Mateu Morral i Roca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mateu Morral xa morto.

Mateu Morral i Roca, nado en Sabadell en 1880 e finado en Torrejón de Ardoz o 2 de xuño de 1906, foi un anarquista catalán. É coñecido como responsable do atentado contra Afonso XIII e a raíña Vitoria Uxía de Battenberg o día da súa voda, o 31 de maio de 1906.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de comerciantes téxtiles de Barcelona, falaba varios idiomas. Nunha viaxe por Alemaña coñeceu e adoptou o anarquismo como ideoloxía. De volta en España decidiu abandonar o negocio familiar, e comezou a traballar con Francesc Ferrer i Guàrdia como bibliotecario. Nese período escribe algúns textos breves, como "Pensamientos Revolucionarios de Nicolás Estévanez", publicado cun prólogo de Federico Urales.

En 1906 viaxou a Madrid a preparar o atentado contra o Rei, consistente nunha bomba de fabricación caseira oculta nun ramo de flores que guindou desde o balcón da pensión na que se hospedaba contra a comitiva ó paso desta. A bomba, segundo Pío Baroja, fóralle entregada dez días antes, prodecente de Francia e envolta nunha bandeira francesa, polo seu ideólogo favorito, o militar e ex-Ministro da Guerra durante a Primeira República, Nicolás Estévanez. A pensión estaba localizada no terceiro piso do número 84 da rúa Maior. O ramo coa bomba foi dirixido cara a carroza real, pero tropezou na súa caída co tendido do tranvía, desviándose cara a multitude que estaba observando a comitiva. Os reis saíron ilesos, pero case trinta persoas morreron. Morral conseguiu escapar de Madrid (ó parecer coa axuda do xornalista José Nakens), pero o 2 de xuño foi recoñecido por varias persoas nun terreo próximo a Torrejón de Ardoz, onde se detivo para comer. Estas persoas avisaron a un garda xurado particular de campo, Fructuoso Vega, que tras algunhas pescudas conminouno a seguilo. Entregouse pacificamente, pero cando era conducido polo garda ó cuarteliño de Torrejón de Ardoz matouno dun tiro, suicidándose a continuación.

Tanto o seu corpo como o do garda foron mostrados na Casa do Concello da vila ata que foron levados a Madrid ás poucas horas.

No posterior xuízo José Nakens, Francesc Ferrer i Guàrdia e outros anarquistas foron condenados por conspiración. Un ano despois foron indultados.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]