Maria Anna Mozart

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maria Anna Mozart
Nome completoMaria Anna Walburga Ignatia Mozart
AlcumeNannerl
Nacemento30 de xullo de 1751
Lugar de nacementoSalzburgo
Falecemento29 de outubro de 1829
Lugar de falecementoSalzburgo
SoterradaPetersfriedhof
NacionalidadeArcebispado de Salzburgo
Relixióncatolicismo
Ocupaciónpianista, compositora e clavicembalista
PaiLeopold Mozart
NaiAnna Maria Pertl Mozart
IrmánsWolfgang Amadeus Mozart
Na rede
Musicbrainz: 7dff8315-1c93-4214-9721-2748a351018a WikiTree: Mozart-8 Find a Grave: 746 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Retrato de Maria Anna Mozart.

Maria Anna Walburga Ignatia Mozart, tamén chamada Nannerl e Marianne, nada o 30 de xullo de 1751 e finada o 29 de outubro de 1829, foi unha famosa música do século XVIII. Era a irmá máis vella de Wolfgang Amadeus Mozart e filla de Leopold e Anna María Mozart.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Nannerl naceu o 31 de xullo de 1751 en Salzburgo, sendo a cuarta filla do matrimonio entre Anna Maria Mozart (de soltera Pertl) e Leopold Mozart. A pesar de que o matrimonio tivera tres fillos antes de nacer Nannerl, a elevada mortalidade infantil na Europa da época, ningún deles sobrevivira.[1]

Tanto ela como o seu irmán Wolfgang foron educados na casa da man de seu propio pai, quen lle aprendeu os principios básicos da lectura, a escritura, o debuxo e a aritmética, así como nocións de historia e xeografía.[1] Pola súa banda, a formación musical de Nannerl comezou a unha idade moi temperá, polos constantes ensaios de Leopold e os seus compañeiros músicos.[1] Sábese que aos 7 anos de idade, o seu pai comezou a ensinalle a tocar instrumentos de clavicordio,[2] instrumento no que dende o principio mostrou unha gran destreza e unha alta capacidade para a aprendizaxe, tocando cun virtuosismo abraiante para a época cando tiña once anos.[3] O prodixio dos seus fillos motivou a Leopold a levala xunto co seu irmán a Múnic en 1762 para que actuaran ante Maximiliano III, o príncipe elector de Baviera.[a], así como a Viena nunha viaxe que se prolongaría tres meses.[5] Leopold levouna en viaxes a moitas cidades, tales como Viena e París, para explotar os seus talentos. Nos seus comezos destacouse como excelente intérprete en clave e piano.

En 1767, durante unha viaxe a Viena e a actual República Checa, seu irmán comezou a amosar síntomas de padecer a varíola,[6][7] diagnóstico que finalmente se confirmaría. Contra o 10 de novembro dese mesmo ano Wolfgang sentíase mellor, mais entón foi Nannerl quen tamén contraeu a enfermidade e estivo enferma durante tres semanas.[8]

De calquera xeito, dada a opinión dos seus pais, frecuente na sociedade da súa época, facíase imposible que continuara a súa carreira. De acordo co New Grove, "dende 1769 en diante non se lle permitiu amosar o seu talento artístico nas viaxes co seu irmán, xa que acadara a idade para casar".[9] Durante os anos 1770, mentres Wolfgang triunfaba artisticamente en Italia xunto co seu pai, Maria Anna debía permanecer na súa casa xunto a súa nai. Igualmente tivo que quedar na casa co seu pai mentres Wolfgang visitaba París e outras cidades (1777-1779) coa súa nai.

Existen evidencias de que Maria Anna escribiu composicións musicais, como poden ser as cartas de Wolfgang gabando o seu traballo, pero a voluminosa correspondencia de Leopold xamais menciona ningunha das súas composicións, e tampouco sobreviviu ata hoxe ningunha delas.

Matrimonio e maternidade[editar | editar a fonte]

En contraste co seu irmán, quen loitaba co seu pai e finalmente desobedecía os seus desexos respecto a aspectos cruciais (elección de carreira e de esposa), Marianne permanecía completamente servil fronte ós desexos do seu pai. Namorouse de Franz D´Ippold, capitán e titor privado, pero foi forzada polo seu pai a desfacer a súa proposta de matrimonio, malia os vaos esforzos realizados por Wolfgang de que seguira as súas propias preferencias.

Finalmente contraeu matrimonio o 23 de agosto de 1783 cun maxistrado millonario, Johann Baptist Franz von Berchtold zu Sonnenburg, e mudouse con el a St. Gilgen, unha vila austríaca a 25 km ó leste de Salzburgo, cidade onde estaba o fogar da familia Mozart. Sonnenburg tiña dous matrimonios anteriores, os cales remataron ó morrer as mulleres, e tiña cinco fillos ós cales Marianne axudou a criar. Tamén deu a luz tres nenos propios: Leopold Alois Pantaleon (17851840), Jeanette (17891805) e Maria Babette (17901791).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sadie pon en dúbida esta visita, suxerindo que puido ter sido «lembrada erroneamente» por Nannerl.[4]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 Glover 2005, pp. 16-17.
  2. Sadie 2006, p. 18.
  3. Blom 1935, p. 8.
  4. Sadie 2006, p. 22.
  5. Sadie 2006, pp. 23-29.
  6. Hopkins 2002, p. 63.
  7. Halliwell 1998, p. 124.
  8. Solomon 1995, p. 70.
  9. "Mozart family". Grove Music Online (en inglés). Consultado o 9 de decembro de 2020.  (require subscrición)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]