Mazapán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Figuras de mazapán.
Froitas de mazapán.

O mazapán é un doce preparado a base de azucre e améndoa moi moída, que se fai moitas veces en forma de figuriñas, típico de diferentes zonas de Europa e Asia occidental[1].

Este doce é típico de España, e malia non ser tradicional en Galiza, nas últimas décadas converteuse nunha sobremesa tradicional do Nadal. A primeira referencia deste doce é en Toledo no ano 1577, cando se consumía todo o ano.[2] Hai moitas lendas arredor da súa orixe (incluíndo unha suposta orixe persiana), mais o máis probábel é que os mazapáns sexan de procedencia árabe. Así, o mazapán tería sido introducido en Europa ben dende o sur, coa invasión musulmá da península Ibérica no século VIII, ou ben dende o leste, a través de peregrinos e cruzados.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego entrou a partir do castelán mazapán. En portugués recibe os nomes de marzipã, marzipan ou maçapão, en inglés: marzipan, en francés: massepain.

A orixe do termo é discutida. Algunhas fontes sinalan que o nome do doce procede da península ibérica,[3] do latín martius panis (pan de marzo). Posibelmente o termo chegou ao castelán do árabe hispánico pičmáṭ, e este do grego παξαμάδιον (pasamadión), biscoitiño, influído por masa e pan , ou metátese de pasamadión en masapadión, para explicar l etimoloxía de mazapán[4].

Xeito de elaboración[editar | editar a fonte]

Cóllese a mesma cantidade de améndoa crúa pelada e azucre. Mestúranse e esmáganse até conseguir unha pasta de textura uniforme, sen bolborotos. A seguir déixase repousar e posteriormente dáselle forma. Pínta con clara de ovo, e enfórnase a 180 ºC durante uns minutos.

Tipos[editar | editar a fonte]

Hai diferentes tipos de mazapáns en gran parte de Europa, coma Alemaña, Francia, ou Italia. En España os máis sonados son os de Soto, na Rioxa, e o de Toledo. En Alemaña os de Lübeck e Königsberg[5].

Existen ademais diversas variedades de doces que levan a masa de mazapán coma base, coma os Huesos de santo (típico en Castela por Defuntos), un cano de mazapán recheo de confeitura de xema ou o Pan de Cádiz, unha masa de mazapán rechea de confeitura de xema de ovo e pataca doce confeitada, e despois enfornada sobre unha oblea.

Os panellets tradicionais elaborados en Cataluña son uns boliños de mazapán núcleo de mazapán bañados en ovo con améndoa picada ou piñóns por fóra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición en Portal das Palabras - http://portaldaspalabras.org/buscador?palabra=mazap%C3%A1n&sinom=0&homonimo=
  2. El libro de la repostería tradicional. 2003. pp. 84 - 85. ISBN 8496054047, 9788496054042.
  3. Manuel Martínez Llopis, (1989), «Historia de la gastronomía española», Alianza editorial, ISBN 84-206-0378-3
  4. Entrada de mazapán no Dicionario da Real Academia Española
  5. Bogle, Joanna (1992). Book of Feasts & Seasons. ISBN 0852442173, 9780852442173.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mazapán