Manuel Becerra Bermúdez
Manuel Becerra Bermúdez, nado en Castro de Rei o 20 de outubro de 1820 e finado en Madrid o 19 de decembro de 1896, foi un matemático e político galego. Foi ministro con Amadeo I, Alfonso XII e durante a Rexencia de María Cristina. Así mesmo, foi un destacado masón, e Gran Mestre do Gran Oriente de España.
Índice |
Traxectoria [editar]
Afamado matemático, titulouse como enxeñeiro civil na Academia de Enxeñeiros Civís, e foi membro de número da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
Politicamente destacou polas súas ideas progresistas e revolucionarias que o levaron a participar activamente na Revolución de 1848 o que lle valeu ser encarcerado en varias ocasións e ter que buscar refuxio no estranxeiro noutras.
En 1854 volverá participar nos movementos revolucionarios que darán lugar ao Bienio Progresista (1854-1856) e tralo golpe de estado do xeneral O'Donnell que lle puxo fin será detido, desterrado a Bilbao e posteriormente se exiliará en Francia.
Manuel Becerra volve á vida política do país con ocasión da Revolución de 1868 formando parte, como deputado, da Xunta Superior Revolucionaria entre o 5 de outubro e o 19 de outubro de 1868.
Tralas eleccións de 1869 resultou elixido deputado en Cortes pola provincia de Lugo aínda que finalmente optou pola circunscrición de Madrid e como tal ocupou a carteira de ministro de Ultramar entre o 13 de xullo de 1869 e o 31 de marzo de 1870 durante a rexencia do xeneral Francisco Serrano Domínguez.
Tras volver resultar elixido deputado nas eleccións de 1871 e 1872 ocupará a carteira de ministro de Fomento entre o 19 de decembro de 1872 e o 12 de febreiro de 1873, xa baixo o reinado de Amadeo I.
Ocupará ese mesmo ministerio no primeiro goberno da Primeira República Española entre o 12 de febreiro e o 24 de febreiro de 1873 baixo a presidencia de Estanislao Figueras.
Coa restauración monárquica formou parte de tres dos gobernos presididos por Práxedes Mateo Sagasta como ministro de Ultramar: entre o 11 de decembro de 1888 e o 21 de xaneiro de 1890, entre o 21 de xaneiro e o 5 de xuño de 1890 e entre o 12 de marzo e o 4 de novembro de 1894.
| Predecesor: Juan Bautista Topete |
Ministro de Ultramar 1869 - 1870 |
Sucesor: Segismundo Moret |
| Predecesor: José de Echegaray |
Ministro de Fomento 1872 - 1873 |
Sucesor: Eduardo Chao |
| Predecesor: Trinitario Ruiz Capdepón |
Ministro de Ultramar 1888 - 1890 |
Sucesor: Antonio María Fabié |
| Predecesor: Antonio Maura Montaner |
Ministro de Ultramar 1894 - 1894 |
Sucesor: Buenaventura Abarzuza Ferrer |
Vida masónica [editar]
Foi un destacado masón: Soberano Gran Comendador do Supremo Consello nos anos 1884-1889 e Gran Maestre do Gran Oriente de España.