Mariner 4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mariner 4
Mariner 3 and 4.jpg
Mariner 4
Tipo Científico
Organización NASA
Destino actual Órbita heliocéntrica.[1][2][3]
Data de lanzamento 28 de novembro de 1964, 14:22 GMT[4][1][5]
Foguete portador Atlas Agena D[1][3]
Sitio de lanzamento Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampa 12[1][2]
Obxectivo da misión Estudo de Marte.[1][2]
NSSDC ID 1964-077A
Masa 260,68 kg[1]
Potencia 170 W[1]

Mariner 4 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 28 de novembro de 1964 mediante un foguete Atlas Agena D desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para sobrevoar e estudar Marte.[1][3][2]

Características[editar | editar a fonte]

Mariner 4 pertenceu ó programa Mariner da NASA. Era idéntica á anteriormente fallida Mariner 3 e a súa misión era facer un sobrevoo de Marte para facer medicións e observacións científicas, converténdose na primeira sonda en sobrevoar con éxito ese planeta e transmitir imaxes da súa superficie, imaxes que foron as primeiras obtidas durante unha misión no espazo profundo. Mariner 4 fixo tamén medicións no espazo interplanetario e serviu para adquirir experiencia en voos interplanetarios de longa duración.[1][3][2]

A nave estaba composta por un corpo octagonal de magnesio de 1,27 metros de diagonal e 45,7 cm de altura que albergaba a electrónica, o cableado, o sistema de propulsión e reguladores. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares sobresaíndo da estrutura, cunha envergadura de 688 cm entre cada par de paneis. Cada panel medía 176 x 90 cm e en conxunto proporcionaban ata 310 W de potencia á distancia de Marte, alimentando unha batería de prata e cinc cunha enerxía de 1200 vatios hora.[1][3][2]

As comunicacións corrían a cargo dunha antena parabólica de alta ganancia e 116,8 cm de diámetro situada na parte superior da estrutura octagonal e dunha antena omnidireccional situada no extremo dun mastro de 223,5 cm de longo situada ó lado da antena de alta ganancia, co que a altura total da nave era de 289 cm. A nave transmitía en banda S e os datos podían gardarse nunha grabadora de cinta cunha capacidade de 5,24 Mbit para retransmitilos máis tarde.[1][3][2]

O sistema de propulsión alimentábase con hidracina, cun motor principal de 220 N de pulo para as correccións de curso e doce pequenos propulsores alimentados por nitróxeno frío para o control de actitude. Para o coñecemento da posición, Mariner 4 usaba catro sensores solares e varios sensor para localizar a Terra, Marte e Canopus.[1][3][2]

Instrumentación científica[editar | editar a fonte]

Unha composición con dúas das fotos tomadas por Mariner 4.

Na parte inferior do octágono situábase a cámara de televisión, montada sobre unha plataforma móbil. O resto da instrumentación consistía nun magnetómetro, un detector de po, un telescopio de raios cósmicos, un detector de radiación, unha sonda de plasma solar e unha cámara de ionización e contador Geiger.[1][3][2]

Desenvolvemento da misión[editar | editar a fonte]

Tras o lanzamento, Mariner 4 e a última etapa do foguete lanzador quedaron nunha órbita de aparcadoiro arredor da Terra ás 14:27:23 UTC do 28 de novembro de 1964, acendéndose de novo o foguete para inxectar a Mariner 4 nunha órbita de transferencia cara Marte. Mariner 4 separouse da última etapa do foguete ás 15:07:09 e comezando as operacións de cruceiro.[1][3][2]

Sete meses e medio máis tarde, Mariner 4 sobrevoou Marte entre o 14 e o 15 de xullo de 1965, tomando 21 imaxes completas e 21 liñas dunha vixesimosegunda imaxe incompleta que se gardaron na grabadora de a bordo, e cuxa transmisión á Terra durou ata o 3 agosto, enviándose por duplicado para verificar que os datos estaban completos. En conxunto, as imaxes cubrían cerca do 1% da superficie total de Marte. A mínima aproximación foi de 9846 km sobre a superficie ás 1:00:57 UTC do 15 de xullo.[1][3][2]

Mariner 4 seguiu transmitindo ata o 1 de outubro de 1965 en que a posición da antena e a distancia á Terra (309,2 millóns de quilómetros) impediron a comunicación. As comunicacións reanudáronse cara finais de 1967. O 15 de setembro a nave rexistrou 17 impactos de micrometeoritos en 15 minutos, modificando a actitude da nave e posiblemente danando o escudo térmico. O gas de control de actitude agotouse o 7 de decembro, e os días 10 e 11 de decembro rexistráronse 83 impactos que modificaron de novo a actitude da sonda, xa sen posibilidade de recuperar a posición inicial e degradando as comunicacións coa Terra. As comunicacións finalizaron definitivamente o 21 de decembro de 1967.[1][3][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 "Mariner 4" (en inglés). 1 de xullo de 2013. http://nssdc.gsfc.nasa.gov/nmc/spacecraftDisplay.do?id=1964-077A. Consultado o 2 de agosto de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 "Mariner 3-4" (en inglés). 2011. http://astronautix.com/craft/marner34.htm. Consultado o 2 de agosto de 2013. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 "Mariner 3, 4" (en inglés). Gunter's Space Page. 2013. http://space.skyrocket.de/doc_sdat/mariner-3.htm. Consultado o 2 de agosto de 2013. 
  4. "Mariner 4 (MARS)" (en inglés). Real Time Satellite Tracking. 2011. http://www.n2yo.com/satellite/?s=938. Consultado o 2 de agosto de 2013. 
  5. "Mariner 4" (en inglés). 2010. http://claudelafleur.qc.ca/Spacecrafts-1964.html#Mariner-4. Consultado o 2 de agosto de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mariner 4

Outros artigos[editar | editar a fonte]