Manuel de la Riba Moreno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaManuel de la Riba Moreno
Biografía
NacementoA Rioxa, España Editar o valor em Wikidata
Morte2 de abril de 1831 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónempresario Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Manuel de la Riba Moreno, nado en Ortigosa de Cameros, A Rioxa, en data descoñecida e finado o 2 de abril de 1831, foi un empresario rioxano que desenvolveu o seu traballo en Santiago de Compostela dende aproximadamente 1760 deica a crise de 1820-1830. A súa tarefa como empresario é representativa dun modelo de empresa que se caracterizou por aproveitar a conxuntura da apertura do comercio americano en 1778, a diversificación empresarial (comercio, industria, barcos etc) e a administración de grandes masas de bens.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Manuel de la Riba Moreno, fillo de Manuel de la Riba del Molino e Rosa Moreno, chegou a Galicia sen capital algún, incitado pola presenza de parentes instalados nas terras de Santiago. Acolleuse ao sistema de reprodución empresarial da época (sistema de mancebía), xa que a primeira nova que temos del é de 1780, na que aparece rexistrado coma mancebo de Josefa de Lago, da parroquia de San Bieito, en Santiago. Casou coa filla desta, Francisca de Barros, o 30 de agosto do 1792. Anteriormente, 17 de febreiro do 1791, constituíuse en socio da señora de Lago na firma Viuda de D. Luís de Barros. Morre a súa sogra o 8 de marzo de 1797, deixándolle a Manuel de la Riba integramente o comercio.[1]

De la Riba detentou diversos cargos na cidade. En 1793 foi elixido Deputado do Común no Concello de Santiago. En 1804 o Cabido noméano Mordomo ou Administrador dos bens da "Mensa Capitularis", a institución economicamente máis poderosa da cidade, o que lle permitía acceder as poxas dos bens embargados por falta de pagamento das rendas a esta institución. Aproveitou este cargo mercando propiedades inmobiliarias (rendas e terras), tanto na cidade de Santiago como noutros lugares, que na data da súa morte non chegaban a significar unha parte importante do seu patrimonio. En 1805 encomendóuselle a administración do crédito público da cidade. Tamén no mesmo ano é nomeado Colector da Real Graza do Subsidio do Arcebispado. Así mesmo foi o comisionado principal da Comisión Gobernativa e Administrador da Consolidación de Vales da Caixa de Santiago.

A súa base económica foi o comercio herdado, situado na rúa da Acibechería, nos números 26 e 27. Á morte do seu fundador, Ignacio Calvo Cárdenas, en 1809 mercou parte da fábrica de curtidos de Ponte Pedriña, en Compostela, e en 1819 fíxose coa parte restante. Á súa morte a fábrica foi taxada en 1 224 569 reais. Coma era corrente entre os comerciantes santiagueses da época, dispoñía de almacéns e factorías portuarias, neste caso en Carril, con dous almacéns, unha factoría e unha casa-granxa de 1795 en adiante. Engadiu as súas actividades a participación na propiedade dalgúns barcos, aínda que nunca foi armador.

Foi representante de varias casas estranxeiras, tales como a Hochleiter (Ámsterdam) e a de Pedro Lucador e Sobriño (Bordeos) e apoderado da casa de Federico Huth e Cia. (Londres). O seu principal produto de venda eran os coiros, que distribuía por medio de comerciantes das vilas aos zapateiros e zoqueiros rurais, e os potes de Inglaterra e cerámica de Sargadelos. Atendía a cidades, preferentemente á Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra e, en menor medida, Lugo e Ferrol.

Foi soterrado na Capela do Socorro de San Martiño. De entre os ben que recolle o seu testamento chama a atención a súa biblioteca, composta por 403 volumes, pola súa modernidade e variedade, pois ao revés do uso da época contiña moi poucas obras literarias e relixiosas. A súa biblioteca revela un talante ilustrado e sensible ás ideas liberais, e aínda que non se pronunciou politicamente, polos seus cargos no cabido é evidente que aceptaba o absolutismo.

Deixou cinco fillos superviventes. O primeiro deles, Nicolás, estudou Dereito e foi Decano do Colexio de Avogados da Coruña (1845,1853,1854). En 1837 e 1840 foi Deputado en Cortes, liberal e de gran prestixio pola súa intervención en proxectos xurídicos. O segundo fillo, Luís, continuou a empresa do pai.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carmona Badía, X., Coord. Empresarios de Galicia, artigo de Barreiro Fernández, X.R. CIEF, Centro de Investigación Económica e Financeira. Fundación Caixa Galicia, 2006.