Mar de Andamán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
LocationAndamanSea.png

O mar de Andamán (en birmano မုတ္တမ Mottama, en tailandés ทะเลอันดามัน Thale Andaman, en malaio e indonesio Laut Andaman); tamén chamado mar de Birmania, é un sector do océano Índico situado ao sueste do golfo de Bengala, ao sur de Birmania, ao oeste de Tailandia e ao leste das Illas Andamán, das que toma o seu nome. Ten uns 1.200 km de norte a sur e 650 km de leste a oeste, formando unha área de 797.700 km². A súa profundidade media é de 870 metros e a máxima chega aos 3.777 metros. O principal río que desemboca nas súas augas é o Irawady.

No seu extremo sueste, o mar de Andamán comunícase co mar de China Meridional a través do estreito de Malaca, que separa a illa de Sumatra da península Malaia.

Placas tectónicas[editar | editar a fonte]

Mapa tectónico do mar de Andamán.

No fondo oceánico do mar de Andamán corre de sur a norte o límite de dúas placas tectónicas: a placa de Birmania e a placa de Sunda. Estas microplacas crese que anteriormente formaban parte da gran placa Euroasiática, e que apareceron co constante choque da placa de India.

Como resultado, o fondo mariño. no seu centro, esténdese formando unha cunca marxinal que comezou a súa formación fai 3 ou 4 millóns de anos.

Actividade volcánica[editar | editar a fonte]

Ao leste da principal illa do arquipélago, Gran Andamán, atópase a illa Barren, que ten un volcán activo (o único volcán activo de todo o subcontinente indio). Esta actividade volcánica está provocada pola subdución da Placa India no arco formado polas illas Andamán, o que forza ao magma a emerxer na Placa de Birmania. A illa volcánica de Narcondam tamén foi formada por este proceso, pero non ten actividade eruptiva recente.

Delimitación da IHO[editar | editar a fonte]

A máxima autoridade internacional en materia de delimitación de mares, a Organización Hidrográfica Internacional («International Hydrographic Organization, IHO), considera o mar de Andamán («Andaman» ou «Burma Sea» (Mar de Birmania)) como un mar. Na súa publicación de referencia mundial, «Limits of oceans and seas» (Límites de océanos e mares, 3ª edición de 1953), asígnalle o número de identificación 44 e defíne os seus límites do seguinte xeito:

No sudoeste.
Unha liña que vai de Oedjong Raja (5º32'N, 95°12'E) en Sumatra, a Poeloe Bras (Breueh) e a través das illas occidentais do grupo Nicobar até punta Sandy na illa Pequena Andaman, de tal maneira que todas as augas dos estreitos pertencen ao mar de Birmania.
No noroeste.
O límite oriental da baía de Bengala (43).
No sueste.
Unha liña que une Voalan Lem (7º47'N) en Siam, e Pedropunt, (5º40'N) en Sumatra.
Limits of oceans and seas, páx. 21 e 22.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A versión orixinal en inglés está dispoñible en liña no sitio oficial da «International Hydrographic Organization» en: http://www.iho-ohi.net/iho_pubs/standard/S-23/S23_1953.pdf. Consultado o 10 de xullo de 2011.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]