Mandrágora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mandrágora

Flores de mandrágora (Mandragora officinarum).
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Asteridae
Orde: Solanales
Familia: Solanaceae
Subfamilia: Solanoideae
Tribo: Mandragoreae
Xénero: Mandragora
L. 1735
Especie: Mandragora officinarum

A mandrágora[1] (Mandragora officinarum ou officinalis) é unha especie de planta herbácea fanerógama do xénero Mandragora, na familia das solanáceas, de raíz grosa e napiforme, follas grandes e ovais, e flores abrancazadas ou moradas, que foi usada cumpridamente en Europa como planta medicinal.

Vista da planta.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha planta perenne que acada un tamaño de 0,1 m por 0,3 m. Ten flores hermafroditas (con órganos masculinos e femininos) e son polinizadas por insectos. A planta é autofértil.

As raíces teñen forma de cenoura e pode acadar até 1,2 metros de longo, a miúdo divídense en dúas e suxiren vagamente a figura do corpo humano. As follas medran en rosetas e son ovado-oblongas a ovais, engurradas, de 5 a 40 centímetros de longo. As inflorescencias prodúcense en pedúnculos con flores de cor branca-averdadas ou moradas, de case 5 centímetros de largo, que producen froitos globulares, de cor laranxa a vermellos, semellantes a tomates pequenos. Todas as partes da planta son velenosas.

Distribución[editar | editar a fonte]

A planta medra de xeito natural no sur e centro de Europa e nas terras ao redor do mar Mediterráneo. No Campo de Xibraltar é moi abundante.

Cultivo[editar | editar a fonte]

A planta precisa solos ben drenados que sexan acedos ou neutros. Pode medrar en semi-sombra (a luz do bosque) ou sen sombra.

Resiste asombrosamente ben o frío, aínda que non tanto a calor, especialmente se recibe sol directo, a diferenza do seu parente, a M. autumnialis. Non precisa demasiados coidados, pero si manter un nivel razoábel de humidade na terra. Se se reseca por falta de auga é moi difícil recuperala.

Usos medicinais[editar | editar a fonte]

Raíces da mandrágora.
Planta mitolóxica.
Froitos.

Aínda que demasiado tóxica para utilizala na asa, os remedios que esta planta ten son moitos.

Os indios americanos utilizaron a raíz coma un laxante forte, para tratar vermes, parasitos e para moitas outras doenzas e pestes.

A raíz utilízase actualmente contra o cancro. A droga Etopósido non deriva da raíz desta planta xa que Podophyllum peltatum non ten nada que ver coa mandrágora.

A Mandragora officinarum ten unha longa historia coma menciña, malia ter a superstición xogado un papel importante nos usos aos que se aplicou. De cando en cando prescríbese no moderno herbolario.

A raíz fresca ou seca contén alcaloides altamente velenosos, entre eles a atropina, hiosciamina, escopolamina, escopina e cuscohigrina.[2] A raíz é alucinóxena e narcótica. En grandes cantidades induce a un estado de esquecemento e foi utilizada como un anestésico para a cirurxía na antigüidade.[3] No pasado, o mollo da raíz finamente relado aplicábase externamente para aliviar dores reumáticas.[3] Tamén foi utilizada internamente para tratar a melancolía, as convulsións e as teimas.[3] Cando se toman internamente en grandes doses, con todo, dise que excita o delirio e a tolemia.[3]

No pasado, coa mandrágora facíanse, a miúdo, amuletos que se cría que traían boa sorte, curaban a esterilidade etc. Nunha superstición, disque aqueles que tiren cara a arriba desta raíz serían condenados ao inferno e a raíz de mandrágora berraba, ao ser tirada do chan, matando todo aquel que a ouvía.[4] Polo tanto, no pasado, as persoas ataban as raíces aos corpos de animais e logo utilizaban estes animais para turraren das raíces da terra.[4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Mandragora officinarum foi descrita por Linné e publicado en Species Plantarum 1: 181, no ano 1753.[5]

Sinonimia
  • Mandragora officinalis
  • Atropa acaulis Stokes
  • Atropa humilis Salisb.
  • Atropa mandragora L.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]