Matanzas de Paracuellos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cemiterio de Paracuellos

As Matanzas de Paracuellos foron un conxunto de asasinatos realizados durante a Guerra Civil por membros do chamado bando republicano, no municipio madrileño de Paracuellos del Jarama.

Segundo se desprende de numerosas investigacións, aconteceron fusilamentos durante os primeiros meses do alzamento militar, no momento no que as tropas do bando nacional estaban próximas e entraren na capital española. Máis polo miúdo, foi na chamada Batalla de Madrid cando un número indeterminado de presos (varía entre os 2000 e os 5000) foron sacados dos cárceres madrileños para seren trasladados a outros cárceres máis afastados da capital. Estes traslados foron o pretexto dalgúns sectores máis radicais de esquerdas para axustizar aos supostos defensores do alzamento militar, ou opositores da República, sendo posíbel que se interceptaran os autobuses nos que eran trasladados os presos para desvialos cara a paraxe do arroio de San José, en Paracuellos del Jarama; e mais do de Soto da Aldovea en Torrejón de Ardoz; onde eran asasinados. A estas operacións coñecíaselle co nome de Sacas, e tiveron lugar entre o 7 de novembro e mailo 2 de decembro de 1936, namentres se enfrontaban as tropas gobernamentais e as franquistas polo control da cidade.