Megabeat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Megabeat
Na rede
Musicbrainz: eaba77c7-0e6f-405d-b54a-40aa311368c5 Discogs: 54399 Editar o valor em Wikidata

Megabeat foi un conxunto valenciano de música electrónica e selo discográfico (Megabeat Records) formado por Fran Lenaers, Julio "Nexus" e Gani Manero aparecido a finais de 1989 e que tivo o seu punto álxido entre 1990 e 1991. Tamén foron coñecidos por outros nomes coma Interfront, Invisible ou Sun Corporation.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Megabeat supuxo un sopro de aire renovador sobre as correntes eurobeat e ítalo house/spaghetti disco que predominaban nas discotecas españolas en 1990. De ascendencia techno/dancefloor se lles considera os pais do controvertido Son de Valencia. Entre as súas influencias principais salientan xéneros coma a EBM, o rock gótico, o tecnopop, o new beat e mailo trance alemán da primeira época. Tamén é salientable a influencia que neles exerceron conxuntos veteranos coma Kraftwerk e Front 242, e en distinta medida unha longa lista de grupos europeos que comezaron a se abriren paso, sobre todo no Levante español, propiciando un panorama favorable a esta formación valenciana.

Á marxe dos rumores e a considerable lenda que xira arredor deste grupo hai que dicir que a súa música pouco o nada ten que ver co concepto actual do Son de Valencia, estilo que comezou a masificarse polo ano 1992 e que desembocou no que hoxe enténdese como bakalao ou mákina, se ben estas etiquetas xa se empregaran en 1990 para se referir a todo tipo de música electrónica aplicada á pista de baile, independentemente do seu xénero.

É importante suliñar que aínda que a carreira de Megabeat foi curta chegaron a lanzar unha trintena de discos ao mercado, editados baixo distintos nomes segundo o tipo de xénero, que ían dende a electrónica instrumental máis melódica ata a EBM, pasando polo techno máis corporal, nunha fusión moi persoal que axiña callou nos pratos dos discjockeys.

Chegouse a dicir que a obra de Megabeat eclipsou ós propios compoñentes do grupo, facéndose máis popular a súa música que o seu propio nome. De calquera xeito trátase dunha figura chave que absorbeu e sintetizou a vangarda europea para introduciren, coma un repetidor, un novo campo na escena electrónica española, orixinando toda unha morea de novos artistas e produtores.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Interfront (Invisible 1)
  • Es imposible, no puede ser... (Invisible 2)
  • War!!
  • Serie Megabeat (cinco discos)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]