Malonil-CoA

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Malonil-CoA.
Número CAS: 524-14-1 .

O malonil-coencima A ou malonil-CoA é un tioéster formado por un grupo malonilo (derivado do ácido malónico) unido ao coencima A, coa fórmula C24H38N7O19P3S [1] [2]. É moi importante no metabolismo de ácidos graxos e outras substancias. Como no enlace tioéster os dous compoñentes da molécula se unen por un átomo de xofre (S), ás veces aparece escrito así: malonil-S-CoA.

Funcións[editar | editar a fonte]

O malonil-CoA é un importante intermediario nas rutas de ácidos graxos e policétidos.

Tamén intevén no transporte de alfa-cetoglutarato á matriz mitocondrial a través da membrana mitocondrial.

Biosíntese de ácidos graxos[editar | editar a fonte]

Na biosíntese de ácidos graxos o malonil-CoA proporciona as unidades de dous cabonos necesarias para a elongación das cadeas de ácidos graxos.

O malonil-CoA fórmase por carboxilación do acetil-CoA en reacción catalizada polo encima acetil-CoA carboxilase. Unha molécula de acetil-CoA únese cunha molécula de bicarbonato (formado a partir de CO2 e H2O) [3], con gasto de enerxía procedente do ATP.

O malonil-CoA é utilizado na biosíntese de ácidos graxos polo encima malonil coencima A:proteína transportadora de acilos transacilase (MCAT). A MCAT serve para transportar o malonato do malonil-CoA ao terminal tiol da holo-proteína transportadora de acilos (ACP).

Na elongación da cadea dos ácidos graxos saturados intervén unha soa molécula de acetil-CoA e moitas de malonil-CoA (tantas como sexan precisas segundo a lonxitude da cadea). O acetil-CoA só forma os dous primeiros carbonos que inician a síntese e que formarán o extremo final da cadea, entanto que os outros grupos de dous carbonos cos que sucesivamente se vai aumentando a cadea proceden do malonil-CoA, con perda de CO2.

Biosíntese de policétidos[editar | editar a fonte]

O encima MCAT tamén está implicado na biosíntese bacteriana de policétidos.

Regulación[editar | editar a fonte]

O malonil-CoA é unha molécula moi regulada na síntese de ácidos graxos. Inhibe a reacción limitante da beta-oxidación dos ácidos graxos. O malonil-CoA inhibe a asociación dos ácidos graxos coa carnitina ao regular o encima carnitina aciltransferase, impedindo dese modo a entrada do ácido graxo nas mitocondrias onde tería lugar a oxidación dos ácidos graxos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pub chem compund [1]
  2. ChemSpider [2]
  3. Nelson D, Cox M (2008) Lehninger principles of biochemistry. 5th Ed: p. 806

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]