Manuel Jiménez Abalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manolo Jiménez
Información persoal
Nome Manuel Enrique Jiménez Abalo
Nacemento 27 de outubro de 1956
Lugar de nacemento Vilagarcía de Arousa
Altura 1,77 m.
Posición Defensa central
Carreira xuvenil
Arousa
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1974–1977 Arousa 74+ (0)
1977–1979 Sporting de Gijón B 75 (7)
1979–1991 Sporting de Gijón 420 (8)
1991–1992 Burgos 38 (0)
Total 507+ (15)
Selección nacional
1981–1982 España B 6 (0)
1981 España 1 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Manuel Enrique Jiménez Abalo, nado en Vilagarcía de Arousa o 27 de outubro de 1956, é un exfutbolista galego, que xogaba de defensa central. Xogador histórico do Sporting de Gijón, é o segundo futbolista con máis partidos disputados na historia do club (534), durante as 12 tempadas que vestiu a súa camiseta, todas elas na Primeira División.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezos en Vilagarcía[editar | editar a fonte]

Comezou xogando ao baloncesto, deporte que compaxinou co fútbol ata que se decidiu por este último.[1] Entrou no equipo xuvenil do Arousa e máis tarde pasou ao primeiro equipo, co que logrou o ascenso á Terceira División na tempada 1974/75. Titular indiscutible na defensa arousá, disputou 74 partidos de liga nas seguintes dúas tempadas na categoría de bronce do fútbol español.

Sporting de Gijón[editar | editar a fonte]

En 1977 marchou a Asturias para fichar polo Deportivo Gijón, filial do Sporting de Gijón, co que xogou durante dúas tempadas, tamén na Terceira División. En 1979 subiu ao primeiro equipo, no que militou durante os seguintes 12 anos. Debutou na Primeira División da man do adestrador Novoa, na primeira xornada da tempada 1979/80, nunha vitoria por 2-1 contra o Sevilla no Molinón. Poucos días despois debutou tamén na Copa da UEFA, nun encontro ante o PSV. Disputou un total de 47 partidos na súa primeira tempada co equipo xixonés, todos eles como titular, e rematou terceiro na liga.

Foi un fixo nas aliñacións titulares do Sporting nos seguintes anos ata acadar un total de 534 partidos oficiais, converténdose así no segundo futbolista con máis encontros na historia do club, só por detrás de Joaquín. Foi titular nas dúas finais da Copa do Rei que o equipo xogou de xeito consecutivo en 1981 e 1982, perdendo ambas contra o FC Barcelona e o Real Madrid respectivamente.[2]

Burgos[editar | editar a fonte]

En 1991 rematou contrato co Sporting e recibiu a chamada de Novoa, o seu antigo adestrador no equipo asturiano, que lle ofreceu xogar no Real Burgos.[3] Fichou entón polo club burgalés, co que xogou completos os 38 partidos de liga da tempada 1991/92, na que o Burgos rematou noveno. Ao remate da tempada colgou as botas, sendo naquel momento o terceiro futbolista con máis partidos completos na historia da Primeira División (446) e o primeiro entre os xogadores de campo.

Selección española[editar | editar a fonte]

Despois de xogar varios partidos coa selección B de España, o 18 de novembro de 1981 debutou coa selección absoluta nun amigábel contra a Polonia. Foi o seu único partido como internacional absoluto, pois aínda que formou parte do combinado español no Mundial de 1982, non chegou a debutar no torneo.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Arousa

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Frieiro, Fátima. "Entrevista a tres representantes del fútbol arousano". eSmás (en castelán) (22). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  2. Rodríguez, J. R. (12 de abril de 2020). "Nostálgico recuerdo de una final de Copa del Rey en desventaja". As (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2022. 
  3. "Una charla entre leyendas del Sporting con pasado en el Burgos: "Hay que aclarar quién llevará la batuta deportiva"" (en castelán). 2 de abril de 2022. Consultado o 12 de maio de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]