Melanoma maligno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O melanoma maligno é o tipo de cancro de pel con peor prognóstico. É un tumor altamente maligno nos seus estadios avanzados, debido á súa elevada probabilidade de diseminar metástases noutros órganos.

Etioloxía e xenética[editar | editar a fonte]

O melanoma maligno orixínase dos melanocitos, as células que producen o pigmento melanina que dá cor á pel. É máis común na pel mais pode xurdir tamén raramente noutros epitelios, como no ollo, nas mucosas do esófago, vaxina e outros órganos.

Os xenes mutados son frecuentemente o CDK4 (unha cinase de ciclina) e o BRAF, un membro da familia dos oncoxenes RAS.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

Como exemplo da súa casuística, nos EUA hai máis de 50.000 casos cada ano, que provocan preto de 8.000 mortes.

Os principais factores de risco do melanoma son a pel clara e a exposición ao Sol, unha vez que os raios ultravioleta provocan alteracións ou mutacións no ADN (por exemplo dimerización de determinadas bases), e as persoas de pel escura teñen melanina que absorbe a maioría deses raios UV antes deles provocaren danos.

Porén o melanoma pode xurdir en áreas da pel non expostas ao sol e tamén en persoas de pel moi escura, porque a melanina non para todos os raios UV. Hai algúns raios UV mesmo cando hai nubes e no inverno, e porque hai outros factores que poden causar o melanoma, como factores xenéticos (susceptibilidade hereditaria, responsábel por 10% dos casos), e determinados químicos canceríxenos.

Estas consideracións explican a alta incidencia do melanoma maligno en países como a tropical Australia, cuxa poboación ten orixe na Europa do norte, cultura de praia e vive baixo o Buraco do Ozono, o que leva a maior incidencia de raios UV naquela rexión do Mundo; e tamén nalgúns grupos de Brasileiros de orixe nórdica. Aliás cóidase que foi a selección natural do melanoma maligno e outros tumores da pel -como os carcinomas basocelulares ou de células escamosas- o que levou as poboacións humanas que viven nos trópicos a desenvolveren a coloración escura que os protexe. No norte, inversamente, o pouco aceso ao Sol criou outro tipo de problemas médicos como a baixa absorción de vitamina D (unha vitamina formada na pel, en reacción química que precisa da luz solar, necesaria á absorción do calcio para os osos; a súa deficiencia tradúcese no raquitismo, con fracturas frecuentes). Os individuos escuros con altos niveis de melanina absorben pouca vitamina D comparativamente, porque a melanina absorbe a maior parte da luz solar incidente. Dese modo as presións, durante decenas de millares de anos, da necesidade de vitamina D por un lado, e de evitar o mortífero melanoma por outro, explican algunhas diferenzas étnicas existentes hoxe. Se as poboacións nórdicas nos países tropicais, ou as tropicais nos países do norte permanecesen illadas durante moitos millares de anos, tornaríanse de certo cada vez máis escuras ou máis claras de acordo coa exposición solar nas respectivas rexións.

Clínica[editar | editar a fonte]

O melanoma xeralmente ten máis de 8 mm de diámetro horizontalmente. Pode ser negro, castaño, vermello, azul ou branco. Pode xurdir na pel sa ou de lesións pigmentadas preexistentes (as "pintas" ou "sinais" de nacenza).

O melanoma non ten síntomas na súa fase inicial, excepto a irritación cutánea (comechón ou dor) que xorde só nalgúns casos. É frecuente que apareza como unha área dun nevo ("sinal") xa existente que creceu, mudou de cor, gañou contornos irregulares; ou como un novo nevo que xorde na vida adulta. Todas esas manifestacións son altamente suxestivas de melanoma.

Patoloxía[editar | editar a fonte]

As células do melanoma concéntranse inicialmente en niños ben ou mal formados. Son maiores que os melanocitos normais, e poden ou non producir melanina (se non producen son melanomas acrómicos).

As células teñen grandes núcleos irregulares, nucléolos prominentes. Un elevado número de mitoses suxire mal prognóstico. Pódese observar en estadios avanzados a invasión de nervios, vasos sanguíneos e linfáticos, indicando un mal prognóstico. A existencia de resposta inmunitaria vigorosa, como infiltración de linfocitos, suxire mellor prognóstico.

Progresión[editar | editar a fonte]

Inicialmente o melanoma non ten posibilidade de metastización e crece só pola pel (crecemento radial ou horizontal). Co aumento do número de células, hai maior probabilidade de desenvolver as mutacións que lle permitan tornarse invasiva (por exemplo expresión de xenes de encimas degradadoras do coláxeno do tecido conxuntivo envolvente, unha barreira á proliferación). Esa célula entón multiplícase e inicia a fase de crecemento vertical, invadindo os tecidos adxacentes.

A metastización do melanoma é común no fígado e nódulos linfáticos.

Prognóstico e terapia[editar | editar a fonte]

O tratamento é cirúrxico. A probabilidade de éxito na cirurxía depende do crecemento vertical do tumor. As persoas con tumores cuxa espesura vertical é menor de 0,76 mm sobreviven case todas a este cancro. Tamaños inferiores a 1,7 mm aínda indican prognóstico intermedio. Maiores os tamaños correlaciónanse con cada vez maiores taxas de mortalidade. O melanoma, non sendo extirpado no inicio, aínda pertence ao grupo dos cancros con alta taxa de mortalidade.