María Lopo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Lopo
Nacemento20 de novembro de 1967
Lugar de nacementoVigo
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónescritora
Na rede
Dialnet: 188127
editar datos en Wikidata ]

María González Lopo, coñecida como María Lopo, nada en Vigo en 1967, é unha ensaísta, investigadora e tradutora galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciada en filoloxía francesa pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada e doutorada en literatura francesa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes,[1] onde deu clase nos anos noventa. Foi profesora de Literatura Francesa da Universidade de Santiago de Compostela e é profesora numeraria de Francés de IES.

En Francia publicou un estudo sobre o teatro radiofónico de Samuel Beckett (2000), e os libros Guillevic et sa Bretagne (2004) e Univers Guillevic (2017), centrados no poeta bretón Guillevic, no que é especialista.

Como investigadora, interesouse sobre todo pola poesía francesa contemporánea e polo celtismo, incluídas as relacións de Galicia co mundo celta, temas sobre os que publicou numerosos escritos en revistas especializadas e na prensa. Coordinou o monográfico Labirintos celtas de Unión Libre (1997) e editou en 2019 dúas antoloxías poéticas galaico-bretoas complementarias: "Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega", en edición bilingüe galego-bretón, e "Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña", en edición multilingüe galego, bretón, francés e inglés.

Publicou un ensaio xeral sobre o tema identitario, titulado "O lugar", no volume "Indíxenas" dos mesmos cadernos (2002). Reuniu numerosos escritos en galego, bretón, francés e español na obra Ensaios en espiral (2014).

En Galicia ocupouse do estudo e coñecemento das culturas celtas, mentres que en Francia propagou o estudo e coñecemento de Galicia, pois a ela se deben numerosos artigos sobre a mesma en revistas francesas como Celtics, Bretagne ou Cahiers Galiciens-Cadernos Galegos-Kaieroù Galizek, e tres libros profusamente ilustrados: Fisterra (1999), La Galice (2002) e Galice & Compostelle, l'autre Finistère (2009).

Traduciu desde o francés ao galego á poeta bretoa Anjela Duval, a Alquimia do verbo de Rimbaud, ao cantautor Léo Ferré, á poeta surrealista Joyce Mansour e ao poeta Guillevic, así como a numerosos poetas galegos ó francés. É autora da antoloxía bilingüe galego-bretoa Moito máis que mil anos / Muioc’h kalz eget mil bloaz (2000) de Claudio Rodríguez Fer e, con Annick Boilève-Guerlet, das traducións Viaxes a ti / Voyages à toi (2008) e Os amores profundos / Les amours profonds (2016), mentres que con Marianne Equy traduciu Diálogos imposibles / Dialogues impossibles (2018), todas obras de Claudio Rodríguez Fer.

Forma parte do comité fundacional de Unión Libre. Cadernos de vida e culturas e colaborou en numerosos xornais e revistas, como, ademais das xa citadas, La Voz de Galicia, Galicia Internacional, Ínsula, Moenia, Serta, Boletín Galego de Literatura ou Clave Orión.

Especialista na actriz exiliada galega María Casares, publicou en 2008 Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949) e en 2016 O tempo das mareas. María Casares e Galicia. Ademais, a súa obra teatral O meu nome é María Casares (Unión Libre, núm. 13, Sada, Ediciós do Castro 2007) foi adaptada en 2008 polo grupo Sarabela Teatro co título de María Casares. A vida triunfante,[2] con dirección e dramaturxia de Ánxeles Cuña Bóveda, representándose en diversas cidades de Galicia e en París.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega (2019), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia
  • Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña (2019), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia
  • Univers Guillevic (2017), Rennes, PUR.
  • O tempo das mareas. María Casares e Galicia (2016), Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.
  • Os amores profundos / Les amours profonds (2016), de Claudio Rodríguez Fer. Prólogo de María Lopo. Tradución de María Lopo, Annick Boilève-Guerlet, Claude Henri Poullain e Michéle Lefort. Santiago de Compostela, Editorial Follas Novas.
  • Ensaios en espiral (2014), Santiago de Compostela, Unión Libre.
  • Valente vital (Ginebra, Saboya, París), de María Lopo, Claudio Rodríguez Fer e Tera Blanco de Saracho, Santiago de Compostela, Cátedra Valente de la USC, (2014).
  • Galice & Compostelle, l'autre Finistère, Photographies d’Yvon Boëlle. Brest: Éditions Géorama, (2009).
  • Cartas no exilio. Correspondencia entre Santiago Casares Quiroga e María Casares (1946-1949), A Coruña: Baía Edicións, 2008.
  • Voyages à toi / Viaxes a ti, de Claudio Rodríguez Fer. Tradución de María Lopo e Annick Boilève-Guerlet. Culleredo: AULIGA / Espiral Maior, 2008.
  • Feminino irregular. Roles e estereotipos de xénero nos manuais de lingua francesa, Santiago de Compostela: Tórculo Edicións, 2004.
  • Guillevic et sa Bretagne. Coll. Plurial, nº 13, Rennes: Presses Universitaires de Rennes, 2004.
  • La Galice. Photographies d’Yvon Boëlle. Coll. Itinéraires de découvertes. Rennes: Éditions Ouest-France, 2002.
  • "Paroles dans le noir. L’aventure radiophonique de Samuel Beckett", Galice-Bretagne-Amérique Latine. Melanges offerts à Bernard Le Gonidec, Édition de Jean-Pierre Sánchez. Rennes: Université de Rennes 2 – Haute Bretagne, 2000, pp. 161–169.
  • Muioc’h kalz eget mil bloaz / Moito máis que mil anos, de Claudio Rodríguez Fer. Prólogo de María Lopo. Tradución de María Lopo, Herve ar Bihan, Alan Botrel e Gwendal Denez. Ilustracións de Sara Lamas. Col. Skrid. Lesneven: Ed. Hor Yezh, 2000.
  • Fisterra. Photographies de Bernard Galéron. Coll. Terre celte. Rennes: Éditions Apogée, 1999.
  • "Camiñar nas linguas", Faíscas xacobeas, Xenebra: Éditions Impossibles, 1999, p. 20.
  • "Fole e o celtismo", Congreso Ánxel Fole. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1997, pp. 119–133.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Año Internacional de María Casares
  2. "Un ciclo de conferencias con expertos internacionais sobre a figura de María Casares inaugurará as conmemoracións da Xunta no centenario da artista - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2022-11-22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]