republicano, o anarquista García Oliver. Só entón conseguiu Melchor deter as matanzas de Paracuellos e a situación de terror dos cárceres, baixo prezo de enfrontarse con algúns dirixentes comunistas que pretendían seguir coas sacas [Cómpre referencia], e con gran risco da súa vida en varias ocasións segundo datos de numerosas testemuñas presenciais[1].

Tivo pois a responsabilidade non só de vixilar os réximes e previr as fugas, senón tamén de evitar as agresións e linchamentos de presos que algunhas milicias e grupos armados efectuaron. Neses anos, en varias provincias, déronse varios casos de sacas e asasinatos de presos sospeitosos de colaborar co bando nacionalista, moitos deles sen seren sequera xulgados. As principais causas foron:

  • A entrega de armas, a raíz da sublevación, a grupos moi politizados e con pouca disciplina.
  • O recrudecemento das rivalidades políticas, xa existentes nos anos anteriores, durante o longo sitio de Madrid que sufría frecuentes bombardeos de obxectivos civís.
  • O coñecemento de que as tropas rebeldes tamén mataban a xente sen xuízo previo, na zona por eles controlada.
  • A debilidade do goberno republicano nos primeiros meses da guerra, que fixo que non se castigasen debidamente estes asasinatos.

Unha das primeiras medidas tomadas por Melchor Rodríguez como delegado de prisións foi a implantación dunha norma pola que quedaba prohibida sen a súa autorización persoal a saída de presos dos cárceres entre as 7 da tarde e as 7 da mañá. Esta orde supuxo en boa medida a fin dos paseos nocturnos de prisioneiros. A expresión era un eufemismo da época para denominar ós numerosos asasinatos de reclusos que foran postos en liberdade pouco tempo antes, o que adoitaba suceder durante a noite.

Unha das actuacións máis destacadas de Melchor Rodríguez tivo lugar durante uns disturbios, despois de que o Exército franquista bombardeara o campo de aviación de Alcalá de Henares. Unha concentración de protesta, na que participaban milicianos armados, chegou á prisión de Alcalá de Henares, entrando os líderes ata o despacho do director, onde esixiron a apertura de celas para linchar a varios presos. Rodríguez acodeu á prisión, enfrontándose á turba, dando incluso a orde de proporcionar armas ós reclusos en caso de que os asaltantes persistisen no seu empeño.

Nesta e noutras intervencións similares (como no Cárcere Modelo de Madrid) conseguiu impedir persoalmente vexacións ou execucións arbitrarias de reclusos, que foran práctica común ata a súa chegada ó cargo. Así salvou in extremis a vida de moitas persoas, dando algunhas delas posteriormente testemuña do humanitarismo de Rodríguez García, como os militares Agustín Muñoz Grandes e Valentín Gallarza, Serrano Súñer -que logo formaría parte dos gobernos de Franco-, o Doutor Mariano Gómez Ulla, os irmáns Rafael, Cayetano, Ramón e Daniel Luca de Tena, o futbolista Ricardo Zamora e os falanxistas Rafael Sánchez Mazas e Raimundo Fernández-Cuesta entre outros.

Noutra ocasión Melchor denunciou que José Cazorla, conselleiro de Orde Pública da Xunta de Defensa de Madrid, mantiña cárceres privadas ilegais, ó parecer controladas por membros do Partido Comunista.

Rodríguez foi tamén nomeado concelleiro de Madrid, representando á Federación Anarquista Ibérica. Segismundo Casado nomeouno alcalde de Madrid nos últimos días da guerra, sendo el o encargado de transpasar os poderes ós franquistas cando se rendeu Madrid, o 28 de marzo de 1939.

Ó acabar a guerra civil foi detido, xulgado e condenado a seis anos e un día de prisión polas súas actividades anarquistas e a súa actuación na administración republicana. Contou con testemuñas favorables de personalidades da dereita, particularmente o xeneral Muñoz Grandes, que lembraron como defendera a vida dos seus rivais políticos, e foi posto en liberdade ó cabo dun ano e medio.

Á súa morte en 1972 acudiron ó sepelio moitas persoas de ideoloxías enfrontadas, anarquistas e falanxistas entre outros. Cantouse o himno anarquista "A las barricadas", transcorrendo a cerimonia, malia o feito e a época, sen ningún incidente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernández, Carlos: Paracuellos de Jarama. Barcelona: Argos Vergara, 1983. ISBN 84-7178-449-1.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]