Marciano, Emperador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda de Marciano celebrando as súas vitorias.

Flavius Marcianus Augustus (c. 390 - Xuño de 457) Emperador de Oriente, tamén chamado Imperio bizantino, desde o 450 ata a súa morte en 457.

Marciano naceu en Tracia ou Iliria. Os seus primeiros anos serviu como soldado anónimo, para posteriormente poñerse ao mando de Ardaburio e Aspar e tomar parte nas guerras contra os persas e vándalos. Marciano foi tomado prisioneiro polos vándalos nunha batalla preto de Regius en 431, foi levado ante o rei vándalo Xenserico, e liberado baixo o xuramento de nunca alzar armas contra os vándalos.

A través da influencia dos xenerais Aspar e Zenón, foi nomeado capitán da garda, e posteriormente tribuno e senador. Á morte de Teodosio II foi escollido para sucedelo por estes dous xenerais e pola irmá de Teodosio, Pulqueria, coa que casou.

Marciano realizou o último pago dos onerosos tributos impostos por Atila o huno, tributos que este recibía desde o reinado de Teodosio II para frear os seus ataques ao Imperio de Oriente. Consciente de que nunca podería capturar a capital oriental, Constantinopla, Atila dirixiuse ao oeste e emprendeu as súas campañas famosas en Galia (451) e Italia (452) abandonando os dominios de Marciano.

Reformou as finanzas e repoboou os distritos devastados. Rexeitou ataques en Siria e Exipto (452), e sufocou perturbacións na fronteira armenia (456). Outro evento notábel do seu reino é o Concilio de Calcedonia (451) en que Marciano intentou mediar entre as escolas rivais de teoloxía, en conflito pola natureza de Cristo (disputas cristolóxicas).

Marciano ignorou os asuntos do Imperio Romano de Occidente. Non fixo nada para axudar ao oeste durante as campañas de Atila, e, mantendo a súa promesa, ignorou as depredacións de Gunderico cando os Vándalos saquearon Roma en 455.

Pouco antes da morte de Atila en 453, o conflito entre el e o emperador reiniciouse. Con todo, o rei dos hunos morreu antes da guerra. Nun soño, Marciano dixo ver o arco de Atila rompéndose diante del, e uns días despois correuse a voz que o seu grande inimigo morrera.

Marciano morreu en 457 de enfermidade, posibelmente unha gangrena contraída durante unha longa xornada relixiosa.

A Igrexa Ortodoxa recoñéceo a el e a súa esposa Pulqueria como santos, sendo o 17 de febreiro o día da súa festa.


Imperio Bizantino

Segue a:
Teodosio II
Marciano, Emperador
Precede a:
León I, Emperador
Dinastía Valentiniana-Teodosiana