Martin McDonagh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Martin McDonagh, nado en Camberwell (Londres) o 26 de marzo de 1970, é un dramaturgo e realizador anglo-irlandés, coñecido polas súas pezas teatrais de gran brutalidade e estilo cinematográfico. Considérase que cultiva unha vertente extrema do teatro da crueldade, coñecida como In-yer-face, que destaca o aspecto violento e grotesco das obras para captar a atención do público, e que tivo como predecesor o xénero do guiñol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Inglaterra, fillo de pais irlandeses. Con 16 anos os pais regresaron a Irlanda, véndose obrigado a deixar os estudos e poñerse a traballar en Londres xunto ao seu irmán maior, o guionista John McDonagh. Subsistiu con pequenos traballos e axudas sociais. Pasaba os veráns cos seus pais en Galway.

Vista de Leenane, no condado de Galway, Irlanda.

Desde novo escribiu obras para a radio e a televisión, porén, non lle foron aceptadas. Entre 1994 e 1995 comezou co teatro. Nas vacacións en Irlanda familiarizouse co dialecto local, que usou en moitas das súas obras para ironizar e enfatizar o aspecto da vida rural irlandesa e a súa particular poesía.

Obra[editar | editar a fonte]

En 1996 acadou o premio do Círculo da Crítica Teatral británica ao dramaturgo máis prometedor do ano coa súa primeira obra, A raíña da beleza de Leenane (The Beauty Queen of Leenane)[1], que en 1998 foi nominada ao Premio Tony á mellor obra. Esta obra inicia unha triloxía de obras ambientadas no Condado de Galway, co que gañou o favor do público e da crítica. O ciclo, The Leenane Trilogy, complétase con Un cranio furado (A Skull in Connemara) e Oeste solitario (The Lonesome West), as dúas de 1997. As tres obras foron coproducidas polo Royal Court Theatre de Londres e o Druid Company Theatre de Galway.

A súa segunda triloxía irlandesa é The Aran Islands Trilogy, ambientada nunhas pequenas illas fronte á costa de Galway. Está composta por The Cripple of Inishmaan (1997), The Lieutenant of Inishmore (2001) e The Banshees of Inisheer, sen editar ao non considerala o autor suficientemente boa. The Cripple of Inishmaan foi estreada no Royal National Theatre (Cottesloe) de Londres. The Lieutenant of Inishmore, estrenada en Londres pola Royal Shakespeare Company, é unha comedia negra sobre un terrorista expulsado do IRA pola súa brutalidade, que de volta á súa aldea toma unha sanguenta represalia contra dos que asasinaron o seu gato.

Cartel de The Pillowman, nunha produción da compañía teatral Stage 2, da Universidade Sur de Utah, Estados Unidos.

A súa obra máis coñecida é The Pillowman (2003), a súa primeira obra "non irlandesa". Foi escrita cando McDonagh era dramaturgo residente do Royal National Theatre, onde foi estreada. O actor Jeff Goldblum foi un dos protagonistas da montaxe estreada no Booth Theater de Broadway, en 2005. Trata dun escritor detido pola policía nun estado totalitario debido a que os seus contos se relacionan con asasinatos de nenos. Carentes de probas contundentes, os interrogadores pretenden executalo extraxudicialmente. Os contos (algúns deles postos en escena- sorprenden polos atroces maltratos e asasinatos infrinxidos a nenos. No 2004 a obra recibiu o Premio Laurence Olivier e o Premio do Círculo da Crítica de New York á mellor obra estranxeira, e o Premio Tony 2005 ao mellor texto teatral.

na tempada 2009-10 estreouse a súa seguinte obra, A Behanding in Spokane.

Cine[editar | editar a fonte]

En 2005 iniciouse no cinema coa curtametraxe Six shooter. Fala dun home que viaxa en tren cara á súa casa unhas horas horas despois da morte da súa esposa, e que se encontra no vagón cun mozo estraño que resulta ser un psicópata. O filme obtivo o Oscar á mellor curtametraxe en 2006.

En xaneiro de 2009 presentouse a súa primeira longametraxe, In Bruges, que abriu o Festival de Sundance. Está protagonizado por Ralph Fiennes, Colin Farrell e Brendan Gleeson. En 2009 gañou o premio BAFTA (British Academy Film Awards) ao mellor guión e foi nomeada ao Oscar ao mellor guión orixinal. Colin Farrell logrou o Globo de Ouro ao mellor actor de comedia.

Traducións[editar | editar a fonte]

A súa obra foi traducida a 29 linguas e estreada en 39 países[2]. En galego estreáronse A raíña da beleza de Leenane (dirixida por Xúlio Lago), Un cranio furado e Oeste solitario (dirixidas por Quico Cadaval).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Artigo en www.criticscircle.org (en inglés).
  2. Ficha de Martin McDonagh Teatre Lliure de Cataluña (en catalán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]