Manuel Santa Cruz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Manuel Ignacio Santa Cruz Loidi, coñecido como o crego de Santa Cruz, nado en Elduaien en 1842 e finado en Pasto, Colombia, en 1926, foi un sacerdote e guerrilleiro carlista vasco.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Santa Cruz era párroco de Hernialde. Tras a revolución de 1868 realizou propaganda activa en favor do carlismo mais, detido en outubro de 1870, conseguiu fuxir cara Francia. En abril de 1872, ao comezo da Terceira Guerra Carlista, atravesou a fronteira e púxose a cabeza dunha pequena partida. Detido en agosto, conseguiu fuxir dos seus captores e refuxiarse en Francia para pasar outra vez a fronteira en decembro e porse á fronte dos seus homes. Actuou na provincia de Gipúscoa, converténdose nun dos líderes guerrilleiros con máis sona pola súa valentía, pero tamén pola súa crueldade. Entrou en conflito cos mandos militares carlistas pola súa independencia e viuse obrigado a deixar a loita e pasar a Francia en xullo de 1873, se ben volveu en decembro por pouco tempo. Exiliouse en Lille e Londres. Ingresou na Compañía de Xesús e realizou un labor misioneiro en Xamaica e Colombia.