Canguro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Macropus")
Canguro
Canguro gris oriental con cría
Canguro gris oriental con cría
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Infraclase: Marsupialia
Orde: Diprotodontia
Familia: Macropodidae
Xénero: 'Macropus'
Subxénero: Macropus e Osphranter

Co nome xeral de canguro denomí­nanse aos exemplares da grande familia dos macrópodos, que abrangue, ademais; os wallabys, o canguro arborí­cola, os wallaroos, pademelons, e os quokkas; o cal supón máis de 63 especies. Son endémicos do continente de Australia, asemade, os canguros arborí­colas viven tanto en Australia coma na Illa de Nova Guinea.

En xeral pode dicirse que os canguros se teñen adaptado aos cambios introducidos polo ser humano nas paisaxes australianas mellor ca algúns dos seus parentes, que se atopan en perigo. Malia iso, existe unha grande polémica arredor da cría de canguros para carne destinada ao consumo humano.

O canguro é unha icona de Australia; aparece no escudo de armas de Australia, nalgunhas moedas, e a súa imaxe é empregadas por algunhas empresas, entre elas, Quantas (a principal compañía aérea do país).

Terminoloxí­a[editar | editar a fonte]

A palabra canguro deriva gangurru, unha palabra da lingua Guugu Yimidhirr, falada polos nativos de Australia. Con este termo desí­gnase a unha especie de canguro gris.

É falsa a crenza que se ten, de que a palabra gangurru foi empregada polos nativos australianos, co significado de "non entendo", cando os europeos tentaron comunicarse con eles. Na variedade de inglés que se fala en Australia existen distintos termos para se referir aos canguros, por exemplo as palabras buck, boomer e jack, empréganse para os animais macho; para as femias, doe, flyer e jill; e a cría do canguro é chamado joey. Ademais, como nomes colectivos existen en inglés as seguintes formas: mob ("multitude), troop ("compañía" ou "tropas"), e court ("corte"). Coloquialmente tamén se coñecen como roos (singular "roo"), o cal é un clipping da palabra orixinal kangaroo, quedando reducida tan só a roo.

Principais tipos de especies[editar | editar a fonte]

Canguro vermello, Zoo de Melbourne.

O canguro vermello (Macropus rufus) é o marsupial vivo de maior tamaño que existe no mundo, malia que o número de exemplares é menor ca noutras especies de canguros. Vive nas rexións áridas e semiáridas do continente australiano. Un macho grande pode chegar a medir 2 metros e pesar 90 kg.

O canguro gris oriental (Macropus giganteus), fóra de Australia é menos coñecido que o anterior, pero resulta máis doado velo na natureza, xa que o seu hábitat abrangue toda a fértil rexión oriental do país.

O canguro gris occidental (Macropus fuliginosus) é algo máis pequeno que o oriental, un macho grande pode acadar os 54 kg. Pódese atopar na zona sur da rexión occidental do país, no sur de Australia, e na cunca do río Darling.

Canguro gris occidental con cría.

Á parte destas tres especies principais, existen outras 60 especies de animais que están intimamente unidas aos canguros dentro da familia dos Macropodidae.

Xéneros prehistóricos[editar | editar a fonte]

Procoptodon.

Sthenurus "Cola dura".

Propleopus, canguro carnívoro que viviu durante os períodos do plioceno e plistoceno (ex: canguro rata xigante).

Simosthenurus, canguros herbívoros que se alimentaban de follas.

Descrición física[editar | editar a fonte]

A pouca velocidade, os canguros empregan as catro patas e máis a cola.

Durante moito tempo os canguros foron considerados como animais estraños. Os primeiros exploradores ao describilos dicían que as súas cabezas eran coma as dos cervos, pero sen cornos; poñíanse de pé coma o home, e saltaban coma as ras. Todo isto, xunto coa aparencia das femias coa súa cría, coma seres de dúas cabezas, fixo que os exploradores non falasen destas criaturas nas súas narracións cando retornaban aos seus fogares.

Os canguros posúen unhas patas traseiras longas e poderosas, uns pés longos para brincar, unha longa cola que os axuda co seu equilibrio, e unha cabeza pequena. Os canguros, coma todos os marsupiais, teñen unha bolsa, coñecida coma marsupio ou bolsa marsupial, na cal a cría se desenvolve despois de que teña lugar o parto.

Os canguros son os únicos animais grandes que empregan os brincos para se desprazar. A velocidade á que adoiten brincar os canguros vermellos é duns 20-25 km/h, podendo chegar a brincar ata a 70 km/h nas distancias curtas.

Este eficiente método de transporte, a nivel de velocidade e enerxía, non se desenvolveu para a protección contra os depredadores, senón, para que poder cubrir longas distancias na procura de comida e auga.

A diferenza doutros mamíferos, o escroto dos canguros (o cal os machos teñen en lugar do marsupio) atópase afastado do pene, case no medio do ventre. En épocas en que vai moita calor pode verse como os animais teñen o escroto baixado para protexer os testículos da calor, e subido cando se moven.

Os canguros viven unha media de 9 a 18 anos, algúns exemplares ata os 28.

Dieta[editar | editar a fonte]

Os canguros son grandes herbívoros que se alimentan de herba, raíces, e son rumiantes. Todas as especies son nocturnas e crepusculares; normalmente pasan o día lacazaneando e, á tardiña, á noite, e á mañá, pasan o tempo desprazándose e alimentándose, normalmente en grupo.

Flatulencias[editar | editar a fonte]

A pesar de teren os canguros unha dieta semellante á das vacas, os canguros non producen metano coa súa dixestión. O hidróxeno resultante da fermentación é convertido en acetato, que logo é empregado para proporcionar máis enerxía. Os científicos están interesados na posibilidade de trasladar a bacteria dos canguros ao gando vacún, xa que o metano é un tipo de gas de efecto invernadoiro que é 23 veces máis potente que o dióxido de carbono.

Depredadores[editar | editar a fonte]

Os canguros teñen poucos depredadores naturais. Segundo os paleontólogos, o tigre de Tasmania foi o maior depredador natural que tiveron os canguros, mais hoxe en día están extintos. Porén coa chegada do home á illa fai polo menos 50.000 anos, e coa introdución do dingo fai 5.000 anos, os canguros tivéronse que adaptar a estes depredadores. O mero ladrido dun dingo pode facer que un canguro adulto se poña histérico. As aguias de ás cuneiformes poden ser depredadores oportunistas, que poden cazar canguros novos; podendo chegar a ferir e, incluso matar a un canguro adulto (incluso a un canguro vermello adulto), pero só cando as aguias non dispoñen doutras fontes para se alimentar. Estas aguias e outros animais, normalmente se alimentan de canguros que xa estaban mortos. As goannas (parentes dos varanos) e outras especies de réptiles carnívoros poden supor perigo para algunhas das especies de canguros de menor tamaño, pero só cando escasean outras fontes.

Á parte dos dingos e outros cánidos, algunhas especies introducidas polo home coma os raposos e os gatos asilvestrados tamén supoñen un perigo para os canguros. Os canguros e os wallabys son bos nadadores, a miúdo foxen meténdose na auga se teñen ocación. Se se ve perseguido na auga, un canguro grande podería empregar as súas patas dianteiras (as mans/gadoupas) para manter ao seu depredador baixo a auga para afogalo. Outra técnica defensiva contada por testemuñas, consiste en que un canguro para defenderse, pode coller ao can que o está acosando coas patas dianteiras, mentres lle saca as entrañas coas poutas das patas traseiras.

Vida social[editar | editar a fonte]

Os grupos ou mandas de canguros poden estar compostos por uns 10 machos e femias, ou máis. O macho dominante (chamado boomer) ten unhas características de tamaño e idade determinantes. Un macho ten acceso temporal ás femias do grupo para copular con elas. Os machos adoitan a controlar as femias da manda e a intimidar aos outros machos da manda para que non se apareen con elas.

Na maioría de especies de canguros, o cortexo conleva que o macho examine a cloaca das femias. Os machos a miúdo son rexeitados polas femias por seren de menor tamaño, pero no caso dos machos grandes, as femias, poden simplemente afastarse del. É bastante corrente que a femia ouriñe cando está a ser examinada por un macho. O macho cheira os ouriños repetidas veces ata que está satisfeito e procede a efectuar a cópula. Estudos científicos concluíron que este ritual que levan a cabos os machos, sérvelles para saber cando unha femia lles é receptiva.

O macho excitado segue á femia receptiva, que sobe a súa cola. Pode ter lugar un xogo que preceda á cópula, no cal o macho e a femia frotan as súas colas. Unha cola arqueada é síntoma de que un membro da parella, ou os dous, están preparados para o apareamento. Ás veces, pode verse como o macho frota as costas da femia antes de se aparearen.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Cría mamando no teto, no interior do marsupio.

Os canguros contan cun número de adaptacións que desenvolveron para poder facer fronte á vida nun continente seco, pouco fértil e cun clima altamente variable. Como acontece no resto de marsupiais, as crías nacen nunha fase temperá do desenvolvemento tras unha xestación de 31 a 36 días. Neste momento só os membros anteriores están algo desenvolvidos para permitir ao recén nacido subir ata a bolsa marsupial e agarrarse a un teto. Realizando unha comparación, un embrión humano nunha fase de desenvolvemento semellante, estaría nunhas 7 semanas, e os bebés prematuros con menos de 23 semanas de xestación non acostuman estar o suficientemente desenvolvidos como para poderen sobrevivir.

A cría fica no marsupio arredor de 9 meses, antes de que comece a saír da bolsa por breves espazos de tempo; e é alimentado pola súa nai ata unha idade de 18 meses.

Unha femia de canguro está permanentemente empreñada, excepto no día no que pare; porén pode conxelar o desenvolvemento dun embrión ata que a cría anterior estea preparada para saír do marsupio; isto coñécese co nome de diapausa, e ten lugar en períodos de secas e escasa dispoñibilidade de alimento. A composición do leite que producen os canguros femias varía en función das necesidades da cría; incluso pode producir dous tipos de leite distintos, un para o recén nado e outro para a cría anterior.

Os canguros e os wallabys contan con tendóns longos e elásticos nas súas patas traseiras, desenvolvidos para permitirlles brincar. Amorean enerxía elástica nos tendóns das súas patas traseiras, proporcionando a enerxía necesaria para un salto, grazas á acción dos tendóns no canto de esforzo muscular. Isto acontece en todos os animais que teñen os músculos conectados ao esqueleto a través de elementos elásticos coma os tendóns, pero no caso dos canguros o efecto vese máis pronunciado.

Tamén existe unha conexión entre a acción de chimpar e respirar; cando os pés se despegan da terra, o aire é expulsado dende os pulmóns; o movemento que fai o canguro cos pés cara adiante para aterrar, permítelle volver encher os pulmóns, proporcionándolle unha maior economización enerxética. Estudos feitos con canguros e wallabys demostraron que, máis alá da cantidade de enerxía requirida para dar os chimpos, o aumento da velocidade case non supón un aumento do esforzo, cousa que non acontece con outros animais; coma cabalos, cans e co home. Para os canguros, o maior beneficio dos chimpos non é escapar dos seus depredadores (a velocidade máxima que pode acadar un canguro é similar á que pode acadar outro cuadrúpede do seu tamaño), e os depredadores orixinarios de Australia non supoñen un risco tan grande coma outros que proveñen doutros continentes; senón a economización da súa enerxía: nun continente infértil cun clima altamente variable, e a capacidade para percorrer longas distancias na busca de alimento, o cal é imprescindible para a súa supervivencia.

En 2004 comezou un proxecto de colaboración entre Australia (especialmente pagado polo estado de Victoria) e os Institutos Nacionais de Saúde dos Estados Unidos para a secuenciación do xenoma dos canguros. O xenoma dun marsupial coma o canguro é de grande interese para os científicos que realizan estudos comparativos de xenómica, dado que os marsupiais se atopan nun estado ideal de diverxencia evolutiva dos homes: os ratos atópanse demasiado preto e non desenvolveron funcións moi diferentes, mentres que as aves son xeneticamente remotas. A industria dos lácteos tamén ten expresado algún interese por este proxecto.

Cegueira nos canguros[editar | editar a fonte]

Os trastornos e as patoloxías nos ollos non son habituais nos canguros. O primeiro informe de cegueira nos canguros data de 1994 dunha rexión no centro de Nova Gales do Sur. Ao ano seguinte, publicáronse outros informes de cegueira en canguros en Victoria e Australia do Sur. En 1996 a enfermidade xa se estendera ata Australia occidental, a través do deserto. As autoridades australianas eran conscientes de que a enfermidade se podería transmitir posiblemente a outros animais e aos humanos. Investigacións nos Laboratorios Australianos de Saúde Animal, en Geelong, detectaron o virus chamado Wallal en dúas especies de mosquitos, os cales se cre eran os portadores do virus. Os veterinarios tamén descubriron que menos do 3% dos canguros expostos aos virus desenvolvían a enfermidade.

Contacto cos seres humanos[editar | editar a fonte]

Antes da chegada dos europeos, os canguros eran un animal moi importante na vida dos nativos australianos, por mor da súa carne, pel, ósos, e tendóns. Ademais, tiñan importantes historias dreaming e cerimonias nas que os canguros formaban parte. Aherrenge é un lugar no Territorio do Norte de historias dreaming con canguros. O pobo Kurnai practicaba o Marn grook, un xogo no cal se empregaba un bóla feita de canguro.

A diferenza de moitos dos pequenos macrópodos, aos canguros foilles ben dende o asentamento dos europeos en terras australianas. Os europeos talaron bosques para crear grandes prados para a cría de gando ovino e bovino, crearon fontes de auga en rexións áridas, e reduciron substancialmente o número de dingos.

Os canguros son por natureza tímidos e normalmente non supoñen ameaza ningunha para o home. Os machos adoitan a boxear entre eles, xogando para dominar, ou ben competindo por unha parella. A destreza das súas patas dianteiras é empregada en dar puñadas e forcexar cos seus adversarios, pero o verdadeiro perigo agáchase nun golpe cunha pata traseira; as unllas afiadas das dedas poden chegar a sacarlle as entrañas ao seu rival.

Existen moi poucos casos arquivados de ataques de canguros a humanos sen que houbese unha provocación previa ao animal, pero algúns deses ataques inmotivados espallaron o medo en 2004 a que os canguros tivesen algunha enfermidade semellante á rabia. O único caso documentado e constatado dun ataque fatal a unha persoa, tivo lugar en 1936 en Nova Gales do Sur; un cazador foi morto ao intentar rescatar aos seus dous cans dunha forte pelexa. Algunhas persoas opinan que o comportamento errático e perigoso dos canguros podería deberse á sede e fame extremas.

En 2004, Lulu, unha canguro gris oriental salvoulle a vida a un granxeiro. O 19 de maio de 2005, fíxoselle entrega a Lulu do Premio Nacional ao Valor Animal RSPCA (A Sociedade Real para a Prevención da Crueldade en Animais de Australia).

Problemas con vehículos[editar | editar a fonte]

Sinal de tráfico que advirte do paso de canguros na estrada.
Un canguro cruzando unha estrada.

O choque contra un vehículo pode causarlle a morte a un canguro. Sábese que os canguros, cegados polos faros dos vehículos ou asustados polo ruído do motor, poden saltar diante dun vehículo. Tendo en conta que nun chimpo medio os canguros poden chegar aos 50 km/h e son algo pesados, a forza do impacto pode ser grave. Un vehículo pequeno pode resultar esnaquizado, mentres que vehículos de maior tamaño poden sufrir danos no motor. O risco de dano aos ocupantes do coche pode verse agravado se a colisión se produce contra o parabrisas. Para evitar este tipo de problemas existen en Australia un sinais de tráfico especiais que advirten do posible paso de canguros pola estrada.

Os vehículos que frecuentan estradas illadas, onde atopar asistencia na estrada pode ser difícil, son equipados con roobars (barras anti-canguros) para minimizar o dano producido por unha colisión eventual. Tamén se teñen deseñado e comercializado aparellos que, montados enriba da capota, espantan á fauna salvaxe fóra da estrada, empregando ultrasóns e outros métodos.

No caso de se producir un choque contra unha femia, as asociacións polos dereitos dos animais piden que se lle bote unha ollada ao marsupio, por se puider haber unha cría no seu interior, en cuxo caso poida ser levada a un santuario de vida salvaxe ou a un veterinario cirurxián para a súa rehabilitación. Do mesmo xeito, cando un adulto resulta ferido, pódese consultar que instrucións de coidado seguir a un veterinario, á RSPCA ou ao Servizo de Parques Nacionais e Fauna Salvaxe. En Nova Gales do Sur a rehabilitación dos canguros é realizada por voluntarios do WIRES (Servizo de Información e Rescate da Fauna Salvaxe).

A cría e rehabilitación dun bebé canguro[editar | editar a fonte]

Ás veces, algunhas persoas deciden criar os bebés canguros por si mesmos. A regra xeral di que se o bebé canguro está cuberto xa de pelo (e non nun estado embrionario), existen moitas posibilidades de conseguir crialo. Cómpre empregar leite sen lactosa na alimentación do canguro, de non ser así, podería quedar cego. As crías saltan facilmente ao interior dunha bolsa de tea se llela sitúan xusto diante e á altura á que estaría o marsupio da súa nai. O instinto dun bebé canguro é o de abrazarse, razón pola cal acaban facéndose querer polos seus coidadores. Mais tras seren criados por persoas, non se pode ceibalos na natureza e esperar que se vallan por si mesmos de inmediato. Xeralmente os santuarios da fauna salvaxe acollen ben aos canguros que non se poden valer por si mesmos, ou que teñen medrado moito, facéndose demasiado pequeno o lugar onde se criaban; sendo necesaria, como mínimo, unha extensión dun acre cun valado de 7 pés de altura para un canguro adulto.