Macchi C.202

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Macchi MC.202»)
Macchi C.202 Folgore
TipoCaza
FabricanteMacchi Aeronautica
Deseñado porMario Castoldi
Primeiro voo10 de agosto de 1940
Introducido1941
Retirado1947
Unidades construídas1.100
VariantesMacchi MC.205

O Macchi C.202 Folgore (raio) foi un caza italiano usado durante a segunda guerra mundial. Tratábase dunha evolución do MC.200 ao que se lle instalou un motor lineal de orixe alemá que lle deu maior potencia. Voou por primeira vez en agosto de 1940 cun motor Daimler-Benz DB 601A-1 e resultou ser moi superior ao seu predecesor. Construíronse 1.100 exemplares de 11 versións distintas.

A partir do Folgore o seu deseñador, Mario Castoldi, realizaría o MC.205 Veltro, que faría o seu primeiro voo en novembro de 1942.

Historia[editar | editar a fonte]

Macchi C.202

A súa aparición debeuse á combinación da célula do MC.200, concretamente do modelo MC.201, cun motor alemán, o Daimler-Benz DB 601A-1, un motor de 12 cilindros en V invertida, cunha potencia de 1.175 CV que xa equipaba ao Messerchmitt Bf 109 xermano.

Ao contrario que o seu predecesor, que tivo que cinguirse ás especificacións da Regia Aeronautica, o Folgore foi unha iniciativa do xefe de deseño de Macchi, Mario Castoldi. O enxeñeiro recolleu a experiencia obtida cos avións de carreiras da compañía impulsados por motores lineais. Castoldi só tivo entón que realizar as modificacións precisas para instalar o motor, importado por Macchi dende Alemaña a principios de 1940.

O resultado foi un avión coa manobrabilidade do seu antecesor, pero con maior velocidade grazas ao motor alemán. Tiña unhas limpas liñas aerodinámicas e unha construción moi robusta. Demostrou unha boa rapidez ascensional e gran capacidade para operar dende pistas pouco preparadas, sobre todo no deserto.

Así e todo o Folgore tamén presentou unha serie de problemas. A grandes velocidades experimentaba fortes vibracións debido á ausencia de compresión nos aleróns e na dirección. Outro importante problema do que se queixaban os seus pilotos era o seu insuficiente armamento. O avión estaba equipado con dúas metralladoras Breda-Safat de 12,7 mm enriba do capó, que disparaban a través da hélice, pero estas eran insuficientes en comparación coa potencia dos cazas aliados. Na Serie IV tentouse arranxar este problema instalando dúas metralladoras de 7,7 mm nas ás, e incluso chegou a probarse nun exemplar a instalación de canóns subalares Mauser MG 151 de 20 mm.

O seu prototipo realizou o seu primeiro voo o día 10 de agosto de 1940 ao mando do comandante Carestiato, o mellor piloto de probas de Macchi. O Ministerio do Aire italiano ordenou inmediatamente a construción do Folgore e chegou a subcontratarse a súa produción con Breda, que o construiría na súa fábrica de Milán.

Adquiriuse a licenza para fabricar o motor en Italia e da súa produción encargaríase Alfa Romeo, que o bautizaría co nome de R.A.100 R.C.41-I Monzoni (monzón). Despois dos primeiros envíos Alemaña reduciu os envíos de subministración de Daimler-Benz, que precisaba para os seus propios avións. Alfa Romeo non podía subministrar máis de 40 ou 50 unidades do motor ao mes, que aínda por riba tiñan que compartirse tamén co Reggiane Re.2001, polo que a produción do Folgore ralentizouse.

En combate[editar | editar a fonte]

Os primeiros C.202 da Regia Aeronautica chegarían á fronte do norte de África a finais de 1941, tarde para frear a ofensiva aliada en Tobruk, pero a principios de 1942 medirían as súas forzas cos Hurricane e os Spitfire que defendían a illa de Malta. Nesas datas uniríanse tamén aos Bf 109 do Afrika Korps na campaña que sitiaría Alexandría e que remataría coa derrota dos alemáns e italianos en El Alamein en outubro dese ano.

Dende ese momento os Folgore actuarían de escolta dos Ju 87 alemáns e dos S.M.79 italianos nos seus bombardeos en Malta e nos combates que protexían a retirada das súas tropas. No norte de África tiveron a oportunidade de enfrontarse aos cazas estadounidenses P-39 Airacobra e P-38 Lightning, superando sen problemas aos primeiros pero estando os combates moi igualados cos segundos, que non tiñan tanta manobrabilidade pero si un armamento máis pesado.

Algunhas unidades actuaron na fronte do leste loitando contra a Unión Soviética. Alí combateron contra os Yak e os LaGG rusos e apoiaron ás súas tropas terrestres.

Antes da rendición italiana en 1943 os Folgore enfrontaríanse aos bombardeiros estadounidenses B-17 e B-24 e aos cazas que os escoltaban nas súas misións de bombardeo no sur de Italia.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]