Mariner 2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mariner 2
Mariner 2.jpg
Mariner 2.
Tipo Científico
Organización NASA
Destino actual En órbita heliocéntrica, fora de servizo.[1][2][3]
Data de lanzamento 27 de agosto de 1962, 9:21 GMT[4][1][5][6]
Foguete portador Atlas Agena B[1][3]
Sitio de lanzamento Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampa 12[1][2]
Obxectivo da misión Estudo de Venus.[1][2]
NSSDC ID 1962-041A
Masa 202,8 kg[1]
Potencia 220 vatios[1]

Mariner 2 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 27 de agosto de 1962 mediante un foguete Atlas Agena B desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para estudar Venus.[1][3][2]

Características[editar | editar a fonte]

Mariner 2 pertenceu ó programa Mariner da NASA e foi a segunda do seu tipo. Era idéntica á previamente fallida Mariner 1 e a súa misión era facer un sobrevoo de Venus para facer medicións e observacións científicas do planeta e o seu contorno. Foi a primeira sonda interplanetaria que tivo éxito.[1][3][2]

A nave estaba composta por unha base hexagonal cunha diagonal de 1,04 metros e 0,35 metros de alto, que albergaba seis compartimentos co equipamento de control, electrónica, comunicacións, enerxía e datos. Na parte superior do hexágono atopábase un mastro piramidal coa instrumentación científica e dándolle á nave unha altura total de 3,66 metros. Na base oposta do hexágono atopábanse os paneis solares, cunha envergadura total de 5,05 metros e un ancho de 0,76 metros. No mesmo lado atopábase o prato da antena de alta ganancia.[1][3][2]

O sistema de enerxía de Mariner 2 estaba composto polos paneis solares e as baterías alimentadas por estes, cunha enerxía total de 1000 vatios hora e feitas de prata e cinc. As comunicacións tiñan lugar grazas a un transmisor cunha potencia de 3 vatios capaz de emitir telemetría continuamente e a varias antenas, unha parabólica de alta ganancia, unha cilíndrica omnidireccional situada no extremo do mastro científico, e dúas antenas para recibir comandos de terra, unha en cada extremo dos paneis solares. O sistema de propulsión principal para as manobras de corrección estaba formado por un foguete de 225 N de pulo alimentado con hidracina, tetróxido de nitróxeno e partículas de óxido de aluminio. O control de actitude conseguíase mediante propulsores de nitróxeno cun erro de apuntado de 1 grao.[1][3][2]

Instrumentación científica[editar | editar a fonte]

No extremo do mastro científico, baixo a antena omnidireccional, atopábase o magnetómetro. Cara a metade do mastro atopábanse os detectores de partículas e o detector de raios cósmicos. Nos bordos da base hexagonal estaban situados o detector de po cósmico e o espectrómetro de plasma solar, mentres que cerca da base do mastro, e montados nunha antena de 48 cm de diámetro, estaban o radiómetro de microondas e o radiómetro infravermello xunto co radiómetro de referencia. Tódolos instrumentos, excepto os radiómetros, que foron acendidos na veciñanza de Venus, funcionaron durante todo o tempo da viaxe, recollendo datos do medio interplanetario.[1][3][2]

Desenvolvemento da misión[editar | editar a fonte]

Traxectoria que seguíu a Mariner 2 para chegar a Venus.

Tras o lanzamento, a sonda, xunto coa etapa superior do foguete, quedaron nunha órbita de aparcadoiro a 118 km de altura. 980 segundos máis tarde o foguete acendeuse e deixou á Mariner 2 nunha órbita heliocéntrica aos 26 minutos e 3 segundos do lanzamento, escapando da atracción gravitatoria terrestre. Os paneis solares despregáronse aos 44 minutos do lanzamento e o 29 de agosto os instrumentos científicos, excepto os radiómetros, foron acendidos. A primeira manobra de corrección de traxectoria tivo lugar o 4 de setembro ás 22:49:00 UTC, finalizando ás 2:45:25 do día seguinte. O 8 de setembro a nave perdeu o seu control de actitude de maneira inesperada e por causas descoñecidas, recuperándose automaticamente tres minutos máis tarde. O 31 de outubro un dos paneis solares comezou a ter problemas para producir electricidade, apagándose os instrumentos científicos; unha semana máis tarde o panel volveu a funcionar correctamente, co que os instrumentos volveron a acenderse, pero o panel fallou totalmente o 15 de novembro. Neste punto Mariner 2 xa estaba suficientemente cerca do Sol como para poder producir electricidade sen problemas para toda a nave cun só panel solar. Os radiómetros acendéronse o 14 de decembro, e ese mesmo día ás 19:59:28 a nave pasou á súa mínima distancia de Venus, 34.773 km, achegándose polo lado nocturno do planeta. Tras o sobrevoo de Venus, Mariner 2 pasou polo perihelio o 27 de decembro. A última transmisión de Mariner 2 foi recibida o 3 de xaneiro de 1963 ás 7:00 UTC.[1][3][2]

Resultados científicos[editar | editar a fonte]

Mariner 2 descubreu que Venus rota sobre si mesmo retrogradamente, é dicir, no sentido contrario ó que a Terra rota sobre si mesma. Determinou tamén que a temperatura na superficie de Venus era moi alta, de centos de graos Celsius, e que a súa presión era de decenas de atmosferas. Comprobou ademais que a composición da atmosfera era maioritariamente dióxido de carbono, cunha cobertura nubosa continua ata unha altura de 60 km, e que o planeta carecía de campo magnético. No medio interplanetario descubriu que o vento solar sopra continuamente e que a densidade de po cósmico é moito menor que nas proximidades da Terra. O sobrevoo permitiu ademais mellorar a estimación da masa de Venus e do valor da unidade astronómica.[1][3][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 "Mariner 2" (en inglés). 1 de xullo de 2013. http://nssdc.gsfc.nasa.gov/nmc/spacecraftDisplay.do?id=1962-041A. Consultado o 26 de xullo de 2013.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 2,9 "Mariner 2-2" (en inglés). 2011. http://astronautix.com/craft/marner12.htm. Consultado o 26 de xullo de 2013.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "Mariner 2, 2" (en inglés). Gunter's Space Page. 2013. http://space.skyrocket.de/doc_sdat/mariner-1.htm. Consultado o 26 de xullo de 2013.
  4. "MARINER 2 (VENUS)" (en inglés). Real Time Satellite Tracking. 2011. http://www.n2yo.com/satellite/?s=374. Consultado o 26 de xullo de 2013.
  5. (PDF) Letter dated 1 October 1962 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Acting Secretary-General. 3 de outubro de 1962. pp. 2. http://www.unoosa.org/oosa/download.do?file_uid=1094.
  6. "Mariner 2 (Mariner II)" (en inglés). 2010. http://claudelafleur.qc.ca/Spacecrafts-1962.html#Mariner-2. Consultado o 26 de xullo de 2013.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mariner 2

Outros artigos[editar | editar a fonte]